"O ser máis resistente da Terra é un invertebrado microscópico de oito patas que mide apenas medio milímetro, vive na auga ou en zonas húmidas —como musgo ou fentos—, é capaz de resistir temperaturas que oscilan entre os -272º C e os 150º C, radiacións de raios X e raios ultravioletas até 1.140 veces a dose letal para o ser humano e presións 6.000 veces superiores á atmosférica, e pode sobrevivir no baleiro do espazo exterior ou pasar dez anos sen obter auga nun proceso de deshidratación prolongada. Estes son só algúns dos superpoderes deste animaliño da familia Ecdysozoa coñecido como Tardigrada ou, máis comunmente, como oso de auga, polo seu aspecto e movementos.
Dende que o zoólogo alemán Johann August Ephraim Goeze describiu os tardígrados
por primeira vez para a ciencia, en 1773, a comunidade científica
identificou arredor de mil especies deste ser en todo o mundo. Agora,
Galicia aporta á ciencia un novo oso de auga: o Ramazzottius littoreus, unha nova especie de Eutardigrada —unha das tres clases do filo Tardigrada—, descuberta en San Cibrao (Lugo).
O excepcional achado é publicado por investigadores
do Departamento de Bioloxía da Universidade de Porto, do Centro de
Ciências do Mar e do Ambiente de Lisboa —participado polas universidades
de Lisboa, Coimbra, Açores, Évora, a Nova de Lisboa e o ISPA (Instituto
Universitário), do Interdisciplinary Centre of Marine and Environmental
Research (CIIMAR) de Porto— e da Estación de Bioloxía Mariña da Graña,
da Universidade de Santiago de Compostela.
Os autores describen por primeira vez para a ciencia dúas novas especies de Tardigrada: a atopada en San Cibrao e outra descuberta en Cascais (Portugal), bautizada esta como Macrobiotus halophilus. O artigo, titulado 'Two
new species of Tardigrada (Eutardigrada: Ramazzottiidae, Macrobiotidae)
from the supralittoral zone of the Atlantic Iberian Peninsula rocky
shores', publícase na revista científica Zootaxa. Nel, os investigadores describen así o seu achado en Galicia:
"Atopáronse dúas novas especies de Eutardigrada
en líques supralitoriais, que medran en beiras rochosas de dúas
localidades da costa atlántica occidental da Península Ibérica. Ramazzottius littoreus
sp. nov., atopado en San Cibrao (Norte de España), ten a cutícula
dorsal esculpida con tubérculos pequenos e garras con puntos accesorios
similares a R. oberhaeuseri", explican os cientícos.
Actualmente describíronse 27 especies de Ramazzottius,
algunhas das cales, apuntan os autores do achado, "son moi similares e
só poden distinguirse por unha morfoloxía de ovo diferente". Destas 27
especies de Ramazzottius, só hai sete que
"comparten unha serie de características coa atopada en San Cibrao. E
destas sete, tres especies diferéncianse claramente das demais, como o Ramazzottius littoreus, nos procesos de produción de ovos.
O SER MÁIS RESISTENTE DO PLANETA TERRA
Os tardígrados gañáronse a fama de animal máis
resistente do mundo ao descubrirse que poden desenvolver estratexias de
inactividade que lles permiten pechar todos os
procesos biolóxicos que non son esenciais cando as condicións non son
propicias para soster a vida.
Así, os osos de auga son capaces de entrar
en estado de criptobiose, un proceso
que lles permite sobrevivir en condicións extremas, paralizando ou
reducindo todos os seus procesos metabólicos ata que as condicións
ambientais volvan ser favorables.
En 2008, na súa tese doutoral, María Purificación Veiga Sánchez —unha das autoras do artigo no que se describe por primeira vez o Ramazzottius littoreus
atopado en San Cibrao— esclareceu que en Galicia, "os tardígrados foron
escasamente estudados, con só dúas especies citadas ata o momento:
Batillipes pennaki Marcus, 1946 (GIERE, 1979) e Echiniscoides sigismundi
hispaniensis Kristensen & Hallas, 1980 (KRISTENSEN & HALLAS,
1980)".
O oso de auga é unha criatura tan excepcional que recibiu unha especial atención por parte da comunidade científica internacional nos últimos anos.
A súa asombrosa resistencia aos ambientes máis extremos converteuno nun
animal de grande interese para os investigadores, que tentan comprender
a súa excepcional bioloxía.
Por exemplo, a súa capacidade para soportar niveis
moi altos de radiación levou aos científicos a utilizar tardígrados na
investigación espacial. Primeiro, a Axencia Espacial Europea (ESA), en
2007, e logo, a NASA, en 2011, realizaron experimentos no espazo con
estes animais. A sorpresa foi maiúscula: comprobouse
que o oso de auga non só podía sobrevivir ás condicións do baleiro do
espazo exterior sen asistencia técnica algunha, senón que tamén mantivo a
súa capacidade reprodutiva.
Outras investigacións foron enfocadas á secuenciación do seu xenoma.
En 2015, un grupo de investigadores da Universidade de Carolina do
Norte (Estados Unidos) secuenciou por primeira vez o xenoma do
tardígrado e atopou algo inédito: o 16% do seu material xenético era
alleo, adquirido de bacterias, fungos ou microbios.
Recentemente, a revista Nature
tamén publicaba os resultados dun estudo de científicos xaponeses que
lograron identificar no oso de auga un xene asociado a unha proteína
que, en experimentos de laboratorio con células humanas cultivadas,
proporcionou resistencia contra o dano que causan os raios X no ADN humano.
Outro estudo publicado este ano en Molecular Cell demostrou que os xenes dos tardígrados codifican unhas proteínas
únicas —TDPs (proteínas intrinsecamente desestructuradas específicas
dos tardígrados)— para resistir sen auga durante anos. Eses xenes únicos permítelles sobrevivir desecándose.
E en 2016, científicos do Instituto Nacional de Investigación Polar de Xapón resucitaron un oso de auga que fora atopado conxelado no Polo Sur en 1983.
O proceso de desconxelación comezou en maio de 2014. Antes, só se
lograra revivir un destes microanimais tras un máximo de nove anos de
conxelación, polo que este logro supuxo un novo fito científico.
Desde que apareceron na Terra, hai uns 500 millóns de
anos, estas criaturas sobreviviron a cinco extincións masivas. E seguen
aparecendo novas especies, como a atopada e descrita agora para a
ciencia en San Cibrao. Algúns científicos pensan que poden ser a chave
para a conquista do espazo e a colonización doutros planetas." (Galicia Confidencial, 23/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario