"Falta a valentía desde os poderes públicos de faceren fronte á
desfeita territorial de forma radical, o que non significa que teña que
ser algo inmediato, pero si decidido. Noutras palabras, Galicia precisa
dun modelo territorial e un plan nacional de desenvolvemento, un
referente, unha guía, sabermos como queremos ser e onde queremos chegar
de aquí a 10, 20, 30 ou máis anos vista".
Xoán Paredes
é xeógrafo especializado na Europa Atlántica e no ordenamento
territorial e dende que se fixo público o anuncio do proxecto de fusión
entre os concellos de Cotobade e Cerdedo se amosou moi crítico coa iniciativa. Non só con esta fusión concreta (que si analiza moi negativamente) senón coa ausencia dunha acción decidida de cara a planificar estratexicamente o territorio.
Pontevedrés e nacemento, viviu moitos anos en Cataluña e Irlanda, onde defendeu a súa tese,
centrada na organización territorial de Galicia entre 1950 e 2004.
Reclama unha acción decidida da Xunta para impulsar unha planificación
territorial estratéxica para as vindeiras décadas.
"Claro, isto
necesariamente implicaría desmontar por arrastre moitos chiringuitos,
moitas redes clientelares, enfadar a moita xente, e xa sabemos que nada
diso é politicamente rendíbel", sinala. Aínda que subliña que "a nivel
popular este debate sería abraiante, pois a forma que temos os galegos e
galegas de relacionármonos coa nosa xeografía é moi peculiar e
apaixonada, diferente á doutros lugares". "Pensemos nisto como unha
construción colectiva da Galicia futura", conclúe.
O vindeiro venres 22 de abril Paredes ofrecerá en Pontevedra, xunto
con Rita Iglesias (veciña de Cerdedo e integrante da plataforma Non á fusión Cerdedo-Cotobade) unha palestra organizada pola asociación Amig@s da Cultura. Será no Centro Social do Gorgullón (Rúa Pedro Sarmiento Gamboa, 7), a partir das 20 horas.
A actual estrutura administrativa galega axústase a realidade do país? En que dirección deberían orientarse os cambios?
A estrutura territorial vixente ven derivada das reformas municipais e
provinciais de 1833 a nivel estatal. É dicir, o modelo actual de
municipios e provincias foi en grande parte un invento imposto,
inspirado á súa vez na organización centralista francesa.
Tamén tivo
problemas noutras partes do Estado, mais no noso caso rachou con
estruturas tradicionais provocando uns desequilibrios que aínda sufrimos
hoxe en día e que seguiremos sufrindo, pois ese marco espacial eivado
non responde á xeografía, psicoloxía, nen necesidades do país, nen case
200 anos máis tarde nunha sociedade xa diferente. Cando fozas en algo
tan íntimo e conservador como o propio espazo no que vives, a túa
“paisaxe cultural”, ou o arranxas ou ten que pasar muito máis tempo,
pero perdendo polo camiño unha grande parte da túa identidade.
Alternativas hai varias pois é un debate moi vello e, como comentei, a
Galicia de hoxe en día non é a Galicia daquela, así que o máis
importante sería, antes de nada, decatármonos de que o que temos non
funciona e que é preciso mudalo. A partir de aí pódense explorar
alternativas como a proposta parroquia-comarca funcionando como eixo
local-rexional, eliminación das provincias, etc. Sempre dentro dun
proceso amplo, aberto e transparente, que levaría tempo e paciencia,
pero que estimo indispensábel.
Galicia dispón na actualidade das ferramentas legais e
competencias para levar a cabo unha reforma axeitada desta ordenación
territorial?
Dispomos de lexislación infrautilizada, derivada do artigo 27, puntos 2
e 3, do Estatuto de Autonomía, que lle outorga á Xunta o poder de
organizar as parroquias, municipios e comarcas a vontade, así como
competencias en ordenamento territorial.
Chegados a este momento, quen
me dera que polo menos se utilizaran esas competencias ao límite, algo
que nunca se fixo independentemente da cor política porque nunca houbo
unha idea clara a longo prazo desde o Goberno Galego, nunha houbo unha
visión estratéxica, ou se a houbo baseábase en non trocar o demasiado o
estado das cousas e non dar guerra.
Falando do tipo de reforma profunda que en verdade precisaríamos aí si
ficamos curtos. Por exemplo, as provincias non tocan sen permiso do
Estado pois para iso son o seu instrumento. Dubido que o proceso que a
Galicia debería encetar poida ter lugar dentro dese marco estatal. Aínda
así, repito, nin somos quen de aproveitar o que xa temos, sexa por
inoperancia interna ou presións externas. En calquera caso é un
desastre.
O máis grave é a falta de reflexión existente en Galicia sobre
esta situación e sobre como tratar a ordenación territorial do país de
cara ás vindeiras décadas?
Reflexión haina, igual que contestación desde 1833. Desde as revoltas
contra o centralismo até as consideracións de “clásicos” como Castelao
ou Pedrayo, chegando a toda unha morea de debates académicos, estudos,
teses, traballos, e moitas conversas en bares. A meu ver falta a
valentía desde os poderes públicos de faceren fronte á desfeita
territorial de forma radical, o que non significa que teña que ser algo
inmediato, pero si decidido.
Noutras palabras, Galicia precisa dun
modelo territorial e un plan nacional de desenvolvemento, un referente,
unha guía, sabermos como queremos ser e onde queremos chegar de aquí a
10, 20, 30 ou máis anos vista. Ten que ser algo minimamente consensuado
entre todos e todas e que dispoña de mecanismos de autocorreción, que
sirva de directriz para outros plans complementares e menores, incluídos
os locais.
Aí entra en xogo a chamada planificación territorial estratéxica,
que non é nada novo e que implicaría, en primeiro lugar, observar como
se fan estas cousas en lugares parecidos a nós e irmos aprendendo. É por
definición un proceso lento, pausado, meditado, pero que unha vez
comeza non pode ter marcha atrás.
Senón continuaremos como sempre dando
voltas e remendando con máis leis do solo. Claro, isto necesariamente implicaría desmontar por arrastre moitos chiringuitos, moitas redes clientelares, enfadar a moita xente, e xa sabemos que nada diso é politicamente rendíbel.
Quen debería iniciar ou estar detrás dese proceso? Temos quen o poida facer?
A Xunta dispón dos poderes e capacidade para colocar a idea na opinión
pública, chamar a diálogo ás universidades e especialistas, facer
consultas, preparar informes, etc. É un proceso técnico complexo que
iría alén dos catro anos electorais pero por fortuna moi ben definido,
feito e contrastado noutros lugares.
Hai toda unha serie de etapas que
van desde a idea inicial até a implementación final, tendo despois un
mecanismo de seguimento e axuste, sempre de cara á cidadanía e contando
con ela.
En verdade, unha vez iniciado un proceso así despois temos as vías para
decidirmos se queremos deputacións ou non, fusionar concellos ou non,
comarcalizar ou non, e como.
Pero ten que ser entre todos e todas e cun
seguimento profesional escrupuloso, sabendo que existen equilibrios
delicados, que nos podemos equivocar e que nalgunha altura teremos que
rectificar. Non pasa nada.
Pensemos nisto como unha construción
colectiva da Galicia futura. Coido que a nivel popular este debate sería
abraiante, pois a forma que temos os galegos e galegas de
relacionármonos coa nosa xeografía é moi peculiar e apaixonada,
diferente á doutros lugares. As nosas referencias espaciais, sexan
marcos de leiras, parroquias, barrios, rúas, cidades ou concellos están
sempre presentes nas conversas diarias. Ese tema está aí sempre dalgunha
forma, é parte do noso cerne cultural. É cuestión de pulilo e
traballalo.
Como comparas a situación que se dá en Galicia aqui coa que se deu nas reformas territoriais en Cataluña, por exemplo?
Partimos da base de que falamos de países diferentes, con culturas,
sociedades, pasado, xeografía e estruturas territoriais previas
diferentes. Por exemplo, a reforma territorial estatal do S.XIX tamén
foi imposta á forza alá, pero afectou de forma diferente; foi máis alieníxena para
nós.
Para nós as referencias deberían ser países da nosa contorna
xeográfica, que é a Europa Atlántica, onde temos moito que observar en
lugares como o Norte de Portugal, Irlanda ou mesmo Dinamarca.
Iso sí, na
Cataluña houbo cando menos esa vontade transformadora, e eles decidirán
se saiu ben ou mal, mais hai traballo feito. Tamén é certo que dispoñen
da capacidade (económica, entre outras cousas) de crearen estruturas en
paralelo ás estatais, facilitando a desconexión e reorganización
interna, utilizando o seu teito competencial ao máximo como punto de
partida.
Como valoras o plan de comarcalización levado a cabo polo Goberno de Fraga, con escaso desenvolvemento e hoxe posto en cuestión?
O plan de comarcalización Fraga-Precedo de 1997 sempre foi criticado
por ser pouco ambicioso. Foi acusado de covarde por non rachar cos
límites provinciais, pola propia división comarcal, por estar adecuado a
redes preexistentes, polo posíbel uso electoralista dos orzamentos e
centros comarcais, etc.
Claro que ese plan non podía funcionar pois
nacía eivado, pero tamén debemos ser xustos e admitir que foi unha
tímida tentativa de facer algo diferente, de potenciar unha serie de
dinámicas inter-municipais embora responderan a un único señor. Acho que
a comarcalización por si mesma non está en dúbida, máis ben fracasou
unha forma de facela que respondía a un impulso moi particular.
Desaparecido Fraga pouco sentido tiña continuar con ese proxecto en
concreto, como se da Cidade da Cultura se tratara. Realmente a
comarcalización morreu de inanición. O triste deste caso é que en
política territorial – encanto á visión global do territorio – Feijoo
case que está facendo “bo” ao Fraga, que é moito dicir! [risos]
É a concentración municipal unha solución contra o despoboamento do rural?
Da concentración municipal non sabemos nada, eis o asunto. Fálase de
fusionar concellos alegremente sen memorias xeográficas profesionais,
sen informes e estudos de campo, sen proxeccións a longo prazo, sen
comparativas, sen nada. É só palabras nas bocas de políticos.
Cando se fala de concentrar concellos habería que analizar cada caso até o último detalle e poñer en marcha ese mecanismo de planificación estratéxica. Á vez, habería que estudar o impacto sobre o resto do territorio galego: que novos fluxos se crearían, que dinámicas, que novos desaxustes en caso de as novas xurisdicións competiren rexionalmente coas preexistentes, e tantísimos etcéteras.
Aínda así continuaríamos obviando o problema raíz, que é que a
organización administrativo-territorial galega en xeral necesita ser
reformada seguindo un modelo territorial mestre, e que calquera cousa
que se faga antes diso será sempre un remendo momentáneo
. Insisto tamén
en que todo isto debería ser algo no que comecemos a traballar xa pois é
por natureza un proceso moi demorado e imos chegando tarde. O
despoboamento rural é algo complexo que responde a moitas causas e por
concentrar concellos aquí e acolá non imos resolver nada
automaticamente. Pode saír ben no momento e no lugar, ou mal.
Como valoras, en concreto, o proxecto de fusión municipal entre Cotobade e Cerdedo?
Entre brincadeira e xogo de ruleta rusa, na liña do dito antes. Tiven a oportunidade de revisar o Informe Xustificativo emitido por Cerdedo e non sabía se rir ou chorar. Como escribin noutros sitios,
ese texto non pasa dun documento autocompracente sen valor técnico,
unha sucesión de lugares comúns e raciocinios disparatados.
En resumo,
basean todo en que tendo máis poboación van recibir máis diñeiro da
Xunta, e tan felices, perpetuando a mentalidade do subsidio eterno, sen a
máis mínima explicación ou autocrítica do que fixeran e puido ter
fallado antes. O caos derivado do anuncio da fusión demostra a tensión á
que se someten os diferentes actores territoriais cando falamos de algo
tan serio e transcendente como poñer de patas para o ar, ás presas e ás
agochadas, o sitio onde a xente vive." (Marcos Përez Pena, Praza Pública, 16/04/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario