5/9/16

Orzamentos participativos: Que ideas tes para mellorar Compostela?

"Os orzamentos participativos renovan e complementan a democracia electoral con outra máis avanzada. É unha forma nova de facer política, estamos falando de orzamento, que é o máis importante". Deste xeito destacaba nunha conversa con Praza a importancia dos orzamentos participativos.

 Tomás Rodríguez-Villasante, profesor emérito na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid. A Coruña e Compostela estrearon este ano os procesos nos que a cidadanía dunha e doutra cidade debate e escolle as prioridades nas que investir unha parte dos cartos públicos. A cidade herculina está xa na fase de avaliación de propostas, mentres que na capital galega as persoas e entidades sociais teñen ata o día 14 para presentar as súas suxestións.

Trátase dun proceso de longo percorrido, que este ano está dando os seus primeiros pasos, e que está a ser traballado con coidado polo Concello de Santiago. En certa maneira, a cidadanía e a propia institución viven esta experiencia como aprendizaxe.

  Hai case un ano Compostela iniciou un proxecto piloto de orzamentos participativos para o 2016, que se desenvolveu na área de Mocidade, un departamento que conta cun orzamento pequeno -100.000 euros- e que, pola natureza dos seus proxectos e destinatarios e destinatarios, podía ser propicio para probar estas novas fórmulas de deseño colectivo.

E este respecto María Rozas, concelleira de Facenda, salientaba que "para ter orzamentos participativos hai que ter ferramentas de participación, e nos últimos anos desapareceron as poucas que había. Primeiro hai que implantalas e despois, traballar o tema orzamentario".

Con esa aprendizaxe feita, en xuño botou a andar o camiño para os orzamentos de 2017, constituíndo o grupo motor que dirixe e impulsa o proceso. A cidadanía compostelá decidirá como investir 1.100.000 euros do total do orzamento municipal, dos cales 1.000.000 son do capítulo de investimentos e 100.000 de actividades de mocidade. Esta cantidade representa o 15% do total de investimentos do Concello, a razón de 11,40 euros por habitante.

 Na primeira xuntanza participaron 70 persoas, entre colectivos veciñais, tecido asociativo, partidos políticos (que conforman o Consello de Relacións Veciñais) e cidadáns e cidadás a título individual.  

Xa nesta xuntanza aprobouse a segmentación das propostas entre os barrios do nordeste (Fontiñas, San Lázaro, As Cancelas), suroeste (Pontepedriña, Castiñeiriño, Sar) e o rural, ademais das iniciativas de ámbito xeral para toda a cidade e as destinadas especificamente á mocidade. En anos sucesivos poderanse facer propostas de investimentos para aquelas zonas que agora non están incluídas.

Dende o pasado 1 de agosto e ata o 23 de setembro persoal técnico do Concello, baixo a supervisión dunha mesa de propostas, valorará a viabilidade das propostas. En outubro chegará a fase decisoria, co período de debate e priorización de propostas. E xa en novembro presentaranse os resultados definitivos, coas propostas cidadás nas que se gastará os 1,1 millóns de euros orzamentados.

Que tipo de propostas se están a facer?


Entre o medio cento de propostas recollidas e aceptadas ata o momento destacan, por exemplo, a mellora do parque infantil do Camiño Francés, Remate da rúa Oslo, a construción de beirarrúas entre Mallou de abaixo e As Cancelas, a instalación de pasos de peóns, a humanización da rúa do Restollal, a mellora da comunicación entre o Castiñeiriño e Sar, a creación de carrís-bici entre o Castiñeiriño e o centro da cidade e no Sar, investimentos para o fomento do uso da bicicleta en Compostela, a organización dun Festival de Musicas do Mundo, a creación de xardíns con flora autóctona, a instalación de cubertas para os parques infantís ou a creación de zonas cubertas de uso público con paneis solares.

Cómpre salientar que a área que reúne máis ideas é a do rural compostelán, cun total de 24 propostas. 

Neste caso, unha parte importante das iniciativas refírense a canalizacións, saneamento e auga, construción de beirarrúas, mellora de accesos, construción de parques infantís ou a mellora do transporte público."        (Praza Pública, 02/09/16)

No hay comentarios: