"O persoal sanitario dos Puntos
de Atención Continuada (PAC) do SERGAS inicia este martes ás 15 horas a
primeira das 12 xornadas de folga convocadas para as vindeiras semanas
polos sindicatos CIG, CCOO, UGT, SATSE, CSIF. OMEGA e CESM.
Os
traballadores e traballadoras denuncian a súa "precaria situación
laboral" e demandan unha "resposta inmediata" ás súas reivindicacións,
co obxectivo de garantir unha asistencia sanitaria de calidade. Os paros
terán lugar entre as 15 horas e as 8 horas da mañá seguinte os días 16,
19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro. E dende as 8 horas
ata as 8 horas da xornada seguinte os días 21 e 28 de outubro e 4 e 11
de novembro.
Entre as demandas do persoal está a dotación de
equipos completos médico/enfermeiro en todos os PACs das sete áreas
sanitarias, sinalando a CIG que "a atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido"
e que "a responsabilidade desta asistencia de baixa calidade é da mala
planificación por parte das EOXI".
Piden tamén "respecto aos tempos de
traballo do persoal conforme a directivas europeas, que están para
garantir unha atención eficiente por persoal descansado en beneficio dos
pacientes". "Isto debe ser independente de ter un contrato fixo ou
traballo fraccionado, o fraccionamento de contratos non pode empregarse
para non cumprir cos descansos", subliñan.
Advirten de que "calquera avaliación de derivación
hospitalaria debe ser eliminada das listas de obxectivos", xa que as
derivacións non son opcionais senón que seguen criterios médicos. Esixen
igualmente "criterios obxectivos" para a dotación de persoal nos PACS
en base á carga asistencial, dispersión, distribución etaria, distancia
ao hospital e número de mobilizacións polo 061 para garantir o dereito a
asistencia.
Piden tamén o pagamento do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade
dende este momento e con carácter retroactivo dende o 2010 e que non se
aumente a xornada laboral efectiva das 1451 horas actuais. "Calquera
exceso de xornada debe ser voluntario, incentivado e por tramos",
sinalan, engadindo que "empeorar as condicións laborais aumentarán as
fugas de persoal a outras áreas e servizos e empeorarán a asistencia".
As organizacións sindicais convocantes aseguran que
despois de máis de 6 meses de reunións, na última, celebrada o 21 de
setembro de 2018, “o SERGAS perdeu unha oportunidade importante para
clarificar aspectos que levan varios meses a ser debatidos sen chegar a
ningún acordo”. A CIG considera que é unha “irresponsabilidade” por parte da dirección do SERGAS "prolongar a solución deste conflito"
e que isto “non fai máis que poñer de manifesto a súa incapacidade para
facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns
relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión
incompetente dos recursos humanos”.
O SERGAS fixou no 100 % os servizos mínimos para
atender a atención das urxencias durante os paros, unha medida que foi
moi criticada polos sindicatos. "Isto demostra as nosas denuncias",
destaca CC.OO. Segundo a Consellería de
Sanidade, para a correcta cobertura de toda a actividade urxente é
preciso que traballe o 100% dos efectivos. "Isto non sucedería se a
dotación de recursos humanos fose suficiente", asegura o sindicato,
que salienta que "en moitos PAC non existe a día de hoxe a cobertura
mínima imprescindible que o propio SERGAS coida axeitada para ofrecer
unha asistencia sanitaria digna e de calidade". (Praza Pública, 15/10/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario