20/3/18

'A ameaza do cobre', o documental sobre o conflito da megamina en Touro e O Pino

"Por unha banda dinche que veñas ao rural, e por outra estanche cortando o teu medio de vida. Non sei a quen queren enganar". A frase é dun dos gandeiros protagonistas do documental Touro - O Pino. A ameaza do cobre. 

 No filme, de case unha hora de duración, abórdase o conflito xurdido nestes dous concellos e na súa contorna ante o megaproxecto que pretende Cobre San Rafael, da man da multinacional Atalaya Mining e a través da reapertura das vellas minas de cobre, e do que se advirte un forte impacto medioambiental, económico e social na zona. 

O documental será presentado neste mércores 14 de marzo ás 19 horas no CSC Fontiñas de Santiago, nun acto no que estará presente o director da peza, Xosé Bocixa, ademais de tres veciñas da zona e máis veciñanza entre o público que participará nun debate posterior. 

O filme, elaborado por Tingalaranga Audiovisual en colaboración con Nós TV, recolle testemuños de científicos, alcaldes, empresarios e habitantes dos municipios afectados. "Este proxecto é totalmente incompatible coa agricultura, a gandería ou un negocio coma o meu", pódese oír no tráiler da boca dunha muller que rexenta unha casa rural. 

Como lembra a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON, o documental --que estará accesible na internet a finais da semana-- debulla o conflito arredor dunha explotación "moi cuestionada", xa que  "afectaría ao Camiño de Santiago, a moitas empresas de turismo, gandería, agricultura, así como ás augas que abastecen a comarca, existindo riscos graves para a vida das personas de zonas coma Arinteiro".

 "O rio Ulla podería verse gravemente afectado e mesmo as zonas marisqueiras da súa desembocadura na Arousa", advirten sobre un proxecto moi contestado e que hai tan só unhas semanas sacou á rúa unha enorme tractorada e manifestación

A plataforma veciñal advirte de que a veciñanza non está disposta a que a empresa Cobre San Rafael se "apodere de case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias", e tampouco a que "se eliminen 341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e vexetación que nunca máis volverán producir". Desde os colectivos sociais en contra alertan dun proxecto baseado na planificación de "quince anos de megaminaría intensiva", con "maquinaria pesada e actividade as 24 horas do día, os 365 ano, con voaduras diarias" mediante explosivos. 

Apenas década e media de extracción na que se "crearían dous depósitos de residuos a catro vertedoiros que ocuparían en total case 300 hectáreas". Ou, o que é o mesmo, "unha enorme balsa de lodos que contará cun muro perimetral con capacidade para 50 millóns de metros cúbicos de residuos estériles da mina", "unha xigantesca balsa de lodos tóxicos" que porá en risco "a vida das persoas", pero tamén a auga do ulla, os acuíferos da zona da zona e o propio atractivo da ruta xacobea.

O director do documental, Xosé Bocixa, volve aos traballos centrados na denuncia social e na loita da veciñanza contra polémicos proxectos industriais. As Encrobas. A ceo aberto é a súa obra máis recoñecida, pero tamén foi o encargado da realización, edición e guión doutro documental que narraba o conflito contra a megamina a ceo aberto pretendida na comarca de Bergantiños, Rosa de Corcoesto. Desa loita veciñal contra outro megaproxecto mineiro tamén xurdiu outro filme, Tesouro de Corcoesto. "               (Miguel Pardo, Praza Pública, 14/03/18)

No hay comentarios: