23/2/16

Comeza a loita contra outro megaproxecto mineiro en Galicia

 
Mapa dos permisos de investigación mineira Isabela II en vermello e Livia en azul | Fonte: Salvemos Cabana
 
"ContraMINAción inicia unha nova campaña contra o proxecto mineiro Isabela II, do Grupo M-FM 2001 SL. Un proxecto que afecta aos concellos de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco e que é cinco veces máis grande que o de Corcoesto.

Integrantes desta plataforma achegaronse a Zas este domingo para acompañar a representantes da federación de nove asociacións veciñais Pico da Meda na presentación de 307 alegacións e 1.187 sinaturas contra estes proxectos.

Precisamente, e tal e como aconteceu con Corcoesto, o principal problema dos veciños son as grandes dificultades que enfrontan á hora de elaborar as alegacións, pola falta de información completa e as dificultades de acceso aos expedientes, ademais de polo breve prazo dispoñíbel. 

"Tras informarse, moitos veciños xa están a organizarse para rexeitar rotundamente a introdución dunha actividade contaminante de estas características", apunta esta entidade.

As consecuencias potenciais negativas deste novo megaproxecto mineiro para a área afectada son moitas, segundo esta entidade. Así, denuncia que unha mina de ouro a ceo aberto implica o uso de cianuro, "un veleno moi contaminante e mortal", así como maquinaria pesada, recursos públicos, camiños e estradas, electricidade, e supón a introdución dunha actividade industrial moi agresiva nunha zona agrícola e gandeira -entre 1.500 e 2.000 explotacións de vacún afectadas-, con actividade de caza e pesca, apicultura e outras propias das zonas rurais.

As alegacións presentadas ao proxecto Isabela II refírense entre outras moitas cuestións a falta de planos de situación dos labores; a falta dun estudo xeolóxico e estudos de impacto ambiental; a indeterminación da afectación aos bens arqueolóxicos, paisaxísticos e etnográficos; a inviabilidade de un aproveitamento racional de recursos e o incumprimento de diferentes leis e normas.

 "Desgraciadamente, o caso non e único. As minas proliferan en toda Galicia. Por este motivo, xurdiu a Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción, que agrupa a 22 colectivos e está permanentemente mobilizada en torno a esta temática", conclúe."                (Galicia Confidencial, 22/02/16)

No hay comentarios: