"A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago,
celebrou este venres unha vista por esta causa derivada da 'Operación
Retablo', na que as partes formalizaron o acordo, logo de que o
condenado, M.M., non comparecese no anterior sinalamento, que tivo lugar
a mediados do pasado mes de maio.
Por iso, este empresario foi declarado en rebeldía, aínda que este
venres xustificou que a súa ausencia foi debida a un fallo na dirección á
que foi remitida a carta de citación para comparecer na vista do 16 de
maio.
NON ENTRARÁ NO CÁRCERE
Así, as partes acordaron impor a M.M. unha pena dun ano de cárcere e
1.000 euros de multa, así como a asumir unha sexta parte das costas do
proceso, compartidas xunto cos outros acusados no coñecido como 'Caso
Retablo'. O condenado poderá eludir a pena privativa de liberdade se
abona as cantidades da sanción e non comete ningún outro delito durante o
tempo que dure a pena.
Esta persoa e outros tres empresarios aceptaron realizar pequenas obras
para o líder da trama --con identidade C.G.G. e que durante os anos
2003 e 2009 ocupou un alto cargo na Consellería de Cultura da Xunta-- a
cambio de que lles fosen adxudicados determinados traballos de
restauración.
A Fiscalía considera que os responsables das entidades implicadas
contactaron con C.G.G. para "adecuar os seus proxectos ás condicións que
el establecese". "Como contrapartida á adxudicación, asumiron o pago
dunhas cantidades e outros favores que abonarían en efectivo" ao
principal acusado, sinala a Fiscalía.
Entre outras, realizaron obras nas Clarisas de Tui, San Martiño da
Gudiña, o Mosteiro de San Clodio de Leiro, Santa María a Real de
Entrimo, San Salvador de Celanova, Santiago de Coedo de Allariz, Santo
André de Cedeira en Redondela ou Santa María de Castro de Cima de Riós.
'OPERACIÓN RETABLO'
O empregado público aceptou unha condena de dous anos de cárcere, a
inhabilitación por seis anos para o exercicio de emprego ou cargo
público, así como unha multa de 2.190 euros e o embargo doutros 103.350
euros por un delito de suborno na restauración de bens da Igrexa en
Galicia.
Deste xeito, C.G.G. era o encargado de informar os proxectos de
restauración de inmobles eclesiásticos para que se adecuasen ás técnicas
de restauración e fosen realizados por profesionais cualificados.
Por iso, conforme explica a Fiscalía no seu escrito de acusación,
coñecía as funcións relativas á restauración e tamén o funcionamento dos
procesos de adxudicación das axudas públicas. "Isto permitiulle iniciar
unha práctica de imposición de proxectos de restauración a determinadas
empresas en detrimento de as restantes", sinala.
Deste xeito, o Ministerio público explicou que "reconducía" aos
interesados nos proxectos de restauración ás empresas da súa
preferencia". "Como contrapartida", a Fiscalía considera que C.G.G.
recibía diñeiro en efectivo ou ben labores que non remuneraba por parte
das empresas que executaban as restauracións".
Ademais, o xuíz tamén considerou probado que este principal acusado
adquiriu do Bispado de Tui unha casa reitoral en Paraños, en Covelo,
nunhas condicións económicas "moi vantaxosas" grazas á "prestación de
favores nos procedementos de restauración adxudicados". Así, adquiriu a
casa por 60.000 euros a pagar en dez anos, inmoble que acabaría
ofrecendo para a súa venda por un prezo de 680.000.
ARQUITECTO DA S.A. XACOBEO
A maiores deste extécnico e dos empresarios, no proceso tamén foi
condenado un arquitecto da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, con
identidade J.M.P.P., quen aceptou unha multa de algo máis de 700 euros
--seis euros ao día durante catro meses-- por outro delito de suborno.
En concreto, o Ministerio Público acusáballe de iniciar unha relación
con C.G.G. a través da que este arquitecto propuña obras de restauración
a financiar polo Xacobeo. Deste xeito, informaba a esta entidade en
sentido favorable para que abonase cantidades para proxectos de
restauración que foran informados por C.G.G.
"A finalidade común de ambos era a obtención de beneficios económicos
que lles serían facilitados polas empresas adxudicatarias dos labores de
restauración", sinala a Fiscalía. Ademais, o xuíz considerou probado
que, a través desta forma incrementou o seu patrimonio e chegou a
recibir beneficios en especies, como unha caca dun valor "incerto" e
"superior aos 1.000 euros". (Galicia Confidencial , 30/06/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario