"Rafael Louzán segue a cobrar do erario público, como
asesor do PP na Deputación de Pontevedra. Con todo, a principal
ocupación do outrora todopoderoso ex-presidente provincial é ser presidente da Federación Galega de Fútbol.
Aló ten como escudeiro a Gustavo Falque Comesaña, presidente do Coruxo Club de Fútbol (2º B) e vicepresidente primeiro da Federación.
Durante os mandatos de Louzán, a Deputación de Pontevedra adxudicou, polo menos, cinco contratos mediante o procedemento negociado sen publicidade a Limpiezas Cíes. Nesta empresa o irmán do vicepresidente da Federación, Manuel Falque Comesaña, figura como administradorde Limpiezas Cíes.
A Deputación adxudicou estes cinco contratos pedindo prezo unicamente a tres empresas. En todos os casos, para tramitar as adxudicacións, ademais de a Limpiezas Cíes, pediu tamén prezo a Multiserga SL.
Multiserga SL está relacionada con Limpiezas Cíes a través de Maria Severina González Fernández,
que foi administradora das dúas sociedades. Ademais, o actual
administrador de Multiserga, é Roberto Falque González, persoa que
comparte o primeiro apelido co directivo de Limpiezas Cíes e o segundo
coa ex-directiva de Multiserga.
En tres das catro adxudicacións, a terceira empresa á que a Deputación pediulle unha oferta é a mesma: Almi Limpiezas.
Na cuarta adxudicación, a terceira empresa á que a Deputación pediulle prezo é Eiriña SL. Eiriña é o epicentro da Operación Patos, operación contra a corrupción pola que Louzán está imputado
canda unha ducia de políticos por, precisamente, irregularidades en
adxudicacións públicas. No caso do ex-presidente, ademais, a Xustiza cre
que recibiu regalos de Eiriña a cambio dos favors.
Cinco contratos sen concurso e invitando a presentar ofertas ás mesmas empresas
- A primeira adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes é novembro de 2008. A Deputación pide prezo a Limpiezas Cíes, Almi e Multiserga, S.L. Sorprendentemente, Almi declina a invitación para presentar unha oferta. Multiserga retírase alegando que non pode asistir ao procedemento. Gaña Limiezas Amil por 47.400 euros.
- A segunda adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes a Limpiezas Cíes foi en febreiro de 2009. A Presidencia da Deputación adxudicoulle a limpeza da sede de Vigo durante dous anos por 53.206 euros. Son só 580 euros menos que o importe máximo de licitación. Multiserga e Almi Limpiezas fixeron ofertas aínda maiores.
- A terceira adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes foi en febreiro de 2010. A Presidencia pediu prezo a Limpiezas Cíes, Viguesa de Limpiezas Amil e Multiserga. Viguesa de Amil e Multiserga foron excluídas por presentar mal a documentación. Gaña Limpiezas Cíes cunha oferta de 35.919 euros, 1.600 menos que o tope máximo.
- A cuarta adxudicación sen publicidade a Limpiezas Cíes foi en abril de 2011. A Presidencia da Deputación adxudicoulle a Limpiezas Cíes a limpeza e mantemento da sede de Vigo. Outra vez pediu tamén prezo a Multiserga e Almi Limpiezas, neste caso identificada como Viguesa de Limpiezas Almi. Gañou Limpiezas Cíes cunha oferta de 49.613, só 803 euros menos que o importe máximo posíbel.
- A quinta adxudicación negociada sen publicidade a Limpiezas Cíes foi en decembro de 2011. A presidencia da Deputación adxudicou a Limpiezas Cíes a limpieza da sede de Turismo Rías Baixas para 2012 por 50.000 euros. Pediulle prezo a Limpiezas Cíes, Multiserga e Eiriña. Gañou Limpiezas Cíes por unha estrepitosa goleada, logrou 90 puntos fronte a 59 de Multiserga e só 20 de Eiriña.
Adxudicacións legais pero que suscitan dúbidas
A vía negociada sen publicidade é un procedemento da Lei de Contratos
polo que a Administración pode adxudicar contratos menores sen publicar
as bases e abrir un concurso aberto. Chégalle con pedir prezo a
determinadas empresas cualificadas, en principio un mínimo de tres.
Os citados expedientes cumpren pois, a primeira vista, os requirimentos
de legalidade. Con todo, os seus detalles deixan varias cuestións
abertas.
Por exemplo, porque a Deputación, de entre todas as empresas de limpeza
da provincia, sempre lle pide prezo Limpiezas Cíes e Multiserga, tendo
en conta que, como é público no Rexistro Mercantil, son dúas empresas que están relacionadas pola súa directiva.
Ou tamén porque nunha ocasión lle pediu prezo a Eiriña, cando o seu obxecto social son as obras, e non a limpeza. " (Galicia Confidencial, 01/02/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario