"A treboada política en torno ao Consello Consultivo recrúa. No amplo paquete de reformas legais pola vía rápida que a Xunta promove a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2017 -mudanzas en máis dunha vintena de textos legais nunha soa operación, moitas non ligadas ao orzamento e con menor trámite parlamentario que pola vía ordinaria- o gabinete de Alberto Núñez Feijóo introduciu a supresión do corpo de letrados do Consello Consultivo,
o órgano que informa sobre os proxectos legais do Executivo e que nos
últimos anos emitiu ditames tan relevantes como o que advertiu das ilegalidades no decreto do plurilingüismo, se opuxo a que cada colexio peneire o alumnado antes de admitilo ou subliñou que o Sergas pretendía adoptar decisións "contrarias ao ordenamento xurídico".
Agora estes letrados veñen de advertir dunha nova "ilegalidade". A que, aseguran, a Xunta pretende cargar sobre eles mesmos.
Segundo a nova redacción do texto, de cuxo encaixe legal dubidaron nos últimos días En Marea e o PSdeG,
estes letrados -actualmente son cinco- que elaboran os informes
xurídicos nos que o Consultivo basea os seus ditames pasarían a
integrarse na escala de letrados da Xunta.
Entre este corpo xeral
seleccionaríanse os do Consultivo pola vía da libre designación,
atendendo a criterios de "especial responsabilidade, confianza e
cualificación profesional". Tras as primeiras alertas políticas a
Asociación Profesional de Letrados do Consello Consultivo decidiu fixar
postura pública nun duro comunicado feito público este domingo.
A reforma, resaltan, chega apenas tres anos despois de que a vixente lei do Consultivo fose aprobada cun amplo consenso
-cos votos de PP e PSdeG-, polo que "cabería" agardar que a Xunta se
limitase a introducir "modificacións puntuais ou de detalle".
Máis aínda
tendo en conta que promove a reforma pola vía da lei de acompañamento,
que "se debería limitar a actualizar, de xeito estrito, aquelas
disposicións legais que o precisasen dende unha óptica propiamente
orzamentaria". E este "non é o caso, nin de lonxe, da substancial reforma" que os conservadores tentan aplicar.
Dende o seu nacemento en 1995, lembran, o Consultivo conta cun corpo de
letrados de seu e a súa existencia "sempre se considerou como un
elemento esencial da independencia orgánica e funcional da institución".
No entanto, o PP disponse a "suprimir este corpo funcionarial" sen
"achegar o menor razoamento que xustifique tan sorprendente decisión" e
dispoñendo "que os letrados e letradas do Consello pasen a integrarse"
na Xunta, o que implica "unha vinculación xerárquica" co propio Goberno.
"Non parece -reflexionan- que a medida proxectada contribúa a reforzar a
independencia do superior órgano consultivo das administracións
públicas de Galicia.
"Resulta ademais -engaden- moi difícil de explicar
que unha modificación deste alcance se promova sen sequera informar
previamente ao propio Consello Consultivo" nin á Comisión de Persoal,
malia ser "a primiera vez que se leva a cabo na comunidade autónoma a
supresión dun corpo de funcionarios".
Consecuencias e advertencia a Feijóo
Neste contexto, se a reforma da lei segue o seu curso os letrados serán
"inmediatamente removidos" dos seus postos, que pasarán a ser obxecto
dunha "provisión por libre designación" por parte do presidente do
Consello, o cuestionado José Luis Costa Pillado,
que pasará a gozar de "omnímodas facultades para designar e cesar o
persoal da súa confianza que no futuro exercerá estas funcións".
Se
sucede, indica a asociación, o Goberno estará tomando unha
decisión contraria á lei de emprego público do ano 2015, pero tamén
"vulnerando o dereito constitucional de acceso en condicións de
igualdade a cargos e funcións públicas", xa que o Tribunal
Constitucional "ten precisado" o "dereito a non ser removido do cargo se
non é polas causas e de acordo aos procedementos legalmente
establecidos".
"A patente ilegalidade do texto neste punto esixe unha redacción alternativa que, cando menos, respecte"
a lei de emprego público promovida pola propia Xunta hai apenas dous
anos. "De aprobarse este proxecto nos seus actuais termos verémonos
obrigados a opoñérmonos, impugnando os seus actos de aplicación con
todos os medios que o Estado de Dereito pon ao noso alcance", advirten,
nun contexto no que resaltan que a Xunta está a "crebar o consenso" en
torno ao Consultivo e a "furtar do control parlamentario o debate sobre
tan cuestionables contidos" qu erefomran un órgano situado como "peza
clave na loita contra a corrupción".
Todo isto sucede nun contexto, resaltan, no que o propio
presidente da Xunta "subliñou, en recentísimas declaracións, as notas de
independencia e autonomía que presiden o actuar do Consello Consultivo.
"Por coherencia con estas manifestacións é necesaria unha explicación
inmediata e transparente en sede parlamentaria" das razóns desta
"polémica reforma".
"De non ser satisfactorias tales explicacións, a
reforma debería ser reconsiderada de inmediato" e, ao cabo, retirada.
"Noutro caso, o dano á institución será moi dificilmente reparable",
conclúen." (Praza Pública, 05/02/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario