17/5/16

O cambio climático pode mellorar a calidade dos viños galegos

"O quentamento global pode mellorar a calidade dos viños que se producen en Galicia. Así o conclúe un estudo científico sobre o cambio climático e os seus efectos na produción vitivinícola en España, con proxeccións para o período 2061-2091, que veñen de publicar investigadores de MeteoGalicia e das universidades de Vigo, Lisboa e Cantabria.

Os científicos prognostican que o cambio climático afectará negativamente a calidade dos viños nas rexións do centro e sur de España, e no Val do Ebro, mentres que agardan efectos positivos no noroeste, concretamente, nos terreos de cultivo galegos.

O estudo, que vén de ser publicado na revista internacional Regional Environmental Change, salienta que nalgunhas zonas produtoras de Europa xa se observaron modificacións nas distintas etapas fenolóxicas, unha redución dos intervalos fenolóxicos e un aumento no potencial da calidade dalgúns viños, debido ao cambio climático antropoxénico, isto é, o causado pola actividade do ser humano. 

Os investigadores consideran que os seus efectos poden levarnos a unha reordenación das zonas de cultivo e a ter producións rendíbeis de viño en rexións actualmente menos idóneas para as boas colleitas.  

No caso de España, na actualidade hai 89 zonas de produción de viños: 67 son Denominación de Orixe (DO), dúas son Denominación de Orixe Calificada (DOCa), seis son Viños de Calidade con Indicación Xeográfica e 14 son Viños de Pago. 

Os autores do estudo salientan que debido ás características favorables do clima e do terreo, e grazas a unha gran variedade de aspectos topográficos e de uvas plantadas, España é actualmente unha das mellores zonas do mundo para a produción de viños de alta calidade. Porén, este estatus podería ser alterado polo cambio climático antropoxénico, avisan os científicos.

Malia esta ameaza, xa constatada e divulgada pola comunidade científica, os investigadores alertan das malas praxes dos viticultores polo seu descoñecemento dos efectos presentes e futuros do cambio climático na produción de viño.

 Co obxectivo de aportar máis datos e probas empíricas sobre esta realidade, os investigadores usaron tres índices bioclimáticos relevantes para a viticultura, baseados na temperatura e nas precipitacións para o período 1961-1991, e valéronse de catro modelos climáticos rexionais do proxecto europeo ENSEMBLES que proporcionan proxeccións climáticas para o periódo 2061-2091, a unha resolución de 25 quilómetros para o escenario A1B, é dicir, un escenario de emisións medias nun mundo con crecemento económico rápido e baseado na utilización equilibrada de todo tipo de fontes de enerxía e tecnoloxías novas e eficientes.

A avaliación de todos os modelos rexionais prognostica un intenso aumento da calor acumulada no centro e sur de España, o que incidiría negativamente na calidade do viño nestas rexións. Particularmente no sur, este quentamento excesivo proxectado para o final deste século impediría a produción de viño de alta calidade e o cremenento da vide, segundo os autores do estudo, que advirten da necesidade de aplicar medidas de adaptación ao cambio climático na viticultura.

Pola contra, os resultados das proxeccións indican que as viñas de Galicia poderían beneficiarse do quentamento proxectado, o cal favorecería o aumento na calidade potencial do viño. De feito, os investigadores conclúen que as proxeccións indican tamén unha diminución do risco de infestación de mofo para Galicia.

Porén, os científicos alertan de que este beneficio podería desaparecer en escalas de tempo máís longas non avaliadas, máis aló do ano 2100. Nestas escalas de tempo, as condicicións climáticas promedio no noroeste da Península Ibérica poderían chegar a ser pouco a pouco desfavorables para a viticultura. 

Do mesmo xeito, e nas escalas de tempo xa avaliadas, un cambio nas condicións climáticas promedio poden ser acompañadas por un aumento na variabilidade interanual, o cal afectaría negativamente a viticultura en anos nos que se experimenten grandes anomalías climáticas. (Lorenzo, M.N., Ramos, A.M. e S. Brands. (2016). Present and future climate conditions for winegrowing in Spain. Regional Environmental Change, 16: 617–627. )"              (Alberto Quian, Galicia Confidencial, 06/05/16)

No hay comentarios: