29/1/18

O xulgado levanta o embargo de contas a El correo Gallego tras desfacerse da súa rotativa

"Un xulgado de Santiago de Compostela acaba de levantar o embargar de case 2,8 millóns de euros á Editorial Compostela, propiedade do Grupo El Correo Gallego. Unha cantidade que lle reclamaba, vía xudicial, Lico Leasing, un instrumento financeiro das antigas caixas, vendido a un fondo boitre norteamericano, Fortress, que tamén está pasando por moitos problemas financeiros.

Este fondo boitre co que estaba endebedado o grupo El Correo Gallego reclamáballe 2.184.270,25 euros, incluidos os intereses ordinarios e moratorias vencidas, máis outros 655.281,08 euros fixados “prudencialmente” para intereses e costas da execución. Curiosamente, este acreedor do Grupo El Correo,  é un dos grandes morosos de Facenda e está na lista negra das administracións financeiras españolas. Tamén se atopa en proceso de quebra. A súa sede en Galicia xa pechou. 


Pero esa débeda xa foi saldada. Segundo informou o xornal santigués a Galicia Confidencial, este pasado 22 de xaneiro, o xulgado remitiulles unha nova providencia na que se recolle que queda levantado o embargo sobre as contas que pesaba desde o 27 de outubro pasado e que impedía ao Concello de Santiago e á Xunta ingresarlle a este medio. E como conseguiu El Correo Gallego eses case tres millóns de euros en tres meses estando en números vermellos?.


A DÉBEDA CON LICO LEASING


Para entendelo hai que ter en conta un dos grandes investimentos que no seu día fixo este grupo de comunicación; a imprenta. De feito, ademais dos 15 millóns en créditos que debe aos bancos, Editorial Compostela mantiña unha debeda con Lico Leasing polo arrendamento financeiro do centro de impresión e do centro informático de 1,7 millóns de euros, “dos cales 1 millóns de euros están vencidos e non liquidados”, segundo recolle unha audoría do propio grupo mediatico que figura nas contas depositadas no Rexistro Mercantil.

Segundo advertía xa este informe, impagos deste tipo poderían levar ao embargo da maquinaria de impresión, tal e como finalmente aconteceu, porque “entre las cláusulas contractuales figura la restitución de los bienes en arrendamiento financiero para el caso de impago, lo que obligaría a la Sociedad a tomar medidas excepcionales”.  O prazo para pagar o sistema informático e a rotativa remata a finais de 2020.


De feito, fontes da dirección de El Correo apuntaron a GC que tiñan un plan B no caso de que Lico Leasing non aceptara un refinanciamento nas negociacións coa empresa.  Un plan B que finalmente consistiu en "tomar esas medidas excepcionais" e desfacerse do principal atranco polo que estaban embargados, a imprenta.

 Isto motivou que o gran xornal da capital galega teña agora que imprimirse noutra provincia e na imprenta doutro grupo de comunicación.


Este feito motivou novo despidos a finais de ano. De feito, a empresa botou a todos os traballadores da área de impresión, case 20 persoas. Actualmente, o grupo conta con 90 empregados dos case 300 que chegou a ter nos seus mellores momentos.


AXUDAS


A pesar de estar as contas embargadas, El Correo Gallego seguiu recibindo axudas. En concreto, o pasado 29 de decembro, tal e como publicou GC, publicouse a resolución das axudas concedidas en 2017 a empresas xornalísticas e de radiodifucións que actúan no país, cun gasto total de 1.666.194,87 euros. Editorial Compostela recibiu 81.289,90 euros.


Ese mesmo día tamén se publicaron os xa clásicos convenios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. e a editora del El Correo Gallego para "a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela", polo que a primeira recibe 125.000 euros e a segunda, 115.000.  É dicir, en decembro a El Correo Gallego se lle concederon case 200.000 euros cando aínda tiña as contas embargadas. 


A SITUACIÓN DE EL CORREO


A pesar destas axudas, Editorial Compostela segue a deber 15 millóns ás entidades bancarias, a gran maioría a Abanca, aínda que estes poden ser perdoados. Aos traballadores aínda lles ten que pagar 1,4 millóns, cun plan de pago a longo prazo. Un diñeiro que aumentou tras os novos despidos. 

Tamén tiña 1,2 millóns de débedas con Facenda e a Seguridade Social. 

Con todo, fontes do grupo consultadas insisten en ser optimistas e apuntan que “o peor xa pasou” e que agora o que toca é “mirar para adiante". Por iso piden “comprensión” aos empregados despedidos para que cobren as súas indemnizacións en prazos. "          (Galicia Confidencial 26/01/18)

No hay comentarios: