18/9/18

“A Galiza que reflicten os medios públicos galegos moitas veces non é a real”

"As denuncias de manipulación, censura, falta de pluralidade e de primar os criterios partidistas a gosto do goberno sobre os criterios e o rigor xornalísticos na CRTVG foron nestes meses en aumento, sendo recollidas en diferentes medios de comunicación –non todos-, e amén en determinadas instancias políticas (mesmo chegando a Bruxelas). 

Este sábado, 8 de setembro, hai convocada en Compostela unha marcha “pola dignidade dos medios públicos”, unha mobilización que conta co apoio de diferents organizacións políticas e sindicais, así como plataformas, entidades e colectivos da sociedade galega.

“É importante que esta manifestación que convocamos os comités da CRTVG e CRTVE en Galiza teña unha gran afluencia, o poder político está moi atento a iso”, sostén Tiago Alvite, secretario do comité interentros da CRVG, en conversa con Sermos Galiza. “Hai unha toma de conciencia na sociedade de que os medios públicos non poden estar para atender os intereses do partido no goberno”. Unha toma de conciencia que desexa que se expresa este sábado na marcha en Compostela.

“Hai que liberar a radio e a televisión galegas”

“Reivindicamos que os medios públicos son de todos e todas, temos que liberar a CRTVG e que faga o que ten que facer: cumprir a súa misión de servizo público, ser plurais, rexerse por criterios informativos…”. Raquel Lema, do comité de empresa da CRTVG, afirma que o PP está a afogar os medios públicos galegos, “como xa fixo no seu tempo en Madrid ou Valencia”. Así, sostén “a Galiza que reflicten os medios públicos galegos non é moitas veces a Galiza real”. Algo que nomeadamente pasa, asegura, nos informativos: “Obedecen a criterios partidistas, do partido no goberno, e non a criterios xornalísticos. Punto”.

Para Alvite, a “manipulación informativa” na CRTVG vai acompañada “dunha degradación da radio e televisión galega como servizo público”, o que implica que haxa “unha falta de lexitimidade” destes medios públicos galegos perante importantes sectores sociais.

“O ABC é a dirección ideolóxica da CRTVG”

Embora as constantes denuncias e as interpelacións á dirección do ente público para que active mecanismos previstos na lei, como o Consello de Informativos, que garantan a pluralidade; a resposta que obteñen é o silenzo. “O diálogo coa dirección xeral sobre estas cuestións non existe, non o hai, só o hai no estritamente laboral. Hai máis dun ano que non se reúnen con nós”, di Alvite.

Raquel Lema, contundente, critica que a dirección non se digne dirixirse ao persoal “e despois emprega o ABC, que é a dirección ideolóxica da CRTVG, para desmentir que haxa manipulación e cargar contra os venres negros [mobilización semanal do persoal da compañía pública galega] dicindo que son cousa de operadores que queren manter a categoría laboral”.

A esta mobilización chégase coa noticia recén saída do forno de que o comité intercentros denunciaba en Bruxelas a “manipulación” na CRTVG. “Presentamos na Comisión de Peticións de Bruxelas unha denuncia pedindo que a administración europea inste o Goberno galego a que cumpra as directivas de pluralidade nos medios públicos e que se garanta a liberdade de expresión na Corporación.

 En maio a eurodeputada Ana Miranda convidounos a participar en Bruxelas nunhas xornadas sobre liberdade de expresión e de prensa. Ela explicounos a posibilidade de levar este problema á Comisión de Peticións, como xa fixera anteriormente o comité de RTVE. Entendemos que era interesante presentar esa denuncia e demos o paso. En principio fixémolo en base a oito casos flagrantes desa manipulación que denunciamos, como o xeito en que se informou da sentenza sobre o caso Gürtel ou sobre os incendios”, sinala Tiago Alvite.."                   (Sermos Galiza, 07/09/18)

No hay comentarios: