6/11/18

Cal é a medida máis efectiva ata o momento para rematar coas velutinas?

"As trampas eléctricas. Esa é a unha das medidas que demostrou ata o momento resultados moi positivos para rematar coas velutinas. Así o sinalan estudios realizados dende a Universidade de Vigo e financiados pola propia Xunta de Galicia.

Pero o seu uso xeralizado require dunha grande inversión, gasto que está sendo asumido directamente por cada apicultor e apicultora de xeito individual. Por iso, desde Stop Velutina pídenlle á Xunta que se implique máis directamente na erradicación desta praga. Fixérono xa directamente este venres cunha iniciativa presentada na Xunta na que piden axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas.

Lembran que o ataque deste animal nas colmeas supón un debilitamento da saúde do enxame, podendo provocar a súa mortantande directa ou indirectamente, o cal supón a redución na produción de mel e doutros produtos da colmea.

 Hai que ter en conta que a apicultura non é só unha actividade gandeira produtiva, da que se benefician produtores e consumidores. "As abellas son clave para o mantemento da biodiversidade a través da súa función polinizadora, polo tanto o seu coidado e protección non debe recaer exclusivamente nos apicultores e apicultoras", indica a entidade nun comunicado.

LIÑAS DE AXUDA

A Plataforma demanda neste senso a convocatoria para o 2019 dunha liña de axudas ó sector apícola para financiar sistemas de protección das colmeas e realizar esta convocatoria en colaboración co sector apícola, acordando os contidos, condicións e orzamento necesario.

 Outras peticións incluidas nesta solicitude son a mellora na xestión da retirada de niños, que presenta moitas deficiencias en función do persoal encargado en cada concello, e a continuación das axudas para o trampeo preventivo que, mentres non se desenvolvan outros métodos máis selectivos, é indispensable para o control da praga.

Esta proposta, presentada no rexistro da Xunta, di "está elaborada dende unha visión científica e integrando a experiencia e necesidades dos sectores afectados". E, o principal obxectivo é que se inclúa de forma urxente no orzamento xeral da Xunta de Galicia a financiación suficiente para desenvolver esta investigación a partir do ano 2019. Ademais, pide que se establezan protocolos de actuación unificados, elaborados de forma consensuada e dirixidos tanto á prevención como na retirada de niños."                      (Galicia Confidencial, 03/11/18)


"A Xunta quere aprender do resto de Europa como loitar contra as velutinas.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, participará no proxecto 'Positive', destinado ao intercambio de experiencias e coñecementos para o control da avespa velutina entre países do suroeste de Europa.

Segundo informa a Xunta nun comunicado, esta iniciativa, enmarcada nos proxectos 'Interreg-Sudoe', ten o obxectivo de contribuír á preservación dos insectos polinizadores que son atacados por especies como a avispa asiática. Así, buscaranse métodos conxuntos para o control deste exemplar invasor.

O proxecto conta cun orzamento de case dous millóns de euros --o 75 por cento provén de fondos da Unión Europea-- e promoverá a transmisión de coñecemento neste ámbito entre os socios máis experimentados, como Francia, e os que levan menos tempo convivindo coa velutina, como España ou Portugal.

Este plan fomentará a colaboración entre organizacións académicas, administrativas, produtivas e sociais, así como xerentes das áreas naturais destas rexións e do sector apícola como principal implicado no deseño das ferramentas que xurdan no proxecto."            (Galicia Confidencial, 05/11/18)

No hay comentarios: