"A clave para entender a diferencia entre as versións é o
sucedido a partir das 05.42. A esa hora o 112 recibe orden de
Salvamento Marítimo, o organismo competente, para mobilizar ao
helicóptero Pesca 1.
A versión de varios traballadores -contrastada con
varias fontes máis aló da representación sindical- pasa porque o número
de teléfono do helicóptero non estaba no software, como sucedía co
anterior programa.
A partir de aí prodúcese unha situación de"improvisación", “alarma” e
“caos” na que todos os teleoperadores buscan por outras vías o número da
base de Peinador. Finalmente logran chamar ao Servizo de Gardacostas,
conseguen o teléfono e mobilizan ao helicóptero. Estiman que tardaron
dez minutos, cando antes na anterior plataforma tecnolóxica faríano “nun
só click”, en palabras da presidenta do Comité de Empresa.
Cal é a versión da Xunta? Do sucedido a partir das
5.42 non dá información, malia que GC pediulla a fontes oficiais da
Vicepresidencia en varias ocasións. O Goberno si relata con todo detalle
o que pasou antes, que se encadra dentro do procedemento habitual,
pasos tamén ratificados polos traballadores:
A primeira chamada de alerta no centro Integrado de Atención ás
Emerxencias (CIAE 112) recibiuse ás 5.32. Procedía dun particular que
paseaba pola praia e que atopara a un dos mariñeiros mollado e con
síntomas de hipotermia. Esa primeira conversa durou tres minutos e 36
segundos, xa que a persoa que chamaba estaba confusa. Ás 5.35 o CIAE 112
pon ao alertante en comunicación co 061. Ás 5.36 informa a Salvamento
Marítimo do sucedido e este sinala que vai movilizar o helicóptero de
salvamento. Ás 5.40 Salvamento Marítimo chama ao CIAE 112 e solicita
falar co alertante e ás 5.42, o propio Salvamento Marítimo pide ao CIAE
112 que se mobilice ao helicóptero Pesca I de Gardacostas.
“O protocolo para os casos de Salvamento Marítimo, vixente desde 2015,
establece que o 112 debe chamar ao Servizo de Gardacostas, que son os
encargados de mobilizar, se é necesario, aos helicópteros. En calquera
caso, aínda que este é o protocolo, os operadores si dispoñen dos
teléfonos directos dos helicópteros como recurso extraordinario” engade
Vicepresidencia.
Fontes dos traballadores insisten en que nesa madrugada os números de teléfono non estaban, de aí o atraso. Admiten
que é o Servizo de Gardacostas que normalmente avisa ao Pesca pero
puntualizan que en emerxencias así eles podían mobilizar o helicóptero, e
desta vez non o lograron porque no software faltaban os datos da base
de Peinador.
Tamén aseguran que non se mobilizou aos bombeiros de Pontevedra,
malia que o naufraxio foi moi preto, en Combarro. Os traballadores
explican que o recurso deses bombeiros non saltou na base datos, malia
que dispoñen de medios de rescate mariño. De feito, din que eses
bombeiros saíron de prácticas pola Ría poucas horas despois do
accidente.
Tres mariñeiros faleceron dun barco con cinco tripulantes entre Tambo e Combarro o mércores 26 de abril. Cando chegou, o Pesca 1 salvou a un tripulante, pero tamén tivo que recoller dous cadáveres. Debido á baixa temperatura da auga, os 10 minutos en discusión poderían terlles salvado a vida, ou non.
A denuncia dos asalariados chega cando levan varias semanas de folga.
Protestan contra o traslado de Santiago á Estrada. Aseguran que, ademais
de perder cartos, o servizo empeorou debido a unha plataforma tecnolóxica nova,
para a que din non está formados e non foi probada en condicións reais.
Ese software foi feito por unha consultora na que é directiva a
sobriña do ex-ministro Romay Beccaría.
A Xunta reaccionou con présa á denuncia do sucedido no naufraxio. O
luns os traballadores revelaron o suposto atraso. O martes os
responsábeis da Axencia Galega de Emerxencias convocaban unha rolda de
prensa, que non estaba prevista antes.
Negaron problemas, seguiron a
cualificar de éxito a mundanza e indicaron que, no fondo, trátase dun
problema laboral, de reivindicación de máis salario. Os operarios seguen
en folga, soportando servizos mínimos de entre o 60 e o 80%." (
No hay comentarios:
Publicar un comentario