12/12/18

En Marea, dous modelos enfrontados que entraron de cheo na guerra psicolóxica

"O enfrontamento dentro de En Marea é total. A medida que se aproxima a fin de semana e e as votacións que decidirán a futura dirección deste espazo alternativo, crecen as disputas e tamén a intensidade no debate. O sector de Podemos, Eu e Anova e o de Villares e as mareas municipalistas tentan aproveitar ao seu favor as súas fortalezas e atacar ao rivais coas súas debilidades. E neste tirapuxa os dous bloques están entrando nunha loita psicolóxica.

A candidatura que encabeza o ex deputado David Bruzos e que está apoiada po Podemos, EU e Anova, ademais de polas grandes mareas da Coruña, Ferrol, Compostela e Ourense, insiste en suliñar a riqueza que supón que este proceso esté pivotado, precisamente, por sectores que foron e son, din, “os motores do cambio” en Galicia. Motores que alonxan de partidismos e que, aseguran, deixan as siglas de lado para apostar por unha mestizaxe de “activos e capitais políticos” que din, é o que lle dá valor a En Marea.

"El (Bruzos) quere construír mandando unha mensaxe de que aquí non sobra ninguén”, dicía este xoves Martiño Noriega para facer fincapé en que a súa lista, Entre Todas, xa está a xestionar o día despois do proceso. Ademais, reivindicaba que esta candidatura non pon sobre a mesa "un debate nominal, nin está a pór en cuestión liderados tan marcados como o que poida ter Luís (Villares)", suliñaba.

E, precisamente, o que a lista de Bruzos defende como “mestizaxe” é o que utiliza o sector de Villares para atacala. De feito, a mensaxe utilizada desde o minuto 0 pola candidatura ‘Coidar a casa’ denuncia un pacto de "cúpulas" dos partidos que estaría a “traizoar” a configuración do partido instrumental como espazo de adscrición individual. Un argumento que utilizan unha e outra vez tendo en conta que, precisamente, cando naceu en Marea era a condición de que non fora un espazo partidista nin de “reparto de cromos”.

UN REPARTO DE PASTEL?

O grupo de Villares, apoiado polo sector máis nacionalista do espazo e tamén pola gran maioría das mareas municipalistas, critica que Podemos, EU e Anova queiran, agora, “repartirse o pastel” de En Marea e facer del un “pequeno reino de Taifas”. E, como exemplo, poñen o que aconteceu na configuración da lista de Bruzos que non se pechou ata o último minuto, precisamente, porque cada partido e cada sector loitaba para “colocar aos seus”. E temen que se gañan, volva a pasar o mesmo, e tenten repartir En Marea en pedazos, “o cacho máis grande para Podemos e as migallas para o resto”.

Esa diferente concepción do espazo e o longo enfrontamento que manteñen distintos dirixentes dos dous grupos está provocando que a campaña sexa máis revirada e tensa que nunca, con insultos cruzados. Noriega lamentaba este xoves que Villares utilice "dinámicas de vella política" en campaña e o alcalde de Ferrol pedíalle que "deixe de dar voltas no lodo" por dar a coñecer o que era un segredo a voces no Grupo Parlamentario de En Marea, que a Podemos e a EU, ata agora, non lle interesaba tributar nin dar parte do seu salario a este espazo.

XOGO DE CIFRAS

E nesta guerra psicolóxica, o sector de Podemos, Eu e Anova está empregando un dato que din, é demoledor, para o sector de Villares; o aumento no censo de inscritos. Aseguran que nos últimos días foron 1.500 as persoas que se apuntaron para participar nas votacións. Uns inscritos, din, que son maioritariamente partidarios da súa lista e que se apuntaron, aseguran, logo da chamada que fixo o novo líder de Podemos, Antón Gómez-Reino, a participar do proceso.

E nestas contas da avoa mesmo se aventuran a dar un resultado; un 65% para eles e un 35% para Villares. Obviamente, estes resultados son ben diferentes se quen os analiza é a lista “Coidar a casa”. Cren que moitos dos que se apuntaron se decantarán por Villares porque din que, aínda que moitos proceden de Podemos, algúns son críticos coa lista de Gómez-Reino tras os duros enfrontamentos que tiveron lugar nas primarias de varios concellos galegos.

Pero tamén niso sacan peito os de “Entre Todas”. Se Carmen Santos, rival de “Tone” –líder de Podemos en Galicia—se sumou ao seu carro, “ese argumento cae polo seu propio peso”. “Simplemente se constituíu unha lista para mellorar a pluralidade de En Marea, polo que me sitúo a favor da candidatura que apoia a dirección –de Podemos—“, dixo para explicar a súa postura a ex líder deste partido.

Desde a lista de Villares son contundentes. “Son ben coñecidos os seus cambios de chaqueta. Habería que preguntarlle a Carolina Bescansa ou Íñigo Errejón que opina deste novo cambio de opinión”, apuntan desde esta lista.

DOUS MODELOS

Con todo, serán os inscritos --sempre e cando non se produzan escándalos como os do censo da pasada asamblea con xente que voto sen estar inscrita—os que decidan o futuro de En Marea. Un futuro que pasa por un modelo como o de Compromís, con capacidade de decisión propia para Galicia, que é o que quere o sector de Villares, ou un modelo como o de Adelante Andalucía, que está pivotado por Podemos e Izquierda Unida cunha visión máis estatalista do proceso.."             (Xurxo Salgado, Galicia Confidencial, 29/11/18)

No hay comentarios: