14/11/18

“Voltamos a Mazaricos para que a nosa filla saiba o que é vivir aquí”

"Que importante é que a Costa da Morte comece a recuperar toda esa xente válida que tivo que marchar a traballar fóra. Que importante para o desenvolvemento da nosa comarca, e a loita contra o envellecimento e a desertización das áreas rurais como a nosa. Por iso, exemplos como os de Silvia González Sieira e Marcos Alvite Barca deben ter máis protagonismo.

Silvia e Marcos vivían en Santiago, con todos os servizos dunha gran cidade, tanto en infraestruturas como en oferta de ocio. Pero decidiron voltar a casa. A Antes, Mazaricos. Aproveitando varias axudas de Fondos Europeos, e facendo unha forte inversión, deixaron as súas urbanas vidas para volver a terra.

Recuperaron unhas pequenas explotacións que apenas tiñan 20 vacas dispersas en varias leiras, e as convertinron nunha explotación con máis de 200 vacas, que produce arredor dos 6.000 litros de leite diarios (para Celta), que xera 5 postos de traballo. Postos de traballo de calidade, ademais.

”Temos unha filla de 3 anos e queríamos que ela vivise o que vivimos nós cando eramos nenos. Se non crece aquí ela nunca vai querer volver, pero se o vive despois xa ela decidirá se quere quedar ou marchar”, explica Marcos coa súa pequena granxeira.

“Non é o mesmo que antes, que eramos 800 nenos no cole de Mazaricos e agora hai apenas 80, pero vívese doutra maneira que na cidade”, valora.

Non todo é marabilloso, dende logo. “A verdade é que por agora temos un horario case de 24 horas os 365 días ao ano, que as vacas non collen vacacións. Pero ímonos acostumando e imos conseguindo bos traballadores que nos axudan a conciliar mellor a vida familiar e laboral”.

Botan de menos a vida social (“a maior parte dos nosos amigos están fóra, e ademais aquí non hai moita variedade que facer comparado con Santiago, a verdade”) e sobre todo lamentan a falta de servizos no rural, como a pediatra (apenas unhas horas ao día) ou internet.

Unha demostración, en todo caso, de compromiso ca súa terra, que fai boa a elección do lugar no que o Concello de Mazaricos quixo presentar a Semana Gandeira que se celebrará do 28 de novembro ao 2 de decembro. Por cousas coma estas, Mazaricos é toda unha referencia nacional en materia gandeira."                   (Que pasa na costa, 08/11/18)

No hay comentarios: