27/10/17

Fala un cooperativista que perdeu case todo: “Choramos e choraremos, pero temos que seguir... fronte á maldade, resistencia”. Ensináronme dispositivos moi sofisticados que estaban postos no monte. Querían que a N-120 quedara cortada

"Alejandro Martínez é un dos promotores da Sociedad Cooperativa Agraria Condado-Paradanta, unha cooperativa moi coñecida en toda esa comarca, e tamén en Galicia, polos famosos requeixos das Neves

Pero o negocio non só é de requeixos. Tamén cultiva produtos ecolóxicos, principalmente, froitos do bosque como amoras, amorodos arandos ou arandos vermellos, e mel, moito mel. Iso era ata antes do 15 de outubro. O domingo negro dos lumes.

Ese día unha língua de lume que subíu como se fora unha cheminea polo río Termes acabou co esforzo de anos. O incendio arrasoulles un colmear con 45 colmeas. Case 1.200 quilos dun mel co selo Mel de Galicia e que xa levara medallas de prata e de bronce. Tamén lle queimou unha veiga na que había sementados froitos do bosque e as lapas mesmo chegaron ás dependencias da actual cooperativa, afectando seriamente unha das súas partes.

Pero o que máis lle doeu a Alejandro foi ver como as lapas tamén arrasaban un vello aserradeiro hidráulico do século XIX que adquiriu hai un tempo para tentar facer del o centro de toda a súa cooperativa. “Foi unha gran perda material, pero tamén sentimental porque hai lembranzas de familia, de moita xente que traballou ahí”, apunta a GC.

 “Meu avó no 27 traballou aí con 12 anos, e aí colleu o alcume familiar por parte de nai, os Pichóns”, di. “E iso?”, “porque estaba nun castelo de madeira e derrubouse e el, que lle gustaban moito os pichóns, dixo que voou como un pichón para salvarse. Desde entón quedoulle o alcume”. Dentro de tanta tristura dá tempo para uns sorrisos.

O sitio, ata a chegada do lume, era fermoso. Un remanso de paz no medio dun paraíso verde que agora mudou a negro, gris e triste. Ese proxecto que tiña para crear un gran centro de degustación dos seus produtos; o requeixo das Neves, marmeladas artesáns e mel, é hoxe un espellismo. 

Un total de 400.000 euros de investimento que, agora, terán que agardar, ata non saber cando. Tamén eses moteiros que fan a ruta Vigo-Ourense pola antiga estrada terán que agardar a ver ese proxecto rematado. Un centro que pretendía asociar turismo, gastronomía, paisaxe e produtos naturais e artesanais.

Pero Alejandro, a pesar de todo o perdido, da tristeza e das centos de bágoas que fuxiron polo seu rostro estes días, aínda ten esperanzas. “Sempre na cooperativa tentamos mirar para adiante e fronte á maldade, resistencia”, asegura. Por iso, di, o máis importante é continuar para adiante.

 Agora están tentando facer un reconto de danos, pero, afortunadamente, tiñan almacenado aínda mel, requeixo e froitos para tentar continuar coa súa actividade, cando menos, unha tempada. “Paramos a semana pasada pero esta xa volvemos surtir de produtos a negocios de Vigo, Santiago e mesmo de Inglaterra”, di mentres conduce a súa furgoneta para cumplir, precisamente, algún destes encargos.
Tampouco descarta pedir as axudas da Xunta.

 “Nós vamos pedilas. Eu son de familia labrega e, como dicían na casa; quen non chora, non mama.... Pero mentres veñen non podemos agardar. Temos que seguir tirando para adiante”, suliña. “Choramos o que tiñamos que chorar. Abrimos o negocio e seguimos e choramos pero temos que tirar para adiante”, repite.

Os lumes

Sobre o que pasou o domingo negro é contundente. “Eu teño 51 anos pero nunca coñecín un lume deste xeito... e xa temos pasados lumes fortes. E neste ensináronme dispositivos moi sofisticados que estaban postos no monte. Querían que a N-120, á altura de Covelo, quedara cortada. Querían cortar as vías de comunicación, e a autopista tamén, e deixarnos sós ante o lume”, sinala.
Tamén recoñece que os lumes superaron os dispositivos previstos. “Non pode haber medios para todos. Houbo maldade, e fronte a iso, hai que volver erguerse”, di.  (...)"                     (Galicia Confidencial, 25/10/17)


(...) Durante un percorrido realizado con medios de comunicación por algunhas das parroquias das Neves, o rexedor insistiu en que o dano foi tal, que non só se produciron danos materiais, senón que quedou "seriamente comprometida" a actividade socioeconómica e, por tanto, o futuro do pobo.

A ese respecto, puxo como exemplo a empresa Madeiras Viaria, cuxas instalacións (mercadoría, naves, maquinarias, etc.) quedaron completamente calcinadas, e que xeraba 25 empregos directos e outros 40 indirectos. Os seus traballadores lamentaron que "non quedou nada, nada se puido salvar" do negocio, e que a primeira motobomba de extinción chegou cando xa as lapas estaban moi estendidas.

Ademais das empresas, das 2.000 vivendas que hai nas Neves, catro quedaron completamente destruídas, outras 26 sufriron graves danos e outro centenar resultaron afectadas en menor medida, ao que se suman máis de 5.000 hectáreas de monte arrasado. Segundo explicou Xosé Manuel Rodríguez, os técnicos do Concello e os voluntarios solicitaron información de 850 incidencias relacionadas con danos en vivendas, leiras, automóbiles, etc.

Ante este escenario, o rexedor advertiu de que, aínda que o Concello está a facer fronte ás necesidades persoais máis perentorias, é "imprescindible" que todas as administracións públicas implíquense para pór en marcha un plan de recuperación integral. Na súa opinión sería "inaceptable" que non asumisen ese compromiso, e esixiu a estas administracións "que non abandonen á xente". (...)

As Neves contará para este balance coa axuda desinteresada da empresa madrileña Geotronics, especializada en tecnoloxía de posicionamento de última xeración. Un dos seus especialistas, o enxeñeiro Pablo Ruiz, que ten vínculos persoais co pobo, xa empezou a rexistrar imaxes en 360 graos de todos os lugares afectados polos incendios, grazas a unha cámara instalada no teito dun vehículo.

Segundo explicou, a través deste sistema de 'mobile mapping' toda a información capturada será geolocalizada e permitirá medir de forma precisa as superficies queimadas. Este innovador sistema permite 'rastrexar' o municipio en só un día e medio, cando este tipo de medicións realizadas con outros mecanismos "poden levar semanas ou mesmo meses".  (...)"                  (Galicia Confidencial, 24/10/17)


"Os veciños autoorganízanse para recuperar o monte e a fauna tralos incendios.

"O mellor da xente". Así describen veciños das Neves e Ponteareas a marea de solidariedade que envolve a estes concellos, dos máis afectados pola vaga de lumes en Galicia da pasada semana. Auga, roupa, alimentos... As caixas amorénase para que os voluntarios autoorganizados repartan a axuda prestada entre os veciños afectados. 

Pero tamén se están facendo esforzos por recuperar a superficie queimada e alimentar os animais, que agora apenas atopan lugares onde pastar.

Veciños das Neves comentan a GC que eles mesmos puxeron en marcha "as primeiras medidas improvisadas para alimentar o gando e cabalos que ficaron no monte". Os voluntarios foron deixando en distintos puntos da contorna pan duro, mazás, herba, auga... para que os animais poidan alimentarse e hidratarse.

Un deses lugares é o monte de Sandomedio, na parroquia de Taboexa. Segundo o alcalde das Neves, Xose Manuel Rodríguez Méndez, o 99% do concello resultou afectado polo lume. Alí calcúlase que arderon unhas 6.000 hectáreas.

A metade da poboación da localidade, duns 4.000 habitantes, leva sen subministración de auga potable desde o martes, cando as cinzas cubriron a canle do río Termes, o afluente do río Miño que abastece o consumo do municipio. Por iso, está sendo fundamental a repartición de auga embotellada que fan máis de 70 voluntarios entre os damnificados.

Outro dos problemas que padeceron os veciños foi o corte de electricidade tras arder varios paus eléctricos. A isto súmase a denuncia que facía o propio alcalde das Neves contra Movistar —empres que controla a rede telefónica— por non ter restablecido o servizo de telefonía unha semana despois dos incendios.

De igual xeito, os veciños de Ponteareas tamén están organizándose para iniciar a recuperación de zonas como o monte de San Cibrao de Guláns, en Ponteareas,outra zona moi afectada polos incendios.

Alí, neste concello, veciños e comuneiros organizaron unha asamblea-xuntanza aberta de reflexión colectiva e aproveitaron tamén para espallar palla nas zonas calcinadas, fundamental para fixar a terra, que non se perda solo e favorecer a xerminación cando comecen os traballos de replantación.
Estas imaxes repítense por diversos concellos afectados pola onda de incendios da pasada semana.  (...)"         (Galicia Confidencial, 24/10/17)

No hay comentarios: