"Oito millóns de toneladas de plástico son vertidas cada ano nos océanos e mares de todo o mundo, segundo un estudo publicado na revista Science e feito
por investigadores de universidades norteamericanas. Para facernos unha
idea da súa dimensión, sería o mesmo que colocar cinco bolsas da compra
cheas de plásticos cada 30 centímetros de costa no mundo.
Para 2025 o
panorama é aínda máis desolador se non se aplican medidas correctoras
urxentes: esas cinco bolsas cheas de plástico converteranse en dez cada
30 centímetros de costa, dobrando a cantidade de lixo nos mares na mesma
extensión. Deses oito milllóns de toneladas de plástico que caen ao mar
cada ano, só 245 mil están flotando na superficie, o resto atópase nas profundidades, invisibles para nós.
A alerta é mundial ante a ameaza dun mar de plásticos. E Galicia é unha
das rexións europeas que lidera a investigación científica sobre lixo
no mar e, en particular, sobre microplásticos, partículas de menos de
cinco milímetros que están afectando a organismos mariños.
Por exemplo, un estudo recente do Instituto Español de Oceanografía
(IEO) en Vigo, en colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos
Mamíferos Mariños (CEMMA), mostrou datos alarmantes: o 100% dos golfiños comúns varados na costa de Galicia presentan microplásticos nos seus estómagos.
Son varias as campañas de investigación nacionais e internacionais nas
que están participando científicos galegos para coñecer mellor a
dimensión deste problema e para planear medidas que o atallen,
asesorando a gobernos e administracións e organizacións supranacionais,
como a Unión Europea (UE) ou a Organización das Nacións Unidas (ONU).
O
liderado galego nesta materia evidénciase nos últimos grandes proxectos
de investigación impulsados pola UE. Un destes científicos é Jesús Gago,
investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e unha das voces
máis autorizadas neste eido; non en van, Gago forma parte do grupo
consultivo internacional que asesora á ONU para abordar o problema dos
microplásticos no mar.
O científico galego paricipou do 9 ao 12 de maio, na sede de Nacións Unidas Medio Ambiente en Nairobi (Kenya), na
reunión organizada para examinar e incluír as modificacións propostas
ao borrador cero da avaliación do problema, cun enfoque na preparación
de opcións para abordar as lagoas a nivel mundial que presenta este
tema.
O segundo período de sesións da Asemblea das Nacións Unidas para o
Medio Ambiente, celebrado en maio de 2016, adoptou unha resolución sobre
plástico mariño e microplásticos. Entre outras cousas, solicítase á ONU
que realice unha avaliación da eficacia das estratexias de gobernanza
internacionais, rexionais e subrexionais pertinentes; así como dos
enfoques para combater o lixo plástico mariño e os microplásticos tendo
en conta os diferentes marcos normativos e determinando as posibles
lagoas e opcións para abordalos, mesmo mediante a cooperación e
coordinación rexional.
GC falou con Gago durante a súa estadía en Nairobi.
Cales foron as principais liñas que abordaron en Nairobi?
A problemática dos plásticos e microplásticos no medio mariño, que
medidas tomar a nivel global como, por exemplo, un convenio con
compromisos e obxetivos para todos os Estados.
A que conclusións chegaron e cara onde piden enfocar traballo e recursos?
Existen suficientes evidencias a nivel global de que os plásticos
representan unha ameaza para a vida mariña. O grupo de traballo pide
enfocar o traballo a nivel rexional coas convencions rexionais dos
mares; por exemplo, as aguas galegas entran dentro da convención do
Atlantico norte, www.ospar.com.
E tamén parece necesario reformular algúns convenios ou un acordo ou
convenio novo a nivel global para combater o problema dentro do que se
podería chamar unha nova arquitectura. Ademais, outras medidas como
acordos voluntarios coa industria e traballar coas ONG tamén poden ser
relevantes. Os recursos a usar dependen do nivel de desenvolvemento
económico dos distintos países, pero tamén existe a posibilidade de
recibir axudas por parte de institucions, como o Banco Mundial.
Cal é o seguinte paso tras a reunión de Nairobi?
Rematar o documento e sometelo á Asemblea Xeral de Nacións Unidas en
Medio Ambiente en decembro, para a sua aprobación. Despois queda un
proceso longo que depende da ambición dos países para atallar o
problema.
Existe un compromiso firme, a nivel internacional, por buscar
solucións ao problema do lixo no mar e os microplásticos e de aplicar
medidas correctoras urxentes, ou estamos nunha fase de asumir aínda que o
problema existe?
Eu penso que si que está asumido que é un problema en prácticamente
todo o mundo. Pero e difícil de atallar porque se ve afectado por moi
diversas fontes (transporte marítimo, residuos sólidos urbanos,…) e cada
unha ten as súas particularidades, lexislacion, etc.
Por que non é un problema central nos cumes do clima e do medio ambiente?
Boa pregunta... Quizais podería ser incluido. Pero coido que se foi
difícil acadar o acordo de París, incluíndo o lixo mariño, podería ser
case misión imposible.
Que países ou zonas están máis e menos involucrados neste problema e onde é máis urxente aplicar medidas?
Hai un amplo espectro. Por citar dous exemplos de moi involucrados
diría Indonesia e Holanda, dous países con niveis moi diferentes de
desenvolvemento económico. Europa creo que é unha zona moi involucrada e
no sur asiático, debido á alta densidade de poboación e o nivel de
desenvolvemento económico baixo-medio, fai que sexa unha zona cunha
elevada problemática neste tema. Nos lugares mais afectados, unha mellor
xestión dos residuos sólidos urbanos así como das aguas residuais
xeraría unha mellora substancial da situación.
Este ano iniciaron no IEO unha campaña
oceanográfica para avaliar a contaminación por microplásticos tanto na
auga como nos sedimentos das costas de Galicia e Cantabria, dentro do proxecto europeo BASEMAN. Cando presentarán os resultados finais e que resultados esperan deste estudo europeo?
O proxecto BASEMAN remata a finais de 2018, Esperamos que este estudo
nos axude na definición das mellores metodoloxías para o estudo dos
microplásticos.
No caso particular de Galicia, cal é a situación en comparación con outras zonas de España e do mundo?
Aínda non temos datos suficientes para aventurarnos a comparar con
outras rexions. Pero a situación en Galicia en xeral é mellor que a
existente no sueste asiático. Isto débese a moitos factores: baixa
densidade de poboación, dinámica das correntes…
Recentemente presentaron os resultados dun estudo do IEO en colaboración coa CEMMA
que mostrou que o 100% dos golfiños varados na costa galega tiñan
microplásticos nos seus estómagos. De que maneira lles afecta? Teñen
datos doutras especies? Hai organismos ou especies máis afectadas ca
outras?
Non sabemos como lles afecta, pero está claro que non é algo positivo.
Estamos traballando con outras especies e encontramos nalgunha unha
importante incidencia. Pero e difícil relacionar os microplasticos con
efectos a nivel de individuo.
Por outro lado, unha especie afectada de maneira moi relevante pola
inxestion de plásticos é a tartaruga, que confude as bolsas con alimento
e atópanse moitas nos estomagos destas. Neste caso si que é posibel
asociar a morte, en moitos casos por asfixia. Poderiamos falar dunha
extinción dalgunhas especies causada polo plástico se non se remedia a
situación actual.
Estamos lonxe de comprender o impacto real dos microplásticos no mar? Cal é? Como afecta aos organismos mariños?
Todavía existe un longo percorrido científico no tema. En xeral, os
plásticos non son tóxicos, usámolos para envasar alimentos, bebidas,
etc.
Os plásticos afectan de moitas maneiras o medio mariño; poden
transportar especies invasoras, afectan a calidade ambiental das nosas
praias, poden ser inxeridos por baleas, tartarugas, etc.
O problema cos microplásticos é que poden actuar como un cabalo de
Troia para os seres vivos, introducindo diversos contaminantes (metais
pesados, PCBs, dioxinas, etc.). Isto débese a que no medio mariño os
microplásticos actúan como esponxas para elementos tóxicos.
Un estudo publicado na revista Science titulado
'Plastic waste inputs from land into the ocean' calculou en oito millóns
as toneladas de plástico vertidas cada ano nos océanos. Como podemos
facernos unha idea de que significa isto?
A verdade que é difícil, pero pensemos por un momento que un galego
medio xera arredor de 500 quilos de lixo por ano; podemos facer unha
extrapolación mental.
En Galicia tivemos un caso exemplar, o vertedoiro
de Bens en 1996; a cantidade de lixo puido chegar ata 200.000 toneladas.
En moitos países séguese usando o mar como un vertedoiro barato. É
necesario un cambio global e temos que pasar das 3R (reducir,
reutilizar, reciclar) as 6Rs (ademais das anteriores; rediseñar os
produtos, substituír cando sexa posibel e recuperar enerxéticamente como
última solución)
Cales son as principais fontes contaminantes por microplásticos no mar e que solucións se propoñen?
Os microplásticos poden ser de dous tipos: primarios e secundarios. Os
primarios son os que se deseñan especificamente con ese tamaño e son os
que se usan en cosméticos, pasta de dentes,… E os secundarios son os que
proceden da fragmentación de plásticos grandes, por exemplo, dunha
botella.
No caso dos primarios, a solución pasa por prohibir o seu uso en moitos casos e para os secundarios é vital mellorar a xestión.
Pode haber un punto de non retorno se non se lle pon solución urxente ao problema? Cales serían as consecuencias?
É difícil de prever. Pero un estudo da fundación Ellen McArthur
indicaba que nun futuro non lonxano poderiamos pescar máis plástico que
peixe. As consecuencias serían unha drástica redución da vida mariña e
un cambio nas especies; algunhas desaparecerían.
Coñecemos o que están a facer os científicos, pero que están a
facer ou que poden facer as Administracións europea, estatal e a galega?
As administración están implicadas tratando de tomar medidas a hora dun
mellor uso e xestión dos plásticos. Dende Europa estase promovendo unha
estratexia de plásticos, o Estado español adoptará probablemente este
ano unha lexislacion para regular as bolsas de plástico e a Xunta está
promovendo accións de recollida de redes nalguns portos. Sen dúbida,
pódese facer mais.
E o sector pesqueiro?
O sector pesqueiro estase involucrando cada vez máis. Existen xa barcos
pesqueiros que traen a porto o lixo que pescan. Ë necesaria unha maior
axuda das administracions públicas. É necesario desenvolver mecanismos
para evitar a perda de redes, así como fomentar industrias que as
reciclen.
E nós, os cidadáns?
Os cidadans, ademais das accións a nivel individual como consumir menos
bolsas de plástico, rexeitar produtos con microplásticos, non tirar
lixo no medio ambiente, etc., poden ser parte de campañas de limpeza de
praias e de presión (tipo change.org) aos nosos políticos para que tomen medidas.
Dispoñen os centros de investigación de apoio e recursos
humanos, técnicos e financeiros suficientes para o reto que teñen por
diante?
En xeral a situación da ciencia no estado español e penosa, existe un
apoio case nulo. Neste sentido, estamos igual de mal ou peor que o
resto. Poderiamos falar case dunha lenta pero progresiva
descapitalización tanto no que se refire a persoal como a recursos
técnicos.
Os datos son os que son. O noso gasto do PIB en ciencia é a metade
doutros socios da UE... e habería que ver os números reais; unha cousa é
o que se consigna e outra o que se gasta, ademais doutras maquillaxes." (Jesús Gago, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, Galicia Confidencial, 15/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario