A última cooperativa textil de Carnota, en Lamas de Castelo, ten que botar o peche polo dumping de Inditex
"O drama do desmantelamento do sector textil en Galicia segue
medrando. A deslocalización dos traballos de confección está provocando a
desaparición das cooperativas que tanto traballo feminino xeraron en
Galicia nos últimos 30 anos, e que tanto fomentaron a emancipación da
muller.
A última vítima deste proceso de descomposición é a a última
cooperativa téxtil de Lamas de Castelo, en Carnota, que bota o peche
deixando na rúa ás súas 5 socias e 20 empregadas. Dende o grupo de
goberno do Concello de Carnota, queren amosar a súa solidaridade coas
veciñas, lamentando o peche provocado polo cambio de criterios de
INDITEX, empresa para a que subministraban a forza do seu traballo, en
canto á diminución do prezo que o xigante téxtil lles aboa por cada
prenda confeccionada.
Para o grupo do BNG carnotán, “a merma é tal que
pode considerarse un auténtico dumping, tan grave e repentino que
literalmente as socias da cooperativa tiveron que tomar a decisión de
pechar a porta por non ser quen de rendibilizar xa a súa actividade,
quedando sen traballo tanto elas coma as súas operarias”.
A de Lamas de Castelo xa era a última destas características que
seguía traballando en Carnota, e son poucas as que quedan na bisbarra.
Por iso dende o Concello aseguran que farán o posible para manter a
continuidade da iniciativa (aínda que sexa redimensionado) despois de
recibir, durante varios encontros, o pesar das traballadoras.
Aprovieta o Concello de Carnota para “denunciar que INDITEX, malia
presumir de abandeirar o tecido empresarial galego, en realidade está a
empobrecelo coas súas decisións tendentes a unha cada vez maior
deslocalización da súa produción en países do chamado terceiro mundo;
estas decisións empresariais só buscan un beneficio rápido e a calquera
custo, acabando cun sector puxante que empregaba a moitos miles de
persoas no medio rural galego, na súa inmensa maioría mulleres que logo
non dan atopado outra alternativa laboral”. (Qué pasa na costa, 16/10/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario