"Lucas Ferro Caaveiro (A Capela, 1699) foi un dos máis brillantes arquitectos galegos da historia. Entre outras obras, completou a fachada barroca da Catedral de Santiago, a Casa do Concello de Lugo (a primeira verdadeiramente monumental realizada en Galicia) ou a Igrexa de San Frutuoso en Compostela.
Porén, nos últimos anos foi relegado -ao igual que outros mestres barroquistas- pola auxe do estilo neoclásico.
De feito, chegou a presentar un proxecto para a Casa do Concello de
Santiago, rexeitada en favor do deseño do francés Charles Lemaur. A
pesar da sona acadada durante décadas polo seu traballo, Ferro Caaveiro
morreu na pobreza. Unha "gloria e declive" da que falou Xerardo Estévez neste artigo.
Hoxe podemos ler a historia deste rebelde arquitecto en banda deseñada, a través do cómic Lucas Ferro Caaveiro. A auténtica rebeldía galega, con
debuxos de Carlos Sardiña (debuxante autor entre outros da banda
deseñada sobre Alexandre Bóveda) e textos de Henrique Sanfiz (Licenciado
en Xeografía e Historia e director de Radio Fene Radiofusión).
Os seus
autores destacan que "Ferro Caaveiro alcanzou a gloria rematando e
inaugurando a fachada da catedral de Santiago de Compostela na Praza do
Obradoiro en 1750. O seu contributo foi decisivo para a imaxe de cidades
barrocas que ofrecen as dúas urbes" e que despois, a pesar das
dificultades crecentes, "mantivo os seus criterios ideolóxicos e
estéticos, non se dobregou".
"Foi un rebelde, non agachou a
cabeza diante da monarquía dos Borbóns nen da xerarquía eclesiástica.
Por iso morreu na pobreza", sinalan.
O proxecto busca financiamento a través de Verkami.
O obxectivo é acadar 2.297 euros para imprimir o libro a toda cor con
46 páxinas (19 x 27 cm) e tapa dura. Na obra, cunha clara vontade
divulgativa, ter peregrinos camiñan ata Compostela mentres van falando
de Ferro Caaveiro.
Falan tamén de Breaking Bad ("a
serie considerada a mellor da historia da televisión", subliñan), outra
historia de rebeldía, equiparando deste xeito o arquitecto co Walter
White da ficción.
As persoas que apoien a publicación do libro (a partir de 9 euros) recibirán distintas recompensas. Cunha achega de 14 euros, terán o cómic na súa casa, acompañado dun agradecemento persoal e escrito dos autores." (Sermos Galiza)
No hay comentarios:
Publicar un comentario