"Un concurso de máis de 120 millóns investigado por un posible amaño e
unha firma dun ex-dirixente do PP que sae beneficiada e que estende o
seu control en Galicia a través de adquisicións e alianzas empresariais.
A investigación aberta polo xulgado de instrución número 2 de Santiago
na adxudicación dun concurso para as ambulancias do 061 engade balbordo a
un sector no que levan anos agromando críticas, tanto polas condicións
laborais de moitos traballadores como polas dúbidas sobre as
adxudicacións.
A xustiza investiga se houbo delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias
no concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia
061, dependente do Sergas, para o servizo de transporte sanitario
urxente por 121,6 millóns de euros ata 2019. Dividido en 14 lotes por
áreas xeográficas, once empresas repartíronse as adxudicacións,
oficializadas no verán de 2015.
Pero un dos empresarios aspirantes
denunciou e puxo sobre a mesa supostas irregularidades.
Empresas beneficiadas terían matriculado e rotulado os vehículos coa
simboloxía da Xunta e a Consellería de Sanidade meses antes de que a
Administración resolvese a adxudicación e mesmo xa unha semana despois
da publicación dos pregos no DOG, en novembro de 2014. Segundo o
denunciante, todas as firmas que conseguiron o contrato carrozaron as
ambulancias no taller ourensán Rodríguez López -o 95,5% delas- e no
portugués Autos Ribeiro.
Tal e como adiantara Europa Press, a investigación busca determinar se,
como di a Policía Xudicial, a Administración puido usar para o concurso
pregos de condicións facilitados pola carroceira ourensá, que estaba en
conivencia coa de Portugal. Intenta probar que foi "un concurso á carta"
-como din a Praza fontes do sector coñecedoras do proceso xudicial-
polo que as empresas que traballaban con estes talleres fornecían ás
ambulancias dos requisitos e características esixidas polo Sergas e nun
tempo récord.
A Fiscalía, en outubro de 2015, recomendou admitir a trámite a denuncia
e o xulgado abriu a causa, na que xa declarou como investigado o
técnico responsable de transporte do 061 que avaliaba os vehículos, e
que foi declarada complexa, polo que se aumentou o prazo para instruír
dilixencias ata 18 meses.
O denunciante mesmo achegou datos conseguidos a través de detectives
que confirmarían que polo menos unha das empresas beneficiadas tiña
matriculados e rotulados xa en xaneiro de 2015 dous vehículos que
formaban parte da oferta. Ademais, fontes consultadas por
Praza confirman a existencia de correos electrónicos nos que en abril de
2014 o técnico investigado envía a unha carroceira de Madrid
planos das ambulancias practicamente idénticos aos que logo se pedirían
nos pregos. Neles, o anagrama do taller ourensán Rodríguez López.
"Non se cortaron nin en ter vehículos xa mercados e matriculados desde
había tempo e á vista de todos", confirman as mesmas fontes do sector,
que explican como ás empresas adxudicatarias "sobrábanlles días para ter
listas as ambulancias". "Ao primeiro día, todo estaba listo", explican.
Ademais, os sindicatos e pequenas compañías xa denunciaran que as
condicións esixidas excluían moitas empresas locais do concurso e
facilitaban que se recortasen en dereitos laborais para axustar as
ofertas. "O plan de formación que pedían só o podían ofrecer firmas
grandes", insisten.
Pero hai máis. No sector son moitas as voces que sospeitan ou mesmo non teñen dúbidas deste amaño e pregúntanse: "Quen
compra a empresa máis grande de ambulancias de Galicia a poucos meses
de que saia o concurso se non estás seguro de que vas gañar?".
Refírense á compra de Ambulancias do Atlántico a principios de 2014 por
parte de Ambuibérica, empresa líder do sector en todo o Estado, con sede
en Valladolid e presidida polo ex-alcalde de Mayorga e ex-deputado
provincial polo PP en Castilla y León, Carlos Magdaleno.
Ambuibérica controla boa parte do territorio galego
Ambuibérica é a empresa que tamén controla agora a maior parte do
sector das ambulancias en Galicia, onde non tiña presenza destacada até
hai uns anos. Faino a través de dúas vías: comprando empresas que xa
tiñan concesión ou estaban consolidadas no mercado ou controlándoas con
outros socios. Daquel concurso dividido en 14 lotes, a compañía fíxose con seis lotes por un importe total de case 50 millóns, entre os que acadou a través da súa compañía directamente ou mediante as que controla.
Así, a Ambuibérica fóronlles adxudicada as áreas de Vigo, Baixo Miño e
Bergantiños-Costa da Morte por 26 millóns de euros, mentres que
Ambulancias Pontevedra, da que Magdaleno é coadministrador desde hai tan
só mes e medio, leva a área da capital provincial por máis de 5
millóns.
Ambulancias As Burgas, onde é directivo o seu socio na empresa
da cidade do Lérez, xestiona a zona da urbe oruensá por 7,6 millóns,
mentres que Ambulancias Ferrolanas, de As Pontes, encárgase de
Ferrolterra por máis de 9 millóns. Nesta última firma un dos
administradores é Enrique Blanco, socio de Magdaleno en numerosas outras
firmas do Estado. Foi a última en controlar o líder dun sector onde xa
se fala da súa intención de facerse con Casablanca, que abrangue a zona
de Compostela.
"Aló onde goberna o PP, entra a súa empresa; controla comunidades
enteiras pero Galicia foi dos últimos sitios onde entrou e, se cadra, é o
derradeiro visto o que se está a descubrir coa investigación", din
fontes coñecedoras do proceso que se a algo lles lembra o proceder en
todo o que rodeou o concurso é a outras prácticas que se xulgan estes
días e que tamén estaban vinculadas a dirixentes do Partido Popular. "O modus operandi é exactamente o mesmo", rematan.
O presidente de Amuibérica asegura a eldiario.es que non recibiu notificación xudicial ningunha e que as ambulancias sempre se rotulan antes: "Sempre se fai así. Ás veces non se consegue a adxudicación pero a rotulación hai que facela".
Ademais, lamentou que se relacionase a súa actividade política coa
empresarial, na que leva "trinta anos", e aclara que traballaba con
comunidades autónomas non vinculadas ao PP, como Cantabría, aínda que o
certo é que cando conseguiu o concurso nesa autonomía os populares
estaban no poder.
En Galicia, e preguntado pola investigación, o presidente da Xunta,
Alberto Núñez Feijóo, avalara manter no seu posto o técnico investigado.
"Hai que protexer tamén os empregados públicos, que ás veces teñen
denuncias como consecuencia dalgúns intereses.
Hai que ver se hai ou non
interese lexítimo na denuncia", dixera ao descubrirse o caso, tras
destacar a "enorme competitividade" que hai en adxudicacións deste tipo.
Ao tempo, toda a oposición uniuse no Parlamento para pedir
"explicacións urxentes" ao Goberno galego.
No PSdeG, o parlamentario Julio Torrado reclamou tamén a pasada semana
"responsabilidades políticas" polas presuntas irregularidades no
concurso e ante as "evidencias específicas" que indican ao "uso de
información privilexiada por parte dunha empresa concreta".
Antes, desde
o BNG, Montse Prado lembrou que a súa formación xa denunciara o
devandito concurso pola "temeridade" que supoñía adxudicar un servizo
deste tipo "á baixa" e primando "cuesitóns económicas para facilitar o
negocio da empresa por riba do servizo".
Desde En Marea, a deputada Eva Solla advertiu das "importantes
deficiencias" no transporte urxente do 061 en Galicia, con "recursos
insuficientes para cubrir todas as zonas sanitarias". (Miguel Pardo, Praza Pública, 14/02/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario