10/1/18

Como salvar as prazas de abastos...

"Aquí, en San Agustín, 60% dos postos están baleiros. Na cidade hai outros oito mercados, un deles, o das Conchiñas, de xestión privada, e case todos con baixa ocupación. Salvo o de Elviña, no que só quedan dous postos por adxudicar. 

O maior, o da praza de Lugo, reformado hai uns anos, tamén ten algo de turístico, situado nunha mazá en pleno centro con tendas de moda e mesmo unha gran distribuidora de libros e tecnoloxía. Tres están pendentes de reforma: os de Durmideiras, Monte Alto e Santa Lucía. En conxunto suman máis de catrocentos puntos de venda e dous terzos das concesións están en mans de mulleres. 55% da actividade é venda de peixe e de carne.

“A miña tataravoa vendía carne aquí, na praza dos Ovos, antes de que se construíra o mercado; foi a miña bisavoa a que comezou co peixe”, di Ángela Barrán despois dun café para tomar folgos após a conferencia de cinco responsábeis políticos de mercados municipais convidados polo Concello para contar aquí como se salva un mercado. Innovación e tradición, resume o cartel do evento.

 Un: ver, escoitar e aprender

Arranca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Fala da recuperación do mercado da localidade (13.000 habitantes). Once postos e 17 empregos. Dúas illas de tendas: a illa da terra e a illa do mar. Antes, explica, a xente ía comprar produtos do mar á Guarda. A parte de arriba estaba de almacén.

Hoxe hai café, exposicións e mesmo manicura. “O primeiro que fixemos foi mirar como o fixeran outros. E abrimos un proceso de participación coas praceiras e veciñas. O mercado ten que funcionar en conxunto. E, unha vez reformado, hai que manter o nivel, saber colocar a mercadoría, ordenar as caixas, utilizar as bolsas…”

Dous: proximidade. 

Tomiño contratou unha empresa (arquitectos, interioristas…) para definir o concepto de proximidade que debía ter a praza. A proximidade, o rol que se reserva aos produtores locais, suscitou debate entre o público. Alguén lamentou que se falase moito de achegar os mercados aos cidadáns e moi pouco de achegar o rural aos mercados urbanos.

 “É un problema de país, que facemos co rural é o principal problema deste país”, dixo a concelleira en Pontevedra Anabel Gulías, responsábel de Promoción da Cidade, Urbanismo e Mercado, “mais non se pode cargar a culpa do que non se fai sobre os concellos”. En Tomiño, o concepto sintetizouse en dúas illas: postos de terra, “unha das mellores hortas do país”, segundo explicou desde o público a deseñadora, e postos de mar, alí ao lado.

Tres: sostíbeis. 

O mercado de Compostela é a segunda atracción turística da cidade. Leva tres séculos alí. Os sábados está a rebentar de xente. “Catros mil clientes e 60% da venda de peixe e marisco na cidade”, di Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. “O noso problema é non morrer de éxito”. Desde o ano 2000 a xestión é compartida coa cooperativa de praceiras, unhas 70. Veñen de abrir a nave número 5. Dez novos postos, oito xa ocupados.

 Nos pregos as condicións eran precisas: elaboracións con dous produtos que se vendan na praza. Mais a nave 5 estase convertido nun espazo de bares e petiscos. “Non é funcional”, di Lois e confesa que ese non era o inimigo co que contaban, que era o turismo e, por agora, están conseguindo certo equilibrio, que o mercado continúe a ser tamén da veciñanza.

 Catro: recuperar espazos para as persoas. 

“É outro debate, os mercados fan parte da cidade e afectan e vense afectados polo que sucede no entorno. As políticas de vivenda ou mobilidade tamén teñen que ver con eles. É unha cuestión estrutural”, di Marta Lois. Como a do rural. En Pontevedra, explica Anabel Gulías, comezaron en 1999 cunha teima: recuperar espazos públicos para as persoas. 

É a única cidade galega que non ten centro comercial no termo municipal, gábase a concelleira. Están en metade da reforma do mercado, “que inda dá perdas”, e buscando relevo xeracional na clientela a través de integrar novas actividades, como a Sétima Feira (arte e deseño) ou o Ganapán (espazo infantil).

Cinco: humanizar as cidades. 

En Lugo, conta Rosana Rielo, a tenente de alcalde, o Concello xestiona o mercado e a praza, separados por unha rúa. Levan investidos máis de dous millóns e medio de euros en reformas. “Xa se dixo aquí, hai que crear espazos cálidos para a xente volver aos mercados, aproveitar o espazo interior e abrir os espazos exteriores, con rúas peonís, por exemplo”. Van construír unha cuberta na rúa Quiroga Ballesteros, a que separa o mercado da praza, para unilos.

 “Despois da etapa neoliberal na que se nos dicía que os mercados urbanos non eran rendíbeis, que había que pechalos, podemos dicir que hoxe temos salvado os mercados”, apunta Sergi Martí, xerente de Turismo, Comercio e Mercados do Concello de Barcelona. 

E di que levan máis de vinte anos investindo nos 43 mercados da cidade, que dan traballo a 7.500 persoas e producen un volume de negocio de mil millóns de euros cada ano. “Todo o que explicaron as responsábeis políticas que me precederon é o que hai que facer: innovar en actividades; crear un mix co entorno, a proximidade e a humanización; e promover a gobernanza das praceiras”.

Seis: liderado público.

 “Pode que a dereita non tirase cos mercados e se vise obrigada a investir neles polo valor arquitectónico, mais tanto ten, o caso é que foron salvados… non pasou o mesmo cos teatros, por desgraza”, opina Martí. “E todo iso desde o liderado público municipal, con planificación estratéxica”. Martí concede que as políticas se centraron até hoxe en lograr esa proximidade coa veciñanza e esqueceron os produtores. 

En Barcelona, conta, están tratando de avanzar nese outro camiño a través dos mercados verdes, mercados nos que os praceiros certifiquen un produto de proximidade, “con todas as dificultades que iso ten nunha gran cidade”. A estratexia, din as políticas volvendo ao principio, consiste en ver, escoitar e aprender até dar coa identidade precisa de cada mercado, “porque son unha forma de estar no mundo e non son exportábeis”, conclúe Lois.

 “Adoitamos a pecharnos no nos, porén eu aprendo moitísimo escoitando as experiencias dos demais”, di Ángela Barrán, quinta xeración de praceiras, após da pausa para o café. “Pode que en Barcelona dean por salvados os mercados urbanos, aquí na Coruña… digamos que estamos en proceso… non de salvación, eu diría que en evolución”. 

Ángela Barrán tirou as súas propias conclusións a respecto do camiño que deben seguir os mercados galegos: “Ten que haber para todos os petos, non só para os de poder adquisitivo máis alto, eu de Barcelona non me quedo con La Boquería, prefiro o de Gracia ou do Clot, que teñen máis usos que o de gourmet e turismo; en Madrid o meu referente non é o de San Miguel, son os da Paz ou o das Maravillas”. E remata pedindo que as Administración aprendan “a comunicarse ben coas praceiras”, que algo terán que dicir e mesmo estaban antes cos mercados.

Ángela Barrán, Leonardo Tomé, dos praceiros de Elviña, Delmiro Hermida, xerente nas Travesas en Vigo, e Luisa Valadas, da Associação dos Comerciantes nos Mercados de Lisboa, debaterán na mañá desta sexta feira no escenario de San Agustín na xornada de encerramento do congreso."                (Sermos Galiza, 15/12/17)

No hay comentarios: