"O novo aumento da carga de traballo nunha das liñas de produción, cun
vehículo máis cada hora, foi o detonante das protestas, pero non a súa
orixe. “A situación xa era dun desgaste importante físico e mental, con
moita xente de baixa ou facendo até 12 horas diarias para cubrir os
postos dos talleres.
E veñen coa proposta de facer máis coches no mesmo
tempo, o que significa subir máis as cargas sen ter en conta a creación
de novos postos para equilibralo”, salienta o representante da CIG,
Manuel Domínguez.
Desde as forzas sindicais que lideran a protesta (CIG, CUT e CCOO)
critican as continuas negativas da dirección a atender estas demandas.
Unha sobrecarga de traballo que
cualifican de insostible antes deste novo incremento e que, segundo
apuntan, se reflicte con claridade no aumento exponencial das baixas
laborais, en especial das enfermidades músculo-esqueléticas. Máis dun
sete por cento do cadro de persoal está actualmente de baixa, a metade
continúa desde o pasado ano nesta situación.
“Levamos dous meses intentando dialogar, con escritos á dirección do
centro, a recursos humanos, á dirección de montaxe... Un diálogo que non
foi posible ante a inmobilidade da empresa. Chegados a este punto,
entendiamos que había dar un paso máis alá”, explica Domínguez en
conversa telefónica. A mellora que propoñen pasa pola creación de só 30
postos que, segundo os cálculos das centrais, rebaixaría a carga de
traballo de 900 empregados e empregadas da factoría viguesa.
Centos de traballadores apoiaron a manifestación do pasado 1 de xullo, que deu comeza o protesto. Unha semana despois, boa parte do persoal non acudiu á xornada de traballo extraordinaria. Malia pedir a mediación coa dirección, esta non respondeu. E o 15 de xullo,
moitos dos titulares dos postos secundaron a xornada de folga. “A
participación foi moi importante. Máis cando a empresa tratou de
coaccionar, incluso de vulnerar o dereito a folga”, di o portavoz da CIG
na fábrica de Citroën.
Os sindicatos sinalan que a dirección botou man de empregados non
cualificados, de persoal trasladado dende outros departamentos ou de
empresas auxiliares para ocupar postos de produción, así como de non
respectar o descanso mínimo, con traballadores que saían ás dez da noite
e entraban de novo ás seis da mañá.
Ou escritos intentando que o
persoal comunicase se ía exercer ou seu dereito a folga. Un empregado,
que pide anonimato, apunta como o seu mando intermedio animoulles a
acudir antes de hora ao posto, para evitar os piquetes na porta, baixo a
promesa de pagar esas horas extra.
“A empresa apostou forte porque esta folga saíra mal. Pero todo ese
sobreesforzo que fixeron para querer dar aparencia de normalidade, non o
conseguiron”, sinala o voceiro da central nacionalista, que engade que
“é a primeira vez que Citroën recoñece que tivo problemas de arranque”.
Cifran nuns 70 vehículos menos producidos o impacto da folga. O luns 17,
con carácter urxente, os secretarios das seccións sindicais foron
chamados a unha reunión coa dirección.
“Se non hai vontade para mediar e solucionar os problemas de carga de
traballo, non imos baixar os brazos. Nunca nos negamos ao aumento de
produción, pero é necesario buscar un equilibrio. E entendemos este
aumento como un feito que servirá para estender a outros servizos e
departamentos da cadea produtiva da fábrica”, advirte Domínguez.
Líder en produción en mínimos de persoal
A fábrica de Citroën en Vigo destaca a planta máis produtiva da
multinacional francesa nas súas últimas memorias de actividade. Con
424.000 unidades producidas o pasado 2016 –un incremento do 11% durante
os últimos oito anos– é a segunda do Estado español por detrás da
factoría de Seat en Martorell. Porén, o número de empregados está en
mínimos históricos logo dos plans de axuste de persoal da dirección, con
expedientes de regulación de emprego, externalización de servizos e
numerosos recortes laborais para conseguir novas liñas de produción. " (Sermos Galiza, 20/07/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario