"(...) A Fundación TIC da
Deputación gravará entrevistas que a URG fará pola provincia a persoas
que viven e traballan no rural, para despois difundilas a través da
web. Álvaro Santos, Deputado de Relacións Institucionais do ente
provincial, salientou que “o mundo rural é o piar fundamental da nosa
esencia como pobo e debemos traballar entre todos -administracións,
tecido asociativo e sociedade en xeral- non só para recuperalo e
conservalo, senón tamén para xerar iniciativas innovadoras e de futuro
que asenten poboación”.
O presidente da URG, Alfonso Blanco Torrado, párroco en Guitiriz e
fundador e coordinador da Asociación Cultural Xermolos, explica para
Praza.gal que o obxectivo desta iniciativa é "construír un un arquivo de
xente que está recuperando o mundo rural, tanto persoas como entidades e
colectivos, un conxunto de vídeos para conservar a súa voz e o seu
saber e que se poida ver e recuperar dentro de anos ou décadas, en
calquera momento".
"No rural hai sabedores e sabedoras, artesáns
que aínda manteñen vivo un oficio que corre o risco de morrer. Hai
tamén dinamizadores e recuperadores que tratan de abrir novas opcións no
mundo rural", di.
"Queremos que estes vídeos sexan un motivo de orgullo para a xente que
vive no rural, e que tamén ensinen cousas á xente que vive noutros
ámbitos: os oficios, a literatura oral, a ciencia e a tecnoloxía que
sempre existiron no rural, a defensa da natureza, a conservación do
monte galego e das árbores autóctonas, a gastronomía e a alimentación sa
que recibimos dos nosos avós e avoas", sinala. "Sempre digo que
as nosas cidades, grazas a deus, manteñen un pouso rural. Non hai
fendas entre o rural e o urbano, porque en Galicia somos o mesmo", destaca.
"A cultura rural foi a que nos alimentou, a que mantivo viva a Galicia.
E non me refiro só á alimentación física. A cultura verdadeira de
Galicia está no mundo rural, foron os labregos e labregas os que
conservaron a nosa fala", salienta. Blanco Torrado chama a non perder o
modo de vida comunitario que é propio do rural: "No rural sempre
houbo uns traballos, uns xeitos de diversión e unha vida en común, en
colectivo. Todos dependiamos os uns dos outros. Iso é algo que non se
ten que perder, porque nos necesitamos, porque temos que conservar un
patrimonio que é de todas e de todos".
Finalmente demanda maior implicación das distintas administracións para
investir na zona rural e dotala de servizos dignos, que permitan unha
vida cómoda aos seus habitantes, fixando poboación e loitando contra o
abandono da mocidade e o envellecemento destas zonas: "Estamos un pouco
illados, non temos a posibilidade de levar unha vida cómoda.
Non só pola
falta de infraestruturas de comunicación, senón tamén por eivas que
temos no ensino, na saúde. E todo iso hai que potencialo", di. "Parece
que é máis caro dar estes servizos no rural que onde hai máis densidade
de poboación pero o futuro da vida no rural depende disto. E nisto as
administracións teñen que facer un esforzo grande", conclúe,
engadindo que "as administracións deben apoiar tamén aqueles colectivos
que con moito esforzo manteñen vivo o espírito da nosa cultura",
A Universidade Rural Galega
A URG está composta na actualidade por unha trintena de
asociacións de toda Galicia, aínda que a gran maioría son da provincia
de Lugo, onde naceu esta iniciativa. A estas organizacións
úneas a súa preocupación polo risco e desaparecer que corre a achega que
o rural ten feito á cultura e á vida en xeral.
Ademais, teñen en común a
súa aposta pola recollida, coidado e preservación de todo patrimonio
etnográfico galego e polo desenvolvemento de proxectos reais e
innovadores para manter no futuro un mundo rural vivo.
A URG divide as súas actividades en tres apartados: Os Sabedores da Cultura, no que inclúen os testemuños de persoas que saben ou traballan nalgún oficio ou costume tradicional galego; Conservación e Recuperación da Cultura, con persoas ou grupos que están traballando no eido da conservación e recuperación de usos e costumes; e Proxectos de Desenvolvemento,
con aqueles que, desde o rural, están levando a cabo proxectos de
desenvolvemento cunha base económica, como a agricultura ou os oficios.
Ademais,
a URG conta cun fondo documental bibliográfico no que se recollen
recursos espallados por domicilios privados e asociacións,
entre eles, todo tipo de libros, documentos, soportes musicais, carpetas
de traballo ou bosquexos que non se atopan nas bibliotecas ou na
Internet." (Praza Pública, 31/03/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario