"Pinga a pinga, unha aldea menos en Galiza. Á
espera de que en xaneiro saían as estatísticas relativas ao ano que
despedimos, unha simple mirada atrás, aos anos anteriores, permite
comprobar o nivel do despoboamento do rural galego. O 2015 fechou cun
rexistro de 1.669 aldeas deshabitadas en Galiza. Desde 2010 até entón
ficaron deshabitados perto de 400 lugares, en concreto 390. Unha media
dunha aldea abandonada cada seis días.
Estamos, ademais, perante unha tendencia que vai a máis. A eses
núcleos sen poboación hai que engadir aqueles que en breve van estalo,
dado que están habitados por dúas ou menos persoas e estas son, na
maioría dos casos, dunha idade avanzada. No 2015 eran 1.971 os lugares
nesta situación. Temos, pois máis de 3.000 lugares en Galiza que están
despoboados ou a piques de estalo. O 10 por cento dos existentes no noso
país.
Ao longo de 2015 foron 55 lugares os que ficaron deshabitados.O ano
anterior, 2014, esa cifra foi de 75 mentres que no 2013 rexistráranse 70
aldeas abandonadas nese exercicio. En 2012 ficaron sen habitantes 60
núcleos, en 2011 foron 67 e en 2010, 63.
O 41 por cento dos galegos viven en 70 das 3.790 parroquias que hai
en Galiza, 70 parroquias que supoñen apenas o 1,2% da superficie do noso
país. Máis dun millón cento cincuenta mil persoas concentradas en menos
de 348 quilómetros cadrados dos perto de 30.000 que ten Galiza. O 24%
da poboación galega viven en zonas pouco poboadas (ZPP ‘superbaixa’) e
que ocupan o 87,5% do territorio galego."
(Sermos Galiza, 29/12/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario