"Victor Rivas é o creador unha nova ferramenta
dixital que permite atopar quen tale e pague pola a leña das nosas
fincas. Nesta entrevista abordamos, entre outros temas, como eMonte pode
contribuír a paliar o problema dos incendios e o cambio das xeracións
responsábeis do coidado das fincas.
eMonte é un proxecto que se inicia a mediados do 2014, pero non é ata
este 2016 cando saíu á luz. A idea xurde a partir das preguntas que se
teñen que facer os propietarios forestais sobre o seu monte: quen me
pode mercar a madeira? Canto vale?
Debido ao abandono rural, os
propietarios forestais viven cada vez máis nas cidades, polo que a
vinculación co mundo forestal se reduciu. Neste contexto é onde aparecen
os problemas: a relación natural entre o monte e a propiedade mudou por
completo.
Inspirouse nalgún proxecto similar noutro sector?
A inspiración en certa medida foi dos portais inmobiliarios online, que
axudaban aos propietarios a compra/vender/alugar un inmoble. Iso si, en
eMonte fomos máis alá ao evitar ter que ensinar a propiedade ou
ofrecendo a posibilidade de recibir ofertas a través da plataforma.
Cal é o proceso que ten que seguir unha persoa interesada en comercializar a súa leña?
Primeiro, rexistrarse na plataforma como usuarios.
Segundo, rexistrar o
monte na plataforma cubrindo un sinxelo formulario.
Terceiro,
seleccionar a forma de venda da súa madeira. Ofrecemos dúas
posibilidades: venda por lote (€/lote) ou por tonelada (€/Tm).
Cuarto,
recibir no seu domicilio un cartel de eMonte que debería colocar na
entrada principal do monte. In situ, tamén tería que deixar os marcos do
terreo ben claros, e incorporar á plataforma fotografías, que serán
visualizadas por todas as empresas rexistradas.
Unha vez feito isto non
tería que facer nada máis. Só agardar a recibir ofertas pola súa
madeira. Isto é posible por un lado grazas á APP para móbil de eMonte,
que lle permite ás empresas ir ao monte sen necesidade de ir acompañadas
do propietario forestal.
E por outro, cun sistema especial de poxa que
reflexa á perfección o mecanismo de compravenda tradicional. Unha vez
rematado o período establecido para vender a súa madeira, o propietario
só ten que indicar si acepta ou non a oferta máis alta recibida.
Moitos dos propietarios de montes particulares son persoas de
idade avanzada, que en teoría fan menos uso da Internet que os mozos.
Con todo, eMonte aposta pola Rede tanto para captar provedores como para
darlle saída á leña...
A tipoloxía de propietarios forestais é moi variada. É certo que a
maioría dos propietarios forestais son persoas de certa idade, pero cada
vez viven máis lonxe das zonas rurais polo que necesitan axuda para
poder xestionar as súas propiedades.
Eu sempre poño o mesmo exemplo,
miña avoa, con 85 anos é usuaria dun portal online inmobiliario moi
coñecido, pero non sabe nin prender un ordenador. Entón como é posible? É
o neto, neste caso eu, quen lle incorpora o anuncio no portal. En
eMonte queremos conseguir o mesmo, que sexa a xente máis nova, a que
está habituada a empregar Internet, a que opere na plataforma.
Daquela, cal é o perfil tipo de cliente ao que esperan chegar?
Son tres diferentes. primeiro, os pequenos propietarios forestais. En
Galicia hai máis de 672.000 pequenos propietarios espallados por todo o
territorio. Case un de cada catro galegos ten un anaco de monte.Logo
están as comunidades de montes veciñais.
Case 2.800 comunidades por toda
Galicia. Por último, as empresas do sector. O sector da madeira
aglutina a máis de 3.000 empresas, aínda que o público obxectivo de
eMonte son menos de 400, as vinculadas directamente coa industria
forestal.
Que superficie mínima debe ter a leira cuxa madeira queiramos ofrecer? Valen todo tipo de árbores?
Para vender madeira a través de eMonte, o monte debe ter unha
superficie mínima de polo menos 3.500 m2. O motivo fundamental é que
para montes máis pequenos, as empresas coas que traballamos non están
interesadas por mor dos costes loxísticos. A través de eMonte pódese
vender calquera tipo de madeira (piñeiro, eucalipto, carballo, etc.).
Quen se ocupa dos permisos de tala, de seren necesarios?
Unha vez que se pecha a operación de compravenda, eMonte emite un
contrato vinculante entre propietario e empresa, no que se establecen as
obrigas a cada parte. Neste sentido, as empresas rexistradas en
www.emonte.es son as encargadas de tramitar os permisos de tala da
madeira.
Falemos de cartos, que sempre é a clave da cuestión. Como
garante eMonte que as ofertas que recibo están máis ou menos dentro dos
parámetros normais do mercado?
O sistema especial de poxa de eMonte está totalmente orientado a que o
propietario venda a madeira do seu monte coa máxima comodidade e a un
prezo xusto. As empresas que realizan as ofertas a través da plataforma
coñecerán en todo momento o lugar no que ocupan na poxa, o número de
empresas coas que compiten, pero non coñecerán nin o importe nin o nome
das outras empresas.
Exemplo do funcionamento: Unha empresa ofrece
10.000 Euros pola madeira, e imaxinémonos que esa oferta é a máis alta,
co que a ferramenta indicaralle que está en primeiro lugar. Se unha
terceira empresa lle supera a oferta, recibirá un correo electrónico
dándolle a oportunidade de incrementar a súa oferta, e así
sucesivamente, ata o prazo máximo que determine o propietario forestal
para recibir ofertas.
Lévase eMonte algunha comisión da venda?
En eMonte cobramos unha reducida comisión do 1% por cada un dos lotes que conseguen as empresas a través da plataforma.
Un dos grandes problemas medioambientais de Galicia son os
incendios forestais. Os expertos coinciden en sinalar a abundancia de
combustible forestal nos montes, como un dos factores que explican que
se repitan ano tras ano. Até que punto iniciativas como eMonte cre que
axudan a abordar esta cuestión?
Creo que o problema dos incendios forestais é un problema da sociedade e
todos debemos aportar o noso grao de area para tratar de eliminalos.
Pensamos que eMonte pode ser unha boa iniciativa, xa que permite
xestionar as propiedades forestais dunha forma moi sinxela, polo que
pode animar aos propietarios forestais a mirar polo seu monte sen ter
que estar obrigatoriamente ao carón del.
Nestes momentos en eMonte estamos a desenvolver a campaña #TeñoMonte,
gañadora da IV edición do Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial
en Galego. A campaña, entre outras accións, busca valorizar o monte
entre a sociedade, para o que regalamos uns fermosos carballos á xente
que acode aos postos que temos por diferentes prazas de Compostela entre
os meses de outubro e novembro. " (Galicia Confidencial , 14/0/10/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario