"O fiscal xefe de Ourense pide xulgar a muller que acusou a Baltar de ofrecerlle emprego por sexo.
O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, decidiu recorrer o auto polo que a xuíza Eva Armesto decretou o arquivo da investigación
contra o presidente da Deputación e do PP provincial, José Manuel
Baltar, por un presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo. Non o
fixo para pedir que o político do PP siga sendo investigado, senón para reclamar que a muller que o denunciou sente no banco dos acusados como investigada por coaccións.
Segundo o recurso de apelación, datado no pasado día 1 e ao que tivo acceso Praza.gal, o Ministerio Público argumenta que a denunciante "presionou" tanto ao líder dos conservadores ourensáns como ao seu pai, José Luis Baltar
-titular da Deputación no momento dos feitos- para "realizar un acto
ilegal". "Aínda que -resolve- non realizaron ningunha actuación tendente
á consecución do desexo da investigada.
Para sustentar a súa teoría o Ministerio Público esgrime as gravacións realizadas pola denunciante
nas que reclamaba ao político do PP o cumprimento "dun suposto pacto
criminal", isto é, a consecución dun posto de traballo no organismo
provincial.
Desde o punto de vista do fiscal as acusacións da
muller non son máis nada que unha "mera especulación" baseada nunha
relación sexual que "sexa real ou suposta", foi "utilizada" por ela para
"presionar" de maneira "directa" a Baltar fillo e de modo "indirecto" a Baltar Pai.
Esa vontade de que os políticos delinquisen, insiste Florentino
Delgado, queda clara "nas propias conversas", nas cales "reitera a súa
petición ilícita" e "utiliza como elemento de presión esa citada
relación sexual inventada ou real", a cal non sería en si mesma "un
ilícito penal". Os Baltar, censura, mesmo foron "abordados na vía pública" pola denunciante.
Deste xeito, o fiscal xefe ourensán pide que se confirme o arquivo da
causa contra José Manuel Baltar e o seu pai, pero que sexa reaberta para
abrir xuízo oral contra a súa denunciante. Delgado profunda así na súa
posición de finais de 2015, cando xa arquivara a denuncia contra o barón do PP ourensán,
aínda que o proceso seguiu adiante pola vía da denuncia xudicial. Neste
sentido, conclúe que toda a investigación non fixo máis que "apuntalar e
corroborar" a súa valoración inicial.
Delitos "non suficientemente xustificados"
O razoamento do fiscal Delgado bate co mantido pola xuíza durante toda a instrución, que mesmo no auto de arquivo da causa
resalto que o feito de que o posto de traballo non se chegase a
adxudicar non impide, por si mesmo, que os Baltar non delinquisen. A
maxistrada Armesto ditaminou o arquivo porque, aínda que dá por
certificado que o líder do PP ourensán "solicita, ou cando menos
acepta un favor de natureza sexual", non ficou "suficientemente
xustificado" que realizase xestións, directa ou indirectamente, para
adxudicar o devandito posto.
No que atinxe ao presunto delito de acoso sexual a instrutora indicaba no auto agora parcialmente recorrido pola Fiscalía que non
fora quen de acreditar suficientemente a existencia "dun dos elementos"
substanciais do tipo penal, a existencia dunha relación de "prestación
de servizos".
O proceso deixou acreditado, para a xuíza, que a
denunciante realizara "labores de interventora" para o PP de Ourense en
2008 e mesmo participou na "organización" dun evento electoral, ademais
de traballar "no Departamento de Enquisas" da Deputación ata 2010. O
feito de que non existise unha relación laboral directa con Baltar
fillo, indicaba, facía que sobre as testemuñas recompiladas non fose
posible xustificar "a perpetración dos feitos punibles".
Neste contexto resta saber cal será o destino do recurso de apelación do fiscal e tamén doutro, o anunciado polo partido Democracia Ourensana,
que participou no procedemento como acusación popular. A intención da
formación política era que os Baltar si chegasen a ser xulgados polos
delitos polos que os investigaran." (Praza Pública, 13/06/17)
"Ourense en Común e BNG, indignados porque o
fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, quere acusar á muller que
denunciou ao presidente da Deputación por “ofrecer sexo a cambio de
traballo”.
Ourense en Común manifestaba esta mañá a súa indignación tras saberse
que o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, pretende sentar á
denunciante no banco das acusadas, e solicita que “dimita inmediatamente”.
Ledicia Piñeiro calificaba a situación como “gravísima” e entende que a
actuación do fiscal está vencellada a un “movemento do entorno do clan
Baltar, que exerce un abuso de poder para converter á víctima en verdugo
baixo claros parámetros machistas e coa única pretensión de defender a
ultranza ao presidente da Deputación” .
A edil de Ourense en Común considera que o máis grave é que o fiscal avance nun “contrasentido", contradecindo o auto da xuíza Eva Armesto, "que
da por probada a agresión de Baltar desde a súa situación de poder, e
no que queda claro que houbo situacións humillantes para a denunciante”,
e insiste na necesidade de que o fiscal dimita por dar estes pasos “tan
tremendos e vergoñentos contra todas as mulleres”. (Galicia Confidencial, 15/06/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario