15/5/17

Todo isto comezou con Fraga, que lle dixo a Paco Vázquez: ‘busca por aí uns terreos para construír unhas oficinas e chamarémoslle cidade intelixente’. Os últimos desherdados de Elviña

“Todo isto comezou con Fraga, que lle dixo a Paco Vázquez: ‘busca por aí uns terreos para construír unhas oficinas e chamarémoslle cidade intelixente’. Logo viron que alí había máis negocio que dous edificios e deberon pensar que por que non ampliar a cousa”. 

É o relato do pecado orixinal do Ofimático, de como naceu o parque, que fai un familiar dun dos veciños que construíran as casas e pozos e traballaron a terra coas súas propias mans e foron desherdados, primeiro, e desafiuzados, despois, e mesmo viron como as máquinas picaban pedra debaixo das súas hortas e os avogados dos novos donos enviábanlles cartas ameazantes para que se fosen. Tamén a aqueles que nin sabían ler, como Manuel Martínez Ramallo

A carta está datada na Coruña a 7 de novembro de 2013, e vai dirixida a Manuel, á súa dirección no lugar de Galán 137, a carón da avenida de Alfonso Molina preto desa pasarela na que cada sexta feira hai pancartas e veciñas en pé de guerra ás que xa só lles fai caso algún condutor sen présa que pita e elas saúdan.

 “Se lle require para no prazo improrrogable de 5 días a contar desde a recepción da presente proceda a desaloxar a zona”, advirte a misiva asinada pola avogada que representa a Cooperativa Galega de Vivendas A Carnocha.

“Neste momento xa non hai vivendas de 3 dormitorios dispoñibles”, di a última entrada no blogue da cooperativa, do 16 de febreiro. A semana pasada, o concelleiro de Rexeneración Urbana recibiu unha representación dos cooperativistas para anunciarlles que, en breve, empezarían a tramitarse as licenzas de primeira ocupación a medida que avanzan os traballos de urbanización, paralizados nun dos varios procedementos xudiciais abertos en torno ao parque e retomados este ano. 

“Primeiro compraron as fincas sen casa, despois foron a polas vivendas, pero nin a quen tiña casa con fincas grandes lle compensou o negocio. A meu sogro taxáronlle a propiedade en 81.000 euros. A cambio, concedéronlle esta parcela aquí no alto. 

Hai oitenta e pico metros para seis vivendas de dúas plantas, unha delas tería que urbanizala e construíla el nestas rochas”, di Fernando, o xenro de Manuel -un ancián de case 90 anos que vive de alugueiro en Vilaboa desde hai tres anos-. Manuel non quere volver saber nada do que pasou.

 Evangelina ten 81 anos. Emilio, 84. Casaron no ano 57. Vivían en Elviña nunha casa da familia del. No 58 veu a avenida e derrubáronlles a casa. “Déronnos liña para facer esta casa”, conta Emilio, que mostra un plano daqueles anos. “Veu o alcalde, Alfonso Molina, aquí á finca e díxome: ‘isto será teu para sempre, de aquí non te botan nunca’. Os outros alcaldes nunca apareceron por aquí. Mandaron cartas”. 

As cartas comezaron a chegar no 92. A Xunta adquiría parcelas a 10.000 pesetas o metro cadrado. As fincas sen casa, as primeiras. Aquela conversa entre Fraga e Vázquez. No 98 o PXOM sinalou un uso residencial para as parcelas coa metade destinada a vivenda de protección oficial. No 2003 empezaron os problemas. 

Como o parque non se facía, os antigos propietarios reclamaron a reversión. Núñez Feijoo era o responsable da COTOP e á fronte da dirección xeral de urbanismo figuraba Martín Fernández Prado, quen anos despois, como concelleiro de urbanismo solicitou a demolición da casa de Manuel. A Xunta mirou para outro lado. Os litixios polas reversións continuaron durante os anos do bipartito e a Xunta en funcións acordou adxudicar os terreos a xestores de cooperativas para desfacerse do problema. 

Co PP de novo no goberno galego, chegaron as primeiras sentenzas de reversión e a Xunta ofertou aos antigos propietarios a venda a 242 euros o metro cadrado, mentres a titularidade dos terreos pasaba ao Concello. En maio do 2011, o goberno municipal bipartito despídese de María Pita adxudicando a urbanización do parque a Acciona por 42 millóns de euros. 

Un mes despois, co PP na alcaldía e Fernández Prado xa como concelleiro, paralizáronse as obras. A finais de 2015 o TSXG ditaminou a nulidade do contrato, que agora o goberno da Marea vén de corrixir, licitar e adxudicar a outra construtora. 

Hai dúas cooperativas que xa levantaron edificios no Ofimático e outras pendentes de comezar os seus, como Cofuncovi e Eirís Ofimático, máis de 150 vivendas entre as dúas segundo informacións en prensa. O Concello, en comunicación escrita, non precisa nin que porcentaxe do Ofimático resta por urbanizar nin cantas vivendas se verán beneficiadas polas primeiras células de ocupación nin cantas está previsto edificar en total no parque. 

Os traballos de urbanización, retirada a anterior licitación e concedida unha nova, levarán 4,3 millóns de euros, “cantidades abonadas polo concello con cargo ás cuotas de urbanización, sendo finalmente os e as propietarias do sector as que asuman este gasto”, explica por escrito o actual responsable municipal de urbanismo, Xiao Varela.    

Esta terza feira, Fernando mira o parque desde detrás do valado no alto dunha rúa nova e sen saída. Saúda a unha parella de paseantes, a muller acena, pero non se detén. O home descúlpase. “As veces xa non coñece”. Son outros dos propietarios desa parcela para seis que nunca construirán. “Con que? Os que non tiñan nada foron realoxados, a nós déronnos isto”. As rochas. 

A casa do sogro tirárona na primavera do 2014. “O concelleiro de urbanismo, Martín Fernández, dixérame que si facilitabamos as cousas, do outro lado non habería demolicións”, explica. A finais daquel ano, a Fernando levárano detido a noite anterior á demolición da casa de Álvaro. Sacárono da pasarela. Do outro lado estaba a finca de Álvaro na que había proxectado un piar para unha ponte que nunca se construirá.

Unha vinganza, pensa Álvaro

“A meu fillo o maior, que daquela inda non cumprira os 30, case non o damos levado de aquí aquel día. Choramos todos pola casa”, conta Álvaro. Ten 52 anos e non lle gusta pisar esa leira. Nesa leira levantábase a casa na que naceu e na que tiña un taller de motos. Hai dous anos e medio foi desafiuzado e tiraron coa casa. Ían construír unha ponte.

 Foi en novembro do 2014, coas eleccións municipais á volta de ano, con Stop Desafiuzamentos na punta da onda e a Marea Atlántica deixándose ver. A casa fixérana os avós en 1926 e herdara a nai. “Xa nos cambiaran a propiedade no catastro sen dicirnos nada. No 2006 parecía que o Ofimático non afectaría esta parte, pero logo que si, que farían equipamentos. E na finca, unha ponte.

 Os técnicos dixeron que acababa nun desnivel de 8,5% e era inviable. Pero o Concello tirou para diante sabéndoo, porque era eu, porque Martín Fernández me dixera que se me apartaba de Stop Desafiuzamentos o trato cambiaría”. 

A Álvaro e á nai estimáronlle unha indemnización de 197.000 euros pola casa, o taller, a finca e as árbores. A cambio terían a metade dunha parcela de 900 metros partillada cunha construtora. Convertidos en promotores, as cotas de urbanizar a parcela ascenderon a 253.000 euros.

“Nin teño cartos nin estou disposto a consentir o atraco”, di Álvaro que non pagou o resto da débeda imposta. “Onde está aquela xente dos megáfonos e das pancartas. Prometeran tanta axuda. E nada. Case nin falaron con nós desde que chegaron ao goberno. Dicían que ían desafectar esta parte. E das cotas? Das cotas nada. Que hai que pagalas. Todo palabras.” 

Xiao Varela, o concelleiro, di na resposta: “A prioridade en relación ao complexo proceso do Ofimático foi sempre lograr os equilibrios en relación á precaria situación na que se atopan os diferentes axentes afectados, como é o caso dos residentes e ex residentes de Galán e Elviña.

 Neste sentido, iniciouse a modificación do plan parcial que ordenará a marxe dereita do polígono en atención ás reclamación dos titulares de Elviña, que entre outras cuestións elimina o viaduto proxectado. Ademais, estableceuse un procedemento para que os pequenos titulares que non poidan facer fronte ás cotas de urbanización poidan realizar o pago en especie, isto é, a cambio do seu aproveitamento urbanístico”.

Non haberá ponte sobre a finca que foi de Álvaro, nin casa nin indemnización nin redución de débeda. “Vivimos na Zapateira na casa duns familiares, a nai está como está, son cincuenta mil problemas. Procuro nin pasar por aquí. O terreo está como o deixaron. O fillo maior marchou a Asturias, a moza é de alá, pero topáramos un traballo para ela aquí, pero o fillo non quixo, el tamén nacera naquela casa”.  

Evangelina e Emilio, promotores

O 14 de outubro de 2011, Evangelina e Emilio recibiron a notificación de despexo “no prazo máximo dun mes (…) debendo entregarse de forma voluntaria as chaves de acceso mediante a comparecencia nas dependencias de Urbanismo”. Asina Jesús Otero Grille, director de urbanismo do goberno municipal do PP.

O Concello déraos de baixa como propietarios da finca un ano antes. Decatáronse cando foron pagar a contribución. Pagaban 1.000 euros e topáronse cun recibo de 1.500 que correspondía a unha parcela do Ofimático, alí diante da súa casa. 

Quedaban sen a casa e as fincas, aquelas que Alfonso Molina lles prometera que non ían tocar nunca, e convertíanse en promotores do parque coa obriga de pagar a urbanización. Valoráronlle as propiedade en 86.000 euros, puxeron 14.000 máis para cubrir a primeira cota porque o avogado aconselloulles pagar. Teñen pendentes dúas máis até completar os 300.000 euros da súa parte de urbanización.

A casa de Álvaro estaba pegada á súa. “Pensei que aquel día xa íamos nós tamén”, di Evangelina. “Álvaro perdeu, e realmente os demais gañamos. Tivemos a sorte de que viñeran as eleccións, que entraran estes e non seguiran coas demolicións”, explica a filla, Loli, unha das que cada sexta feira sobe á pasarela, para seguir pelexando, porque viven nun casa que non lles pertence, baixo ameaza de desaloxo, cunha débeda que non poden pagar e sen solucións por parte do novo goberno. 

“Empezaron prometendo que ían desafectar, pero logo dixeron que é un proceso complexo, están con esas mentres este mesmo mes arranxan un cambio no plan para que Estrella Galicia poida ampliar na Grela e agora que si á Solana. Aos únicos que lles dan solución aquí son aos cooperativistas, paréceme ben, pero se eles gañan, nós perdemos. Iso téñoo claro”.

 Loli ten poucas esperanzas de que a casa se manteña en pé. O pai, non. Enfádase. Di que a eles non nos quitan vivos de alí. Xa marcharan unha vez voluntariamente. Desta non. Son desherdados eternos en Elviña, a zona máis castigada polas mans da especulación na cidade. Pasáralle tamén á familia de Álvaro coa construción da fábrica de Fertiveria nos sesenta. Cando cesou a actividade industrial na zona os terreos debían volver aos veciños.

 O alcalde Paco Vázquez, conta Álvaro, fixo unhas vendas rápidas e acabaron levantando a universidade. Pasáralle a mesma familia na estrada que abría o polígono de Pocomaco anos despois. As expropiacións continuaron máis adiante, cos equipamentos para a universidade; e despois veu o Ofimático.

Quedan máis veciños que ocupan casas que antes foron súas e sofren débedas por un negocio que lles veu imposto. Das casas da maioría xa non quedan nin os cascallos e foron marchando, a vivir onde toparon sitio, e algúns enferman para esquecer que lles cambiaron unha vida por rochas e cotas de urbanización. 

“O meu xa non ten remedio”, di Álvaro, “a ver si Loli e os pais teñen máis sorte, porque a min o único que me satisfaría é que a xustiza tomara medidas de verdade contra toda esta xente que xogou coas nosas propiedades e as nosas vidas”.

Loli espera que a proposta de cambiar débeda (cotas) por edificabilidade prospere. E seguir vivindo de ocupas na súa casa, aquela que lle prometeran que sería intocable. “Son todos iguais”, lamenta o pai, e non hai razóns para que o contradigan."            (Erik Dobaño, Sermos Galiza, 12/05/17)

No hay comentarios: