26/1/18

Ulf Galiciefarer, un viquingo no Reino de Galicia

"No século X, daneses e noruegueses, acudiron a apoiar o duque Ricardo I de Normandía nas súa loita contra o emperador e os magnates dos francos. Outro tanto acontecería no século XI, cos noruegueses encabezados por Olaf Haraldsson, o famoso Olaf o Santo, loitando a carón do rei Ethelred de Inglaterra, fronte aos viquingos daneses que tentaban conquistar as Illas Británicas.

 A presenza destas pobos na península itálica responde a mesma lóxica, sinalándose en Apulla ou Calabria, no combate contra gregos e árabes en defensa dos intereses da oligarquía autóctona. 

Uns casos semellantes atopámolos aínda na Galiza do século XII, sexa cos contactos entre o rei de Noruega Sigurdr, instalado ao longo do inverno de 1112 en Compostela, co conde de Traba e Diego Xelmirez, ou coa presenza dun grupo numeroso de xentes do norte, apoiando a causa do rei de Aragón Afonso O Batallador e da raíña Urraca contra Afonso VII.

Na mesma liña, un documento galego de 1032, recollido por Florez na España Sagrada, sinala o asalto, por parte dun exército galego e viquingo mandado polo conde Rodrigo Romariz, do Castro Labio, unha fortificación situada perto da igrexa lucense de Santa Mariña, onde se refuxiaban tropas vascas enviadas polo rei navarro, enfrontado na altura aos galegos.

 A acción de guerra debe situarse no marco da loita entre Sancho III de Navarra e o seu fillo Fernando e o rei Bermudo III, imposto no trono que ambicionaban os seus contendentes polo partido galego. Son diversas as investigacións que documentan a presenza de Jarl Galizu-Úlfr, Ulv Galiciefarer ou Galicieulf, “O galego” ou “O lobo galego”, ao fronte do continxente nórdico nesta importante batalla, estando certificada a súa presenza no noso país en 1028. 

Segundo anota para ese ano a famosa Knytlinga Saga, “…marchou nunha expedición viquinga a Occidente e conquistou Galiza, que arrasou e saqueou conseguindo un gran botín; e por iso era chamado Ulf o Galego.

 A marcha de Ulf do Reino de Galiza asóciase maioritariamente á súa derrota a finais da década do 1040 polos exércitos do bispo compostelán Cresconio, nun contexto que lle sería desfavorábel polo aceso ao trono galego do seu antigo inimigo Fernando I. A esta opinión, téñense sumado autores como Benito Vicetto ou González López, pero tamén en épocas recentes Vicente Almazán, Fernández Romero, Morales Romero ou Sánchez Pardo, manifestándose máis escéptico Helio Pires, ao negar a existencia de ningún documento que confirme a data ou a propia batalla.

 Sexa como for, a súa presenza entre nos alongaríase arredor de vinte anos, dado suficientemente significativo para buscar novas focaxes e liñas de interpretación das relacións entre os galegos e os nórdicos. Até agora a maior parte das investigacións e publicacións teñen posto o acento nas expedicións de saqueo levadas adiante polas xentes do norte, esquecendo o marco de relacións establecido como confirman as fontes galegas e viquingas contemporáneas así como a propia cartografía.

 A redescuberta da tumba de Ulf en Dinamarca a finais de 2016, fora atopada inicialmente á volta de 1951 con motivo das obras dunha estrada, espertou de novo a atención sobre o personaxe. 

 Estariamos diante dun dinamarqués de orixe nobre, probabelmente fillo de Ulf Torgilsson, un caudillo viquingo de orixe sueca que chegaría a contraer matrimonio con Astrid, filla do rei Svend I de Dinamarca, facendo parte dunha xinea ligada a familia real danesa. 

Unha neta de Ulf, Bothild Thorgunnsdatter, casaría co rei danés, Eurico I, morrendo nunha viaxe a Xerusalén, de cuxa relación nacería Canuto Lavard, santo da igrexa católica, cuxo fillo Valdemar, tataraneto de Ulf, reinaría co sobrenome do “Grande”, vinculando a súa estirpe, a medio dunha activa política matrimonial, coas familias reais suecas, francesa ou saxona."                   (Cilia Torna, Sermos Galiza, 21/01/18)

No hay comentarios: