12/2/16

“O do hospital de Vigo foi un contrato amañado no que se beneficiou o licitador”

"Antón Beiras Cal, auditor, economista e avogado, é o autor do A FONDO sobre o novo hospital que publicamos co Sermos Galiza 181, xa dispoñíbel na loxa. (...)

Como xurdiu o proxecto do hospital de Vigo?

O Hospital Álvaro Cunqueiro nace para dar servizo a unha área de referencia no sur de Pontevedr, infradotada para dar cobertura sanitaria a unha poboación de medio millón de persoas.

Por que defende que o novo hospital de Vigo é privado?

Porque é propiedade da sociedade concesionaria, que o explota durante un prazo de 20 anos arrendándoo mediante un canon anual ao Sergas. O hospital está no balance da concesionaria e está fóra das contas públicas da Xunta.

Con que obxectivo a Xunta de Galiza optou por un modelo privado?

Co duplo obxectivo de experimentar un modelo novo no noso país (aínda que xa caduco en Inglaterra) de colaboración público privada e tamén de que o seu financiamento non contase como déficit público.

Era ese modelo privado o máis barato para a cidadanía?

Non, é moito máis caro: uns 217 millóns de euros.

Que se fixo ben e que se fixo mal na licitación?

Na licitación non houbo transparencia nin libre concorrencia. Foi un contrato amañado no que se favoreceu en diversos momentos o licitador.

Tamén alude no artigo a que non se cumpriron os requirimentos garantistas que recolle a Lei. Pode facerse iso?

De feito, fíxose. A concesionaria incumpriu o prazo construtivo e amplióuselle. Foi incapaz de financiarse no mercado bancario e axudóuselle co Banco Público Europeo de Investimentos.

Por que fala no artigo do "tufo a contubernio nepótico, a escuro chanchullo e a capitalismo de amiguetes"?

Precisamente por iso: porque ao suprimir dun contrato público desa envergadura o principio de libre concorrencia, o que se produce é un concerto entre a Administración concedente e o concesionario.

Poden adoptarse a día de hoxe medidas para corrixir a situación do hospital?

Non é fácil: a bicefalia público-privada só pode decapitarse mediante a rescisión do contrato e o rescate da concesión.

Como inflúe o dispendio do hospital de Vigo no futuro da sanidade pública galega?

Comprometendo gravemente as finanzas de xeracións futuras disfrazando de gasto corrente o que é un investimento.

Canto ía custar e canto custou ao final o hospital?

Ía custar 325.460.035 euros e eu calculo en euros correntes de 2014 un custo de case 550.000.000 euros.

Amais das responsabilidades políticas que reclama unha parte importante da poboación, hai quen reclama responsabilidades xudiciais. É posíbel que os responsábeis acaben nos tribunais?

Non o vexo así. No Estado español xudicializamos todo. Eu creo que a opción por un hospital privado arrendado ao Sergas mediante unha concesión é unha opción lexítima do goberno de Feijóo. En Inglaterra construíronse mesmo cárceres con capital privado en concesión. Este asunto é esencialmente un debate político non xudicial.

Como avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública formulou unha denuncia á Comisión Europea contra a Xunta de Galiza por posíbel vulneración do dereito comunitario na licitación da concesión do Hospital. Pensa que prosperará?

Estou convencido de que si. De feito, cando a Comisión Europea (que é moi parsimoniosa na admisión de denuncias) a admitiu a trámite e acordou estudar o caso, fixándose o prazo dun ano para iso, é porque aprecia graves defectos incompatíbeis coas directivas europeas relativas a concesións públicas."                 (Entrevista a Antón Beira Cal, Sermos Galiza)

No hay comentarios: