"Hai uns días dábamos conta da campaña de captación de pacientes iniciada por Povisa e
das críticas expresadas polas plataformas en defensa da sanidade
pública de Vigo e Morrazo. En efecto, do 1 ao 30 de novembro usuarios e
usuarias da sanidade pública do Morrazo, Val Miñor e de Coia poden
escoller o seu hospital de referencia.
E se o pasado ano as listas de
espera que habitualmente presenta Povisa e a súa menor oferta de
servizos fixeron que unhas 4.500 persoas escollesen cambiar cara á
sanidade pública, nesta ocasión as evidentes deficiencias do novo
hospital Álvaro Cunqueiro están animando a moitos a facer o camiño
contrario.
Segundo cifras ofrecidas por Posiva, máis de dúas mil persoas
xa solicitaron adherirse aos seus servizos, polos que o SERGAS lle paga
75 millóns de euros anuais. (...)
Reclamaron "un servizo de transporte directo ao Álvaro Cunqueiro" e
destacaron que esta falta de transporte ata o novo hospital para os
habitantes da zona do Morrazo repercute en que a veciñanza “estea
atemorizada á hora de decidir o seu centro de referencia”.
Os alcaldes
criticaron neste senso "as trabas que a Xunta de Galicia lle está a
poñer aos veciños e veciñas do Morrazo para adscribirse ao novo complexo
hospitalario" e denunciaron a campaña iniciada por Povisa, que
cualificaron de "paternalista". (...)
Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, sinala que as deficiencias no Álvaro Cunqueiro "están
xerando un descrédito da sanidade pública de Vigo" e "Povisa, ao que
lle acaban de renovar o seu concerto singular, é o gran beneficiario
desta situación".
Manuel Martín explica que "o pasado ano as
plataformas de SOS Sanidade Pública de Vigo e O Morrazo fixemos unha
campaña para explicarlle á xente as vantaxes de cambiar cara aos
hospitais públicos, porque os servizos que ofrece Povisa son peores que
os que ofertan os centros públicos, e conseguimos que 4.500 persoas
cambiaran de hospital, o que lle supuxo a Povisa unha perda de dous
millóns e medio de euros". (...)
"Neste momentos Povisa, como está vendo que a
xente está descontenta e alarmada coa situación do novo hospital
público, está tentando recuperar os clientes que perdeu o ano pasado e
captar outros novos", engade, salientando que "só faltaría que o
compadreo entre Povisa e o SERGAS fixese que Povisa se lucrase dunha
situación que eles mesmos contribuíron a crear".
O voceiro e SOS
Sanidade Pública explica que "hai xa moitos anos que Povisa parasita a
sanidade pública de Vigo. Conseguiu, primeiro, que o hospital Meixoeiro,
que abriu nos anos oitenta, tivese menos servizos dos que inicialmente
estaban previstos (maxilofacial, unidade da man, unidade de
queimados...), servizos que foron incorporados a Povisa.
Conseguiu que
se lle quitasen ao novo hospital público 400 camas, que son precisamente
as que eles teñen, condicionou o desenvolvemento do hospital.
Conseguiu, ademais, salvar da quebra, grazas ao concerto singular,
facéndose coa atención dos cidadáns de Cangas, Moaña, Val Miñor e Coia,
sen pedirlles permiso".
Que atención pode atopar unha persoa que escolla Povisa como hospital de referencia? Segundo SOS Sanidade Pública, "Povisa
ofrece moitos menos servizos que o hospital público e é imprescindible
que a opinión pública coñeza cal é a súa realidade. Carece, por
exemplo, dos servizos de obstetricia, de hemodinámica, de cirurxía
cardíaca ou de psiquiatría.
Povisa ten un 16% menos de camas que o
servizo público e ten un 30% menos de médicos por cama que o hospital
público. É un hospital que ten, ademais, 157 días de espera cirúrxica
media, fronte aos 65 da media dos hospitais públicos". Conclúe que "sería unha insensatez que os cidadáns cambiasen a Povisa ou volver a Povisa.
O que deberían facer é cambiar cara aos hospitais públicos. Somos
conscientes de que o hospital público ten problemas, pero hai unha gran
batalla cidadá e profesional para arranxar esa situación, recuperando o
centro para a xestión pública, e dotalo dos recursos que os recortes do
PP lle quitaron".
Uns problemas que SOS Sanidade Pública segue
denunciando en cada nova intervención pública: "Vigo ten nestes momentos
unha situación complicadísima"-explica Manuel Martín- "O novo Hospital
Álvaro Cunqueiro é un desastre por culpa dos recortes introducidos e a
redución dos seus recursos.
Isto está provocando problemas gravísimos
para os pacientes, mesmo para chegar alí: hai un parking de pago, os
transportes públicos son moi deficientes..., e a calidade asistencial
que se presta é mala". "Os propios xefes de servizo acaban de manifestalo, aínda que deberían telo feito hai xa un tempo", engade.
Grazas ao convenio asinado co Sergas, Povisa recibe
cada ano case 75 millóns de euros do orzamentos da Xunta, ao redor de
535 euros por cada unha das tarxetas sanitarias das que o centro se fai
cargo, unhas 139.000. Esta cantidade é mesmo
superior ao canon do novo hospital Álvaro Cunqueiro (72 millóns anuais).
Porén, o número de camas que ofrece Povisa (405) non chega á metade do
novo centro (858). SOS Sanidade Pública denuncia que se trata
do concerto máis caro de todo o Estado Español, en parte motivado pola
insuficiencia de infraestrutura pública alternativa na área sanitaria,
que incrementa o poder negociador deste centro privado.
A entidade subliña que na última década os fondos que recibe da Xunta en virtude deste concerto creceron notablemente. Se en 2001 eran 46 millóns de euros, en 2005 eran xa 56,4, convertidos en 72,2 en 2009 e en 75 millóns na actualidade.
A plataforma lembra tamén que o Consello de Contas sinalou que Povisa
facturaba varias veces os mesmos servizos ou que concentraba a súa área
de negocio no máis rendible, en detrimento da atención aos cidadáns.
Ademais, resultaba imposible saber se os cartos públicos se empregaban
para financiar a atención aos pacientes do Sergas ou se tamén pagaban a
atencións aos usuarios da parte privada.
Manuel Martín denuncia igualmente a "connivencia" entre os dirixentes do SERGAS e os deste centro privado:
"Non hai que esquecer que Rocío Mosquera, que liderou o proceso de
deconstrución do novo hospital, foi -ata que foi nomeada xerente do
SERGAS- xerente do hospital que o grupo A Nosa Terra (o mesmo grupo de
Povisa) ten en Santiago. Había un claro conflito de intereses, non
sabiamos se estaba traballando para o SERGAS ou para Povisa". (...)" (Marcos Pérez, Praza Pública, 19/11/15)
No hay comentarios:
Publicar un comentario