"A Xunta da Galiza coñece de vello as deficiencias da rede de centros
de maiores. Ao longo destes últimos anos, asociacións de familiares de
residentes, organizacións sindicais e forzas políticas téñense dirixido á
Consellaría de Política Social para facer chegar as súas queixas sobre o funcionamento destas dotacións.
Aínda en novembro do pasado ano, nunha comparecencia no Parlamento a
petición do BNG, a conselleira Fabiola García defendía o actual modelo
asistencial de atención á terceira idade e negaba as críticas da
oposición sobre a falla de medios materiais e humanos nos centros.
A conivencia do Goberno galego coa patronal privada das residencias é
evidente, segundo denuncian familiares de usuarias. O xornalista
Paulino Vázquez, presidente da Federación de Usuarios e Familiares das
Residencias (REDE), sinala a Nós Diario que “durante estes dous
últimos remitimos ducias de denuncias á Consellaría de Política Social
sobre a situación nos centros de DomusVi é ningunha delas foi aceptada. O
Goberno galego, en todos estes procedementos, non fixo ningunha
investigación, mesmo diante de feitos moi graves e limitouse a contestar
coa resposta da empresa”.
“A Xunta da Galiza non atende as queixas formuladas polas familias
das residentes e mira para outro lado diante as denuncias”, afirma a Nós Diario,
Francisco Vizoso, médico e un dos portavoces da Alianza Galega polos
Servizos Públicos para Maiores e Dependentes. “A conivencia da Xunta de
Galiza coa patronal das residencias privada é evidente”, continúa
Vizoso, moi critico co sistema galego de atención ás persoas maiores.
Denuncia que as residencias públicas “están sendo convertidas nunha
especie de gueto dirixido aos sectores máis empobrecidos da sociedade,
unha sorte de beneficencia, como os antigos asilos de anciáns”.
Alén da xestión da crise do coronavirus
O delegado sindical da CIG no comité de empresa de Política Social da
Coruña e traballador nunha residencia compostelá, Xoán Carlos Rodríguez
Ansía, considera que “a Xunta da Galiza tenta encubrir a súa propia
responsabilidade e a da patronal das empresas de servizos xeriátricos na
xestión da crise do coronavirus”. Ansía, en declaracións a Nós Diario,
pon de manifesto “o perverso modelo de funcionamento das residencias e o
saqueo dos servizos públicos en beneficio das entidades privadas, en
mans de fondos de investimento que actúan movidos polo lucro”.
Os beneficios das residencias privadas son moi elevados.
Os números declarados polos grandes operadores non sorprenden tendo en
conta as axudas públicas polo réxime dos concertos e as tarifas pagadas
polas usuarias. Segundo Francisco Vizoso, “na cidade de Vigo os prezos
oscilan entre os 1.950 e os 2.312 euros da residencia DomusVi-O
Barreiro, os 2.387 e os 4.358 euros da residencia de Sanitas e os 1.950 e
os 3.100 euros de Ballesol”.
A Xunta olla para outro lado
O Goberno galego non exerce a súa función de tutela das condicións de
vida das residentes dos centros da terceira idade. Segundo información
achegada a Nós Diario, os propios membros dos servizos de
inspección da Consellaría de Política Social quéixanse advirten de que
actas levantadas nalgunhas residencias polo seu funcionamento irregular
son arquivadas, atendendo ás indicacións das responsábeis políticas. As
asociacións de familiares de residentes tamén denuncian a falla de rigor
no labor de inspección da Administración galega e vincúlana ás
relacións entre a patronal das residencias privadas e o Executivo de
Alberto Núñez Feixoo.
“A inspección que debe garantir o funcionamento correcto dos centros e
o cumprimento dos protocolos estabelecidos pasa do tema”, di Paulino
Vázquez, quen lamenta a falla de vontade política e a “ausencia dunha
lei de residencias, tal é como demandamos desde a Federación REDE”. A
este respecto, lembra que durante todos estes anos de loita “o Instituto
Galego de Consumo é o único organismo público que nos dá a razón nunha
denuncia nosa, concretamente pola negativa do DomusVi do Barreiro a
deixarnos facer uso do libro de reclamacións”.
Francisco Vizoso ten a mesma consideración sobre o labor de
inspección da Xunta da Galiza. “A inspección pasa de todo. As familiares
das residentes levan todos estes anos presentando queixas e denuncias
sobre a situación dos centros e dos incumprimentos das condicións por
parte da dirección das residencias.
Porén, a administración mira para
outro lado. O nivel de complicidade do Goberno galego e da patronal das
residencias privadas chega até o punto de que esta é advertida con
anterioridade da visita da Inspección para evitar a sanción e, unha vez
superada a mesma, o problema continúa sen resolver”, revela.
Vizoso ve a man da patronal das residencias privadas tras a decisión
do Goberno galego de pór en marcha os centros integrados para usuarias
afectadas por coronavirus.
“Esta alternativa non permite atender
correctamente o paciente por falla de medios materiais e humanos pero, a
maiores, non é eficaz no combate contra a epidemia. Pódese trasladar
unha doente pero quedan o resto infestadas, cuxos síntomas van
manifestarse nos días seguintes. Até o de agora son relativamente poucos
casos porque lle fixeron tests a moi pouca xente pero cando se fagan
masivamente, a cousa vaise desbordar”, conclúe Vizoso.
21 mil residentes, á espera da proba
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciou onte
tests masivos nos centros de maiores da Galiza para determinar o número
de persoas afectadas por coronavirus. A medida, anunciada após
confirmarse o contaxio de 346 usuarias e 111 traballadoras,
responde á “decisión de darlle prioridade aos tests de diagnóstico nas
residencias da terceira idade da Galiza”. Nesta liña, a Xunta fixo
público un protocolo de servizos asistenciais en residencias, onde
recolle medidas que xa viña aplicando nos últimos días.
Antón Gómez-Reino, candidato á presidencia da Xunta por Galiza en
Común, denuncia a “perversidade” do sistema deseñado polo Goberno de
Feixoo para a atención das persoas maiores, que supón “desmontar un
modelo de coidados para implantar un modelo de negocio”. Di que supón un
risco para a saúde dos usuarios. Gómez-Reino esixiu no día de onte a
comparecencia da conselleira de Política Social ante a Deputación
Permanente do Parlamento para que explique a situación das residencias,
unha solicitude que tamén formulou o BNG, a través da súa portavoz, Ana
Pontón.
“Temos unha situación dramática de alarma social nas residencias e
por iso é urxente esa comparecencia”, sinalou Pontón, quen considera
necesario “reforzar a atención sanitaria, a realización de test masivos e
o envío de material de protección”. Todo, engadiu, co obxectivo de
anticiparse á extensión do virus. “Estamos vendo casos de contaxio
masivo nas residencias sen que o Goberno achegue medidas eficaces ante
unha situación que era previsíbel”, salientou." (Xacobe Ferreiro, Nós, 01/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario