20/12/18

O persoal sanitario vetado polo PP no Parlamento: "Non queremos mortes baixo a nosa responsabilidade"

"A emotividade que marcou a intervención de Manuel Pereira ante os grupos da oposición galega estivo tamén moi presente no discurso do doutor Eduardo Díaz, médico nos PAC dende o ano 2009. Naquel ano, "co cambio de goberno", lembra, "instauráronse prácticas" como "non substituír ausencias" de persoal médico. Ese, asegura, foi o xermolo para que "ao non substituíren, moita xente" anotada nas listas de persoal do Sergas "optase por buscar traballo noutro lado".

Ante a carencia de persoais, relatou, os que seguen nos servizos de Atención Primaria do sistema público galego vense "sobrecargado". Sirvan como exemplo, citou, "un pico de 127 pacientes por médico nunha garda de 24 horas ou 109 citados nunha soa consulta de mañá para un só médico nun centro de saúde da provincia de Pontevedra". El mesmo, admite, decidiu "renunciar a exercer consultas" por mor da sobrecarga e, cando en 2015 regresou tras se presentar ás correspondentes oposicións, "as carencias eran as mesmas".

Os PAC, detalla o doutor Díaz, son a mellor mostra da saturación do sistema. "A xente vén aos PAC a resolver o que non poden resolver nas consultas das mañás" porque "non está o médico, non está substituído, non lle dan cita ata dentro dunha semana ou non hai pediatra". E diante das evidencias, reprocha, "as únicas solucións" dende a Consellería "veñen sendo parches" con ofertas ao persoal médico que non o sacan da precariedade."                    (David Lombao, Praza Pública, 17/12/18)

No hay comentarios: