"O contacto entre o galego e o castelán deu lugar ó uso de moitos
castelanismos na fala galega e de galeguismos no español que se fala en
Galicia; variantes que foron tradicionalmente menosprezadas polos
puristas.
Porén, a profesora Ana Iglesias Álvarez, do Departamento de
Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, reivindica a
lexitimidade destas variantes nun estudo no que analiza as ideoloxías
dos falantes sobre as linguas e no que comprobou que as novas xeracions
de galegofalantes asumen con absoluta normalidade a existencia e o uso
do castrapo, ao que outorgan a mesma lexitimidade que ao galego
estándar.
No seu estudo 'Castelanismos e galeguismos. A súa relación co estándar', publicado na revista Estudos de Lingüística Galega, da Universidade de Santiago,
a profesora Iglesias Álvarez conclúe:
"A maior parte dos planificadores
do proceso de estandarización do galego, ao defenderen unha ideoloxía
purista, sitúanse na cultura da monoglosia ou ideoloxía da
estandarización, que conduce a solicitar a converxencia cara á variedade
elevada á categoría de estándar, en detrimento das diferentes
variedades dialectais, englobadas polos falantes baixo a etiqueta
xenérica de castrapo.
Así, a súa sobrevaloración dos castelanismos
(léxicos) no galego tradicional (castrapo) provoca que se acentúen as
diferenzas entre este e a variedade estándar, mentres que no caso do
castelán, ademais, acontece á inversa: tende a minimizarse a distancia
existente entre o castelán de Galicia —con todos os seus galeguismos— e o
castelán estándar (peninsular)".
E se ben os galegofalantes obxecto da súa investigación (alumnado de 4º
da ESO) "reproducen en parte esta ideoloxía purista, sobre todo no que
respecta á importancia outorgada aos castelanismos léxicos no seu galego
(castrapo)", comprobou que "desde unha perspectiva heteroglósica defenden o mantemento dun repertorio plurilingüístico e pluridialectal, o que lles permite presentar a súa variedade tradicional como «lexítima» para os usos familiares e coloquiais".
Para estas novas xeracións de galegofalantes, o castrapo —que definen
na súa maioría como o "galego con influencias do castelán no léxico"— "é
a variedade «auténtica»", a que "contén valor simbólico, fronte ao
estándar, ao que asignan un valor puramente instrumental (variedade para
ser usada nos contextos máis formais e públicos)", argúe a
investigadora da Universidade de Vigo.
Para a súa análise, Iglesias traballou con alumnos de 4º da ESO de
entre 15 e 17 anos, escolarizados na última fase, ata o seu momento, do
proceso de estandarización da lingua galega, "a que comeza coa
aprobación en 2003 da coñecida como «normativa de concordia», que
consensúa as opcións ata daquela en pugna (mínimos e oficial) e continúa
vixente na actualidade, tamén chamada «normativa de consenso»", explica
a autora.
Trátase, polo tanto, de "individuos que xa non viviron en
primeira persoa o debate normativo e dos que en consecuencia podemos
esperar unha visión do estándar galego como variedade máis consolidada
que en xeracións anteriores".
No estudo traballouse con dous grupos nun hábitat urbano (a cidade de
Pontevedra), tres en vilas (un en Vilalba e dous en Caldas de Reis) e
dous no hábitat rural (Guitiriz e contorna, por unha parte, e zona de
Cuntis, Portas e Moraña, pola outra). "Isto permitiunos acceder a
representantes dunha ampla variedade de perfís sociolingüísticos: desde
monolingües en castelán ata monolingües en galego, pasando por
diferentes tipos de combinación de ambas as linguas", indica a
investigadora.
PODER SIMBÓLICO E EMOCIONAL
Entre o alumnado galegofalante que participou na investigación atopuse
"unanimidade á hora de caracterizar a súa forma de falar pola presenza
de castelanismos léxicos", como revela a seguinte selección de extractos
das conversas recollidas pola investigadora: 1) “Eu por ejemplo nunha
frase podo dicir tres palabras en castelán e tres en galego aínda que
sea galegofalante”; 2) “Aquí en galego por cada tres palabras que
soltamos dúas delas son castelanismos”.
En xeral, Iglesias atopou que "o castrapo é a variedade lingüística que
se transmite na familia e constitúe polo tanto a lingua materna ou
inicial destes falantes, con todas as implicacións identitarias e
afectivas que isto supón".
Así, a profesora encontrou que os estudantes
se refiren a esta variante como “galego da familia, galego dos meus pais, galego de toda a vida”.
Polo tanto, Iglesias conclúe que se trata dunha "variedade dentro do
galego", pero non unha variedade máis, senón unha variedade cun "elevado
poder simbólico e emocional".
Pero no mantemento do castrapo tamén pesan moito outros factores, "a
comodidade e o hábito e incluso ás veces o descoñecemento, aínda que en
xeral o alumnado participante recoñece que o uso dos castelanismos se
debe máis a unha falta de interiorización que á ignorancia", describe a
autora do estudo.
Proba disto é que os alumos "son quen de poñer
numerosos exemplos nos que exemplifican como na súa fala cotiá
espontánea «escollen» os termos non estándar, mais saben indicar cales
son os termos normativos correspondentes. Esta falta de interiorización
da variedade normativa acentúase debido ao seu escaso contacto con ela",
continúa a investigadora, quen engade:
"De aí que por unha parte
cualifiquen o castrapo e, polo tanto, o que eles falan, como incorrecto,
«que non está ben dito», e por outra, en cambio, intenten reivindicalo e
rexeiten a súa cualificación de incorrecto, por exemplo por parte do
profesorado".
Así, os novos galegofalantes "néganse a aplicarlle ao castrapo adxectivos pexorativos como «vulgar»",
impostos dende os posicionamentos máis ortodoxos e puristas. Contra esa
imposición ideolóxica, e "co fin de desfacer a contradición na que eles
mesmos incorren con respecto á corrección ou non do castrapo,
introducen a diferenza entre as variedades en función do grao de
formalidade e o tipo de ámbito (público ou privado)", explica a
profesora da Universidade de Vigo, que tamén atopou mozos que "amosan
unha clara vontade correctora, no sentido de converxencia cara ao
estándar na súa fala cotiá, aínda que son posturas minoritarias".
Polo tanto, os novos galegofalantes xustifican o castrapo como "unha variedade diafásica coloquial e, en consecuencia, totalmente lexítima para ser empregada nos usos cotiáns espontáneos da lingua".
Deste xeito, "mentres o galego estándar é unha variedade homoxénea
(común e supradialectal), o castrapo inclúe as diferentes variedades
dialectais máis os castelanismos léxicos, en diferentes graos",
esclarece Iglesias.
A profesora detalla que o castrapo que usan os novos galegofalantes
caracterízase principalmente pola "presenza de castelanismos léxicos",
pero tamén "por trazos dialectais, sobre todo pola gheada",
característica fónica moi criticada nos discursos públicos máis
puristas, malia que "é cuestionable que teña a súa orixe na lingua
dominante".
Segundo Iglesias, "os galegofalantes demostran ter interiorizada a
ideoloxía purista que os planificadores difundiron con respecto ao
galego, de xeito que nos seus discursos metalingüísticos o tema dos
castelanismos acada grande relevancia, nalgúns casos expresado de
maneira moi semellante á dos discursos públicos [...], ata o punto de
que necesitan recorrer a unha etiqueta diferente para identificar o seu galego oposto ao estándar".
Non obstante, a investigadora aclara que "isto non significa que os
falantes asuman todas as implicacións que a ideoloxía purista e de
calidade da lingua intenta impoñer, no sentido de abandonaren a súa
variedade dialectal en función da variedade estándar", pois "a variedade
que desempeña para eles a función simbólica é o castrapo, mentres que a
variedade estándar cumpre só unha función instrumental, isto é, para
ser usada nos contextos máis formais, que en realidade son moi escasos,
polo menos na franxa etaria estudada", dilucida.
PURISMO VS VARIEDADE
Nunha comparación entre os enfoques sobre o uso de castelanismos no
galego e de galeguismos no español que se fala en Galicia, Iglesias
observa que existen criterios diferentes. Así, "cando se fala do
castelán de Galicia, rexéitase aplicar o termo «interferencia» aos
galeguismos que o definen", mentres que "cando se fala da calidade
lingüística do galego, insístese reiteradamente na abundancia de
castelanismos, denominados «interferencias», «deturpacións», «solucións
espurias», «formas foráneas» [para cualificar o «mal galego], en
oposición a «voces patrimoniais galegas», «vocábulos autóctonos»,
«solucións propias» ou «formas propias» [para referirse ó «galego
auténtico»]", describe a profesora.
Na opinión de Iglesias Álvarez, baixo este tipo de afirmacións que diferenzan o galego bo do malo,
"está actuando a ideoloxía que reduce a lingua á norma estándar, de
acordo coa cultura monoglósica e a ideoloxía da estandarización". E
neste proceso, "os planificadores das linguas minorizadas e, no caso
concreto que nos ocupa, do galego, o que fan é imitar e reproducir as
estratexias e os discursos puristas aplicados ás linguas dominantes",
considera a profesora da Universidade de Vigo.
Nas súas conclusión, Ana Iglesias Álvarez recomenda "modificar os
esquemas conceptuais impostos pola cultura monoglósica" para elaborar
"un novo discurso no que os galegofalantes tradicionais e o seu castrapo
teñan cabida tamén na calidade da lingua".
"Se provocamos que os galegofalantes se sintan excluídos do
proceso de estandarización da súa propia lingua, dificilmente imos ter
éxito non xa na difusión do estándar, senón no propio mantemento e
recuperación de falantes", argúe a profesora. Por iso,
considera necesario "potenciar a variación diafásica e o dominio dun
amplo repertorio lingüístico, de xeito que os falantes poidan escoller
entre diferentes opcións segundo os contextos".
"Desta maneira, poderemos ser «puristas» con respecto á variedade
estándar pero sen a concibirmos como a única lexítima", e sen que isto
sexa incompatible coa "esixencia nos usos públicos e formais dun
estándar coidado", pero "sempre sen excluírmos da lingua de calidade os
galegofalantes tradicionais e o seu castrapo", conclúe a investigadora." (Galicia Confidencial, 07/09/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario