6/6/16

“A vida en Siria non era nada doada para unha muller como miña nai, criada nunha aldea de Galicia”

 
 A xornalista siria-galega Leila Nachawati Rego | Fonte: Leila Nachawati Rego

"Poucos xornalistas europeos coñecen tan ben a realidade siria como Leila Nachawati Rego. Nela mestúranse dúas culturas tan dispares como a galega e a siria, e dúas facetas, o xornalismo e o activismo, que están converxendo en cada vez máis profesionais implicados na defensa activa da liberdade de expresión e de información.

 Filla de pai sirio e nai galega, Leila coñeceu na súa infancia, in situ, o terror da ditadura, dun sistema brutal do que o seu pai protexeu á familia Nachawati Rego traéndoa a Santiago de Compostela dende Damasco. Eran tempos revoltos en Siria, baixo o réxime de Hafez al-Asad, pai do actual presidente sirio, Bashar al-Asad. E Leila só era unha nena que coñecera en primeira persoa o adoctrinamento do réxime. 

Xa de maior, coa súa experiencia persoal, as súas habilidades xornalísticas e investigadoras, e o seu compromiso activista, esta galega-siria, profesora na Universidad Carlos III de Madrid e responsable de comunicación na Asociación polo Progreso das Comunicacións, acabou converténdose nunha das voces máis críticas e autorizadas en España, e tamén en Europa, sobre o conflito en Siria, un país que Leila observa agora entre a espada do terrorismo do autoproclamado Estado Islámico (ISIS) e a parede da ditadura de Bashar al-Asad. Desa experiencia persoal, xornalística e activista agromou a súa primeira novela, Cuando la revolución termine (Turpial).

A novela, baseada en experiencias reais, narra a vida de Sarah, que transcorre nunha dolorosa espera tras a desaparición do pai da súa filla Sham en Damasco. En 2014, desde Madrid, decide escribir o relato do vivido en 2011, o ano en que foi concibida Sham e se produciu o espertar cidadán de Oriente Medio e o Norte de África.

A través das historias que Sarah recrea e reconstrúe, Cuando la revolución termine achéganos ao movemento de desobediencia civil que protagonizou unha xeración de homes e mulleres sirios no ano 2011 —cando emerxeron as revoltas da Primavera Árabe—, na súa evolución desde as mobilizacións pacíficas por todo o país, desafiando a unha ditadura de décadas, ata a represión e a guerra aberta que vive Siria hoxe.

"Hai anos que un ve pasar por diante e que só co tempo e a perspectiva coloca no lugar que lles corresponde. Un non é consciente das pegadas profundas que ese tempo foi imprimindo ata que o valora con distancia. Pero 2011 non foi un deses anos. En 2011 tiñamos a impresión, non, a certeza, de estar a facer Historia", narra Leila, criada en galego, sirio e español.

Falamos con ela sobre esta novela, sobre a súa historia familiar e sobre o conflito sirio, a poucos días de que regrese á súa outra casa, Galicia, para presentar este libro. A cita terá lugar o 9 de xuño no salón Rahid do Hotel Araguaney de Santiago de Compostela, ás 19.30 horas, nun acto no que Leila estará acompañada polo politólogo e profesor da Universidade de Santiago Antón Losada

- Cóntenos un pouco a súa historia familiar... Como se coñeceron os seus pais, como crearon unha familia...?

- Meus pais coñecéronse en Santiago de Compostela, cando meu pai estudiaba Medicina na Universidade de Santiago. Era sirio e tiña a ilusión de volver ó seu país co título de médico baixo o brazo, pero namorouse e cambiáronlle os plans. Casáronse e cando eu tiña 4 anos mudámonos a Damasco, onde meus pais, miñá irmá Nadia e eu vivimos catro anos.

- E como era a vida para a súa nai, galega, neste país?

- Era a época máis escura de Siria, os anos 80 de Hafez al-Assad e a masacre de Hama, en pleno autoembargo; un país illado do resto do mundo, onde non entraba nin saía nada. Un escenario nada doado para unha muller criada nunha aldea de Galicia.

- E de vostede, da súa vida en Siria, que lembra?

- Teño lembranzas da época da escola, vestida con uniforme militar, en pé entoando o cántico ó líder cada mañá antes de comezar as clases. Como en todas as ditaduras, os nenos eran os principales receptores da ideoloxía, e o terror en Siria chegaba ó extremo de que os pais non falaban cos fillos por temor a que estes contasen na escola algo que puidese comprometelos. Algunha vez ocurriu que os pais dun compañeiro despareceron así...

- Que sucedeu coa revolución siria?

- Cando a poboación siria saíu en 2011, millóns por todo o país, a pedir xusticia, liberdade, dignidade, foi un momento de euforia, de pensar que a represión podería acabar dunha vez e vivir nun país, nunha rexión, onde se respecten os dereitos fundamentais. Asad reaccionou cargando contra manifestantes pacíficos, torturando a nenos, incendiando o país.

- E a ese estado de terror sumouse o terrorismo do ISIS. Por que emerxeu o grupo terrorista Daesh en Siria?

- O apoxeo do extremismo simbolizado pola tiranía de Daesh (o autodenominado Estado Islámico) é consecuencia directa desa impunidade desatada por Asad.
- Que lle parece, en xeral, o tratamento mediático que se lle está dando en Europa ao conflito?
- É moi preocupante ese enfoque mediático que parte da dicotomía Asad-ISIS, como se os siros, os árabes en xeral, non tivesen dereito a unha terceira vía. É moi racista, moi neocolonial pensar que os europeos merecemos unha democracia e os árabes teñen que elexir entre una ditadura de barba e unha ditadura de traxe e corbata. Hai moita xente loitando dende 2011 por un país onde vivir en xusticia e igualdade, pero por desgracia pouco se escoita a esa xente, e os titulares acapárannos sempre os extremistas dun ou doutro bando.

- E que quixo transmitir na novela?

- A novela Cuando la revolución termine é una homenaxe ó pobo sirio, ós pobos da rexión, ós homes e mulleres que día a día viven, resisten, namóranse... É un tributo a esa loita cotidiana que non vemos e que representa o futuro do país e da rexión. É unha homenaxe a tódolos pobos que seguen loitando por ser donos do seu destino, ainda que tantos ventos soplen hoxe en contra.

- Na novela asoma ao alector ao inicio desa revolución, pero atrévese a predicir o futuro para cando a revolución termine? 

- A novela ten un final futurista/distópico, que é una tendencia en alza na ficción de Oriente Medio e o norte de África, porque a realidade é tan dura, tan esmagadora, que o único modo de tomar osíxeno, reunir forzas e non afundirse é proxectándose a un futuro máis esperanzador."               (Galicia Confidencial, 03/06/16)

No hay comentarios: