"A obra constitúe o número 42 da serie Anejos de Cuadernos de Estudos Gallegos,
publicada por Editorial CSIC. "Presenta os resultados dunha
investigación do amplo e desordenado fondo documental custodiado no
Arquivo Histórico Provincial de Ourense e en arquivos familiares, achega
do destacamento penal para a Redención das Penas polo Traballo,
establecido nas minas de volframio de Valborrás de Casaio (Carballeda de
Valdeorras, Ourense) desde novembro do 1942 ata xullo de 1944", explica
o seu autor, Isidro García Tato.
"Nese destacamento redimiron penas polo traballo preto de 500 penados,
todos eles ex-combatentes republicanos da Guerra Civil, procedentes de
case toda a xeografía española. Para o seu estudo recorreuse, desde o
punto de vista metodolóxico, a unha epistemoloxía realista, por iso é
polo que o labor heurística, a procura, a lectura, a transcrición e a
publicación de fontes manuscritas sexan imprescindibles, como se
constata no Apéndice documental do libro", detalla o autor.
O libro, de preto de 800 páxinas, consta de sete capítulos
aos que se unen as conclusións e o apéndice documental, que se divide
en cinco bloques (Explotación das minas de wolfram; Destacamento penal
de Valborrás, Accidentes e enfermos durante o tempo que durou o
Destacamento Penal, Exhumación dos restos do penado andaluz Miguel
Cardeñas Lozano e Documentación fotográfica das dúas últimas épocas da
explotación mineira).
Iníciase cunha exposición da evolución histórica das explotacións de
volframio en Valborrás (Casaio de Valdeorras, Ourense), prestando
especial atención á fase alemá (1938-1945), período durante o cal tivo
lugar a creación do destacamento. Expóñense os motivos que levaron á
creación dun centro penal nesas minas. Ademais, preséntase a evolución
do número da poboación recluída e o réxime penal.
A obra aborda as causas da supresión do destacamento a partir de varias
fugas de reclusos, que tiveron lugar a finais de xuño e principios de
xullo de 1944, e inclúe a relación dalgúns dos reclusos cos maquis.
Finaliza cunha breve referencia á Xunta Local de Servizo de Liberdade
Vixiada do Municipio de Carballeda, constituída o 23 de setembro de 1943
para controlar e regular a poboación en liberdade vixiada que seguiu
traballando tanto nas minas de Valborrás como nunha filial de Renfe,
denominada Explotación Forestal 'La Cabrera', dedicada á talla,
construción, transporte polo río Casoio de travesas de carballo,
destinadas á vía férrea.
"O seu obxectivo é ser un libro de historia e así como as casas se fan
con pedra, madeira, bloques ou ladrillos, a historia elabórase con
documentos. Onde non hai documentos non hai historia", destaca García
Tato.
"Como conclusión, pódese afirmar que o destacamento estivo en íntima
relación coa actividade bélica. Por unha banda, as minas estaban
destinadas desde o comezo da súa explotación, ao redor da I Guerra
Mundial, á produción de wolfram, material imprescindible para a
industria armamentística bélica. Por outra banda, todos os reclusos que
pasaron polo Destacamento foron integrantes do exército republicano na
Guerra Civil española, polo que foron condenados a 20 ó 30 anos de
reclusión", explica García Tato." (Galicia Confidencial, 02/02/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario