"A finais de novembro a ex-conselleira de Sanidade
Rocío Mosquera foi presentada polo seu sucesor, Jesús Vázquez Almuiña,
ante o persoal da empresa pública Galaria,
responsable da tecnoloxía sanitaria do Sergas, como a súa nova
directora, e o presidente Feijóo gabou a súa capacidade para ese posto.
Porén, a Xunta non fixo pública a convocatoria
para cubrir esa praza ata máis de dúas semanas despois, o 15 de
decembro. E non foi ata este xoves, máis de dous meses despois, que se
fai oficial o seu nomeamento para un posto outorgado a dedo que xa viña
ocupando de feito.
O proceso para designar a Mosquera directora de
Galaria volveu pór en evidencia a discrecionalidade do Goberno galego
para nomear a dedo os altos cargos das empresas públicas obviando os
procedementos aos que el mesmo se obrigou. Esa
discrecionalidade sempre se deu, tanto na Xunta como noutras
administracións, en postos que son considerados de confianza, pero foi o
Goberno de Feijóo o que modificou a lei para establecer un procedemento
de selección.
Un procedemento que admite que eses nomeamentos
se realizarán “por libre designación”, pero que obriga a cumprir cunha
serie de formalidades como que os posibles candidatos presenten as súas
solicitudes e sexan avaliados.
No caso de Mosquera vén de
quedar en evidencia ata que punto a discrecionalidade do Goberno galego
pasa por riba desas formalidades. A convocatoria oficial para cubrir a praza non foi publicada no Diario Oficial de Galicia ata máis de dúas semanas despois
de que Rocío Mosquera fose presentada como nova directora de Galaria,
polo que partiu con vantaxe á hora de preparar a súa candidatura para o
proceso fronte a outros posibles competidores, no caso de que os
houbese.
Esa situación foi denunciada polo deputado
do PSdeG Julio Torrado, que ironizou con que “calquera persoa podería
presentarse, pero atrévome a xogar un café co conselleiro a que adiviño
para quen vai ser o cargo”.
Ante a pregunta parlamentaria do socialista ao respecto, o
Goberno galego respondeu que a designación de Mosquera producírase de
xeito provisional á espera de que se resolvese a convocatoria realizada
posteriormente. Esa resolución vén de facerse oficial no DOG deste xoves,
no que o conselleiro de Sanidade publica a orde que nomea a Mosquera
directora-xerente de Galaria. Unha orde con data de 22 de xaneiro, máis
de dous meses despois de que a ex-conselleira fose elixida a dedo polo
Goberno galego.
Por outra banda, a entrada en Galaria de Mosquera, funcionaria de carreira e conselleira entre 2012 e 2015, produciuse tras a saída da súa anterior directora, María Luisa Brandt, para asumir a xerencia do hospital concertado vigués de Povisa. Unha fichaxe que se concretou sen ningún período intermedio de incompatibilidade.
A traxectoria de Brandt, enxeñeira industrial especializada en
organización, discorrera na súa maior parte en empresas de consultoría,
cun breve paso por Caixanova, antes do seu nomeamento en 2009 na empresa
pública Galaria. Tras oito anos de experiencia á fronte da máxima
tecnoloxía sanitaria do Sergas, Brandt fichou pola privada Povisa." (David Reinero, Praza Pública)
No hay comentarios:
Publicar un comentario