"(...) a relevancia social da problemática dos accidentes de tráfico e da
necesidade da súa prevención segue a ser moita e, en todo caso, moi
superior ao doutra causa de morte que duplica os falecementos, os suicidios, que durante 2014 acadaron en Galicia o seu maior nivel en vinte anos.
O INE vén de facer públicos os rexistros de mortalidade máis recentes,
os de 2014, e neles rexístranse 371 falecementos por autolesións e
suicidios. Son case 40 máis que un ano antes e practicamente iguala o
maior rexistro da serie histórica, que comeza en 1980.
Ata 2014 o maior
número de suicidios en Galicia fora o de 1993, con 372 persoas mortas
por esta causa. No que vai de século a cifra superior era a de 2009, con
340 persoas, e dende o ano 2008 as mortes por suicidio superan ás provocadas polos accidentes de tráfico.
Os datos do INE permiten observar tamén que a distribución das persoas
que decidiron rematar coas súas propias vidas é dispar en canto a
idades, pero moito máis no que atinxe ao sexo. A franxa de idade máis abondosa entre quen se suicidaron en Galicia durante 2014 é a de 30 e 39 e
nela, tres de cada catro persoas que se suicidaron eran homes.
A
proporción dentre o 65% e o 80% mantense en todas as franxas de idade,
segundo as segundas máis avultadas a de persoas de entre 45 e 49 anos,
de 65 a 69 e de 80 a 84 anos. No 2014 non se rexistraron suicidios de
menores de 15 nin de persoas maiores de 95 anos.
As cifras de suicidios rexistrados en Galicia durante 2014 son un chisco superiores ás estimadas o pasado ano polo Movemento Galego da Saúde Mental
(MGSM), que auguraba un número récord e o elevaba ata as 390 persoas.
Alén das cifras, os profesionais deste eido da medicina analizan dende
hai tempo as causas que hai por tras do suicidio en xeral e dos que
suceden en Galicia en particular, toda vez que as taxas por cada
100.000 habitantes son das máis altas do Estado -xunto a Asturias e
Castilla y León- e superan moi notablemente a media estatal -13,54 en
Galicia fronte a 8,42 en España en 2014-.
Segundo Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do CHUS de Santiago e voceiro do MGSM, "o incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado da sociedade"
e, aínda que as orixes son diversas, ao seu xuízo si cabe ligalo ao
"cambio significativo nas condicións de vida da cidadanía" que a crise
económica contribuíu a agravar.
As reflexións de García Álvarez
coinciden coas formuladas recentemente polo grupo de investigación Macrosalud da Universidade da Coruña. No seu estudo Crisis, suicide and productivity losses in Spain, recollido pola prestixiosa revista científica The European Journal of Health Economics,
estes investigadores da UDC concluían a existencia dunha relación "moi
significativa" entre a crise e o incremento dos suicidios, baseándose
para isto no cruzamento de datos de emprego ou crecemento económico cos
rexistros destes "falecementos prematuros".
Nun contexto no que aínda existen fortes discrepancias nos ámbitos políticos, sociais e mesmo mediáticos sobre a conveniencia ou non de tratar publicamente a cuestión do suicidio,
estas voces expertas debullan tamén as que, ao seu xuízo, deberan ser
as vías para abordar esta problemática, tanto en xeral como,
concretamente, en Galicia.
"Hai unhas recomendacións moi claras da OMS
para reducir este risco e non se tomaron medidas", di Miguel Anxo García
Álvarez, que subliña entre estas medidas a necesidade de "reforzar a
rede sanitaria, e sobre todo a atención primaria para unha detección
temperá". Cómpre tamén, di, "reforzar os recursos de saúde mental" e, paralelamente, "impulsar políticas de emprego" que atallen "o paro desesperanzado, un factor de alto risco para as condutas suicidas", di o psicólogo.
Nun sentido semellante, o grupo de investigación Macrosalud apunta a
necesidade de "contar con políticas sociais focalizadas nos grupos de
persoas máis vulnerables" e, máis concretamente, nas persoas en
situación de desemprego. De xeito paralelo, os expertos da UDC instan as
Administracións públicas a deseñar programas específicos "de
prevención do suicidio" que traian consigo o "adestramento" dos
profesionais do Servizo Galego de Saúde "na identificación do problema
nos seus estudos máis temperáns". (Praza Pública, David Lombao, 31/03/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario