Trazado sur para o Porto Exterior de Ferrol
| Fonte:
Geotren
"Moi poucas veces se rompe a invisible “lei de cabaleiros” que existe
entre as grandes construtoras do Estado, sobre todo, entre as que se
reparten os principais pedazos das obras públicas en España. Pero, moi
poucas veces, os formalismos déixanse a un lado e saltan os coitelos...
ou as denuncias.
E o acontecido coas obras do porto exterior de Ferrol
son unha boa mostra de que a cortesía non está enfrontada co famoso
refrán galego da “vaquiña polo que vale”.
A principios de marzo Acciona, unha das principais construtoras españolas, presentaba un escrito ante a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para denunciar que o proceso no que ela participara nunha UTE con Vías y Construcciones S.A. contra outras nove grandes construtoras estaba viciado e “podía ser obxecto de delito”.
Ese concurso ao que se refería Acciona era a construción do acceso
ferroviario ao porto exterior de Ferrol, cun valor estimado de contrato
de case 112 millóns de euros, e adxudicado, finalmente, a unha UTE entre
a construtora ourensá Copasa, Ogmios Proyecto SL e Geotunel SL,
por un valor final de 72.498.200 euros. O mesmo escrito chegaba tamén á
Secretaría de Estado de Fomento, aínda que neste caso de forma anónima.
A adxudicación desta actuación foi tomada polo consello de
administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao nunha sesión
extraordinaria celebrada o pasado 15 de febreiro, e foi ratificada por
maioría, xa que todos os conselleiros votaron a favor fóra de dous, que
se abstiveron, a representante do Concello de Ferrol, Beatriz Sestayo
(PSOE) e a patroa maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de
Ferrol, Isabel Maroño.
O ente xustificou que proposta gañadora foi "a
que recibiu a maior puntuación das once que se presentaron, tanto no
apartado da proposta técnica como económica".
Posibles delitos de influencias e malversación
No obstante, Acciona alertou da posible comisión, por parte dos membros do consello da Autoridade Portuaria, de “posibles delitos de prevaricación, tráfico de influencias e malversación de caudais públicos”.
A denuncia apuntaba a “existencia de presións para conseguir saltarse o
procedemento e que a adxudicación sexa para a UTE liderada por Copasa”
que incorría “na maior baixa temeraria de todas as licitantes”.
Ademais,
e segundo consta nese escrito ao que tivo acceso Galicia Confidencial,
se dicía que porían estes feitos en coñecemento da Fiscalía
Anticorrupción para evitar que a Autoridade Portuaria de Ferrol puidera
alegar “erro vencible ou invencible” na comisión dos supostos delitos.
A presentación do recurso supuxo a suspensión da tramitación do
expediente de contratación da obra, que estaba prevista para abril.
Unha
suspensión que se levantou un mes despois xa que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais desestimou
a reclamación de Acciona. Este órgano está especializado na resolución
de reclamacións contra os actos de adxudicación dos contratos vinculados
ás administracións públicas.
Por que a denuncia?
Pero por que decidiu Acciona impugnar o acordo?. Segundo as fontes
consultadas, é moi raro que entre as grandes construtoras “se poñan
pedras no camiño”. “Está claro que hai moitos ciumes e mesmo
inimistades, pero é raro que unha denuncie a outra por un concurso como
aconteceu co de Ferrol”, sinalan. “Terían que ver algo moi raro para que se decidiran a atacar...algunha amistade, algún contacto que axudou no contrato”, indican.
De feito, na denuncia, Acciona insiste noutros procedementos similares e
sacaba a relucir o caso Opera, no que se xulga ao ex presidente de
Baleares, Jaume Matas por prevaricación e tráfico de
influencias, e, entre outras cuestións, “reprochase a conduta
prevaricadora por adxudicar a empresas con baixa temeraria”.
Segundo a documentación do concurso público á que tivo acceso GC, só
dúas UTEs terían caído en baixa temeraria, a de Copasa e a de Agroman e
Construtora San José, que presentou unha oferta de 70,948 millóns. A
oferta de Acciona era a cuarta máis económica, 76 millóns, por debaixo
da media das propostas presentadas que foi de case 77 millóns. A baixa
temeraria do concurso, foi estimada en 72.518.898,12, é dicir, un 35,21%
por debaixo do prezo inicial ofertado.
Rexeitamento da denuncia
“O Tribunal analizou as diferentes alegacións xurídicas, técnicas e
económicas presentadas pola ute reclamante rexeitándoas todas por
entender que tanto a comisión técnica, como a mesa de contratación
actuaron con criterios técnicos e obxectivos, non apreciando erros
materiais ou de feito, nin arbitrariedade nas resolucións adoptadas e
informes elaborados”, informaba o Porto ferrolán nun escrito para dar
por pechada a denuncia de Acciona.
Segundo a autoridade portuaria, o Tribunal Administrativo Central de
Recursos Contractuais considera que ·os informes técnicos analizan,
pormenorizadamente, a xustificación presentada pola adxudicataria, e
motivan máis que sobradamente a aceptación da xustificación ofrecida”.
Por iso, “entende o Tribunal que se seguiu o procedemento establecido
para verificar a viabilidade da oferta da adxudicataria, non advertindo
arbitrariedade algunha na súa adxudicación”.
O futuro tendido ferroviario discorrerá por 6,4 quilómetros entre os
portos interior e exterior. A obra, que terá que realizarse en 46 meses,
implicará a construción dun viaduto con catro alicerces sobre a enseada
da Malata e un túnel baixo os montes de Brión, desde A Graña ata a
chaira do porto exterior." (Galicia Confidencial, 25/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario