"A intensísima axenda política ligado ao proceso soberanista catalán
deixou nas últimas semanas nun plano aínda máis secundario do habitual a
actividade parlamentaria galega e, moito máis aínda, os traballos da
aparentemente durmida comisión de investigación sobre a fusión de Caixanova e Caixa Galicia, o nacemento e rescate de Novacaixagalicia e as indemnizacións millonarias que levaron ao cárcere a algúns dos seus ex-directivos.
Entre
os múltiples atrancos que está a atopar este órgano parlamentario
figuran as negativas de diferentes institucións a achegar documentación
abeirándose en motivos como a protección de datos. Malia todo, entre
parálise e silencios si transcenden, a pingas, algúns datos elocuentes. O
último, o valor dos activos das caixas que foron mercados polos
ex-directivos ou as súas familias.
Como adiantou Praza.gal, o pasado xuño a entidade nada dos restos das antigas caixas tras a compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco,
Abanca, respondeu ao requerimento de información formulado dende o
Parlamento indicando que, por mor da lexislación en materia de
confidencialidade bancaria e protección de datos, non podía achegar a
maior parte dos documentos e información incorporaros ao novo plan de
traballo a comisión a petición do BNG.
Tratábase de coñecer
"toda a documentación relativa á indemnización" do que fora director
xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, ao abandonar a entidade xusto
antes da fusión, compensación que se estima nuns 18 millóns de
euros. O Bloque pedía ademais unha lista de "bens e activos" cedidos ou
vendidos a directivos e ás súas familias.
Tras aquela primeira negativa a comisión de investigación, tras
consultar cos Servizos Xurídicos do Parlamento, acordou reiterar a
petición de información a Abanca, suxerindo que "disocie da información pedida inicialmente" os "datos persoais sensibles",
para poder achegar ao lexislativo todo o que legalmente non sexa
confidencial.
A carta asinada polo presidente da Cámara, Miguel
Santalices, o pasado 20 de xullo foi respondida o 5 de setembro polo
conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e entrou formalmente no
Parlamento este 10 de outubro. Nela Botas reitera que, aínda coas
cautelas suxeridas polos letrados parlamentarios, a lei de protección de
datos "impide achegar informa
As "mesmas" prohibicións desa lei e mais da lexislación bancaria
estatal, agrega, "tamén nos impide achegar á comisión de investigación" a
"información de carácter persoal relativa á venda ou cesión de activos
aos membros dos comités de dirección das extintas caixas de aforro
galegas ou aos seus familiares".
Isto é, proporcionar ao órgano
parlamentario que indaga na fin das caixas unha lista dos produtos financeiros, propiedades inmobiliarias ou calquera outro activo
que Caixanova, Caixa Galicia ou Novacaixagalicia decidiron poñer nas
mans dos seus directivos ou parentela destes, así como o importe destas
vendas ou as razóns das cesións, en caso de existiren.
Neste restritivo marco Abanca agrega que, "sen prexuízo" do cumprimento
dos límites legais, a entidade ten a "vontade" de "ofrecer a máxima
colaboración" á comisión de investigación. E por iso, "en atención á
suxestión" dos letrados, si accede a revelar o devandito importe global.
"Segundo a documentación á que puidemos ter acceso nos arquivos das
antigas caixas de aforro galegas, o importe das operacións de venda de
activos de devanditas entidades aos membros dos comités de dirección das
mesmas ou aos seus familiares ata o terceiro grao de consanguineirade
ou afinidade, realizadas dende o 1 de xaneiro de 2004, ascende á suma total de 1.528.201 euros", conclúe o documento.
Fica así constatado, daquela, que activos das caixas si foron vendidos a directivos ou as súas familias.
No entanto, a comisión non conseguirá -cando menos por esta vía-,
aclarar un dos aspectos máis controvertidos dos saídos á luz tras a fin
das caixas, a denuncia feita pública pola CIG tras recibir ampla
documentación sobre supostas
vendas irregulares de inmobles da Corporación Caixa Galicia a Rosa
Pascual, esposa de José Luis Méndez, por baixo do seu prezo de taxación,
segundo advertira o sindicato en 2014.
Méndez non tivo que acudir a comparecer de novo ao Parlamento para responder ante esas acusacións porque o PP se negou a incorporar novas comparecencias á comisión." (Praza Pública, 13/10/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario