8/6/16

Laura Bugallo, xulgada por denunciar unha mafia de trata de brancas e inmigrantes. 'Todos sufrimos a inxustiza da mal chamada xustiza'... cousas veredes

"A primeira reacción tras o remate deste xuízo é que me parece que, de súpeto, estou voando. Quitei de enriba un peso tremendo. Só pensar en que isto se podía prolongar aínda dous anos máis..., mimá. Esta situación limitábame moito os movementos".

Laura Bugalho quedou este martes libre do proceso que dende hai sete anos a perseguía. Chegou a un acordo coa Fiscalía para aceptar unha condena de 11 meses de prisión (que non cumprirá) e o pagamento de 750 euros por un delito de falsidade documental.

 "Estou farta, teño 52 anos e quérome xubilar tranquila”, destacaba a activista no exterior dos xulgados de Compostela, onde ducias de persoas se concentraron para apoiala, celebrando con ela a resolución.

Fíxose xustiza? "Non veremos as persoas responsables desta situación, que mesmo cometeron delitos, ir a xuízo. Pero mira, cando menos paga a pena ter divulgado e que se visibilice a represión que está a sufrir tanta xente, tanto na Galiza coma no Estado, e ter defendido que ser solidaria non é delito", destaca Laura Bugalho en conversa con Praza.

 "A min, por suposto, teríame gustado saír sen condena ningunha, pero sabendo como é a xustiza española, que ten xente secuestrada, xente sen casa, xente sen traballo, pois tampouco podía pedir moito máis".

Na vista que tivo lugar este martes chegouse a valorar a posibilidade de suspender o xuízo, adiando de novo o remate deste proceso, ao non comparecer as persoas migrantes que estaban chamadas a declarar como testemuñas.

Para Laura Bugalho, "fixeron moi ben, os compañeiros están en rebeldía. que van esperar por esta xustiza e por esta lei de estranxeiría, a que os fodan máis?”. "Non é un proceso que eu fixen, senón un proceso que me inventaron”, denunciou, engadindo que “sei que toquei fibras moi sensibles deste sistema e o sistema deféndese".

"De todo este proceso aprendín que se tivese que volver denunciar unha trama deste tipo, debería facelo de maneira colectiva e non tan a cara descuberta. Aprendín tamén que a solidariedade pode mover unha resolución xudicial, pois ata hai unha semana a fiscal aínda pedía unha condena de tres anos inapelables".

Laura Bugalho agradeceu especialmente a campaña de solidariedade que a acompañou nestes anos e, moi esepecialmente, nas últimas semanas: "iso foi un arroupe inmenso. E gustaríame que se mantivese para todas aquelas persas que xa están condenadas ou as que poden necesitar a nosa acción na rúa e o noso afecto. Unha onda de solidariedade que se mantivese no tempo. Para min, cando menos, foi un balón de osíxeno impresionante".

Un proceso de sete anos

Laura Bugalho axudou a sacar á luz a trama desvelada pola Operación Peregrino, pola que 57 persoas de orixe marroquí foran traídas a España coa promesa dun emprego despois de teren abonado dez mil euros.

En principio o seu destino foi Andalucía, pero algúns deles chegaron a Galicia para traballar na industria do metal en condicións de ilegalidade, nunha escura trama na que poderían esta implicadas 39 empresas do sector do Metal da comarca de Compostela, persoal de sindicatos, da policía, da seguridade social, funcionarios de estranxeiría e persoal diplomático.

A partir de aí a activista comezou a sufrir un forte acoso policial e estrañas circunstancias que ela non cre que foran casuais, coma un asalto á súa casa. Unha semana despois foi detida, pasando 48 horas nos calabozos e sendo acusada de trata ilegal de inmigrantes e falsidade documental.

Aínda que a primeira acusación decaeu enseguida, a Fiscalía mantivo a segunda, pedindo para ela tres anos de cárcere."                (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 08/06/16)


"(...)  A activista LGTBi e sindicalista da CIG estaba acusada dun presunto delito de falsificación documental e tráfico de persoas. En declaracións aos medios de comunicación e visibelmente emocionada polas mostras de apoio recibidas ao longo destes días alén mesmo da Galiza, Bugalho amosouse convencida de que a causa será "arquivada ou sobreseída". 

"Eles saben que fixeron moitas cousas más, que fixeron estafas e que eu sei moitas cousas de clubes de alterne que teñen que tapar", sinalaba á entrada dos xulgados en declaracións á imprensa Laura Bugalho. "Por iso queren que estexa dentro, para que cale, que me silencien, mais aí están os ecos", acrecentou. 

"Acho que non vai acontecer nada", sinalou, "mais que me deixen en paz". A activista LGTBi asegurou ter recibido unha "ameaza" por parte "dun número da policía" quen lle tería dito que "se non entras desta, entras para a seguinte". Aliás, sinalou, recibiu "cinco chamadas" nas que lle pedían "droga e mulleres". "[Non fago] nen unha cousa nen a outra, iso si que o fai quen me denunciou". 

'Operación Peregrino'

O caso contra Laura Bugalho remóntase ao ano 2009 cando a traballadora da Área de Migracións da Confederación Intersindical Galega (CIG) destapou unha mafia de tráfico de persoas que operaba en Compostela na coñecida como 'Operación Peregrino' na que un empregado do centro de información para traballadoras e traballadores inmigrantes de CC.OO. en Compostela, Messaoud El-Omari, foi detido e acusado de "asociación ilícita", "introdución ilegal de man de obra estranxeira" e "fraude". 

 Canda el prenderon a Hadaoui Kayrou --en paradoiro descoñecido-- e os propietarios de catro empresas en Compostela e na Barbanza, vinculadas tres ao sector do metal --Miguel Ángel e Ramón Hermo Sánchez, e Ángel Baqueiro Meijide-- e unha ao agro --na granxa de Ángel García Espido a policía española atopou os traballadores durmindo na corte, como recolleu a imprensa na altura e tamén Sermos Galiza

Durante estes sete anos a causa foi arquivada pola xuíza instrutora, Ana López-Suevos, e posteriormente reaberta por mor do recurso presentado pola Fiscalía. Para ela pide o Ministerio Público entre 3 e 6 anos de cadea por ter falsificado documentos. A policía, en troca, eleva a 8 a petición por un presunto delito de tráfico de seres humanos ao acusar a Bugalho de liderar unha "mafia" através da que conseguir permisos de residencia para migrantes. "           (Sermos Galiza, 07/06/16)

"A activista Laura Bugalho non irá a prisión.

O acordo remóntase a un caso que tivo lugar fai sete anos, momento no que pedían para Bugalho até oito anos de prisión por un delito de falsidade documental e outro de tráfico de persoas, mentres que na reapertura do caso, coa vista prevista para hoxe, reclamábanselle tres anos polo primeiro deles.

Diante dos xulgados de Santiago concentrouse un centear de persoas para criticar que a activista sofre "persecución política". Ela mesma denunciou, antes de entrar na vista, a "historia macabra" coa que pretenden "silenciar" todo o armazón que ela descubriu cando traballaba con asuntos relacionados con estranxeiría.

Xa, á súa saída dos xulgados, onde a esperaban un centenar de persoas coreando o seu nome desde as 9 da mañá, Bugalho celebrou o acordo, aínda que cargou contra a "represión xeneralizada" existente en España. "Todos sufrimos a inxustiza da mal chamada xustiza", díxolles aos seus compañeiros, que a esperaban ás portas do xulgado.

Deste xeito, a activista insistiu en que este caso está xa resolto, polo que advertiu que se ela se ve involucrada outra vez en problemas xudiciais, "deberase a unha vinganza". "A Fiscalía sabe que se entro unha vez máis con problemas" é porque, dixo, "hai alguén uniformado que me puxo en problemas", recibindo mesmo ameazas, apuntou.

A súa letrada, Mari Luz Canle, lembrou o labor social da súa defendida, que en 2009 denunciou a explotación laboral sufrida por decenas de persoas inmigrantes en Galicia, e por iso valorou que hoxe non tivese que enfrontarse a un xuízo oral xa que "non é unha delincuente".

A avogada dixo así que a mesma Fiscalía recoñeceu que Laura non é unha delincuente e que a súa condena se debe a un "erro de vulto" que realizou "por axudar aos demais" cando "destapou 19 tramas de tráfico inmigrantes".

Tamén enmarcou a investigación sobre Laura Bugalho nunha "vinganza" e un "aviso a navegantes" para silenciar as investigacións sobre estas redes de tráfico de persoas.

Ademais da pena de once meses de prisión, deberá facer fronte a unha multa de cinco meses a razón de cinco euros ao día coa atenuante de dilacións indebidas."            (Galicia Confidencial, 07/06/16)

No hay comentarios: