31/3/16

Os gañadores do concurso eólico do bipartito teñen dereito a importantes indemnizacións

"A Xunta de Galicia debe indemnizar aos adxudicatarios do concurso eólico de 2008 (o do bipartito), que anulara o PP. Isto é o que se desprende dunha nova sentencia neste sentido da Sala do Contencioso - Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En concreto, os maxistrados estiman que o Goberno debe pagarlle á EDP Renewables Europe aproximadamente medio millón de euros. A compañía portuguesa pedía unha maior indemnización, pero o Tribunal admitiu como indemnizábeis algunhas das facturas que presento - por exemplo as de estudios de conexión eléctrica- pero non outras -por exemplo de servizos de comunicación.

A política eólica do PPdeG recibe así un novo golpe. O seu concurso eólico de 2009 está anulado pendente dunha improbábel resurrección no Tribunal Supremo e agora enfróntanse a ter que abonar millóns de euros aos beneficiarios do bipartito.

Cómpre lembrar que EDP -a través da śua filial Neo Energía- só gañara 127.7 megawatios dos 2.300 que repartira o Executivo que lideraban Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Fontes do sector indican que é moi probábel que o resto de adxudicatarios do 2.008 tamén denunciara á Xunta por anular aquel concurso e agora teñen a porta aberta para recuperar boa parte dos seus gastos.

A sentencia non é firme e está por ver que fai a Consellería de Industria. O máis probábel é que prolongue o preito.

Os conservadores non queren admitir diante da Xustiza a derrota da súa política eólica mentres que a maioría das operadoras agardan como auga de maio un novo Executivo que tente sacar ao sector da lama xudicial na que está atoado. Polo tanto, o que esperan as citadas fontes do sector é que a Xustiza estimee novas demandas similares a esta de EDP e que a Xunta as recorra até o final.

Nunha recente reunión, o Goberno do PP xa confirmou á Asociación Eólica de Galicia que recorrerá outra decisión do TXSG que anulou o concurso eólico de 2009 (o de Feijóo), a pesar de que o sector preferiría facer “borrón e conta nova” consciente de que -debido a un cambio legal implantado polo Goberno Rajoy- é ilegal calquera novo concurso que -como figuraba nas regras do biparito e tamén nas do PP- condicione o reparto de enerxía ao compromiso de executar plans industriais relacionados.

Cando presentara o seu plan eólico, Alberto Nuñez Feijóo presumira dos miles de novos postos de traballo deses plans industriais relacionas que se ían a executar sen causar ningún atraso sobre o calendario previsto concurso do bipartito. Pasado o tempo, a práctica totalidade daqueles parques eólicos e plans industrais -por exemplo a SOGAMA do Sur- só existen no papel e os beneficiados polo reparto do PSOE e o BNG teñen dereito legal a importantes indemnizacións.

Nesta resolución indícase que son indemnizables aqueles gastos que se realizaron na previa fase administrativa -na preparación de expedientes- para poder participar no concurso de 2008 do bipartito e que posteriormente deviñeron inútiles, debido á declaración de desistencia executada polo novo goberno conservador en 2009. Posteriormente a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria fixou unhas indemnizacións mínimas que agora aumenta considerablemente a Xustiza." (Galicia Confidencial, 30/03/16)

No hay comentarios: