"Luz verde para Renda Social Municipal da Coruña. A publicación no DOG, o pasado 18 de maio, da Lei da economía social de Galicia
permitirá tamén o inicio deste instrumento, do que se poderán
beneficiar entre 500 e 1000 familias coruñesas este ano.
O Consello da
Xunta celebrado o pasado 11 de febreiro aprobara o decreto
polo que se definía a carteira de servizos sociais e prestacións de
inclusión, do que dependía esta iniciativa municipal e que lles permite
ás administracións locais ofrecer subsidios equiparables á RISGA.
Porén,
ata agora non fora publicado no DOG, algo que vén de suceder, ao estar
vinculado este decreto coa devandita Lei de Economía Social, que entrará
en vigor o día 6 de xuño.
A ordenanza que regula este instrumento será debatida no vindeiro pleno municipal.
Nos últimos días o propio alcalde, Xulio Ferreiro, criticara en público
o atraso da Xunta na publicación do decreto, o que estaba bloqueando a
posta en marcha da renda social municipal. Ferreiro sinalara
que "a Xunta parece que non ten intención de publicalo, supoño que non
queren que poidamos contar con ferramentas para mellorar a vida da
xente".
A axuda, de 532 euros mensuais, servirá para cubrir as
necesidades básicas das persoas que se atopan en situación de
vulnerabilidade social na cidade e que non teñen dereito a Risga
(Renda de Inclusión Social de Galicia) ou prestacións análogas. A
cantidade incrementaríase nun 25% por cada membro da unidade familiar
solicitante e a axuda só podería outorgarse durante seis meses,
prorrogables ata un máximo de 18.
Os Orzamentos da cidade para
2016 reservan 40,5 millóns de euros para políticas sociais, un
incremento do 20% en relación a 2015, e destinan ao redor de dous
millóns de euros para os seis meses previstos de aplicación da renda
social municipal neste exercicio." ( Praza Pública, 27/05/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario