19/12/18

"Non é que non haxa médicos, senón que non hai médicos que queiran estar nas listas de contratación do Sergas"

"- Esta dimisión conxunta é unha evidencia das políticas realizadas nos últimos anos con respecto á sanidade pública?

- Estas dimisións non se dan dun día para outro. Levamos dende antes do verán en conversas cos xefes de servizo. Pero en realidade a situación de crise da atención primaria é unha situación que ven realmente dende que o Partido Popular comezou a tomar medidas. Concretamente, dende o ano 2009 en que botou abaixo un acordo, que se chamaba Plan de Mellora da Atención Primaria.

 Neste plan, por primeira vez se establecían criterios de planificación de recursos humanos e materiais que estaban relacionados con rateos de persoal. É dicir, a tanto número de pacientes e usuarios precisamos tanto número de profesionais.

A partir de aí estamos vivindo unha situación de falta de recursos que se acentuou nos anos posteriores co número de xubilacións que foron producíndose. Por exemplo, dende o ano 2012 até o 2017, xubiláronse 333 médicos de familia, e como con anterioridade ao 2016 só se podía cubrir o 10% da taxa de reposición o que houbo foi un ERE encuberto na sanidade pública.

- Por que estes problemas danse especialmente na área de Vigo?

- Na área de Vigo por exemplo, o que se chama a Reforma da Atención Primaria, que pretendía cambiar de modelo de ambulatorios para o modelo de centros de saúde, non se implementou.

Permaneceu o modelo de ambulatorios durante moito tempo polo que non se fixo un desenvolvemento axeitado desta reforma.

 Agora somos herdeiros deses déficits históricos que arrastramos. Entón nos atopamos con que temos uns rateos peores, unha presión asistencial maior e que ademais a apertura do Cunqueiro non supuxo unha mellora na relación entre atención primaria e atención hospitalaria, senón todo o contrario.

Supuxo unha barreira de acceso máis importante para as consultas de atención hospitalaria: os médicos de atención primaria só poden remitir pacientes ao hospital a través de teleconsulta e iso dificulta moitísimo o acceso e a derivación dos pacientes.

Con esas demoras o paciente ten que vir máis veces a atención primaria, entón iso sobrecarga aínda máis as consultas e fai que teñamos que ver peor aos pacientes e polo tanto que resolvamos menos problemas o que fai que indirectamente acaben chegando máis pacientes ás urxencias do hospital. Isto é un círculo vicioso que se da na área de Vigo especialmente e que se agudizou nos últimos dous ou tres anos pola falta de personal para facer subsitucións, non porque non haxa médicos, senón porque non hai médicos que queiran estar nas listas de contratación do Sergas.

Están sometidos a unhas condicións de contrato que son dificilmente soportábeis. Na área da Coruña non se da esta circunstancia de dificultade de derivación, alí poden derivar pacientes á atención hospitalaria con consultas ordinarias, ausentes ou preferentes.

- Cales foron as conclusións da reunión que tiveron os xefes de servizo?

- Na reunión formal dos xefes de servizo con médicos dos centros de saúde e persoal de atención primaria, os xefes de servizo comunicaron as razóns da súa dimisión. No seu escrito asinado din que non queren ser cómplices dunha situación da que non son responsábeis e na que non se tomou ningunha medida para corrixila.

Agora vaise convocar unha reunión cos médicos de familia tamén para ver cal será o seguinte paso, porque os xefes de servizo xa expuseron os seus motivos e é a administración quen ten que tomar unha decisión. O triste da situación é que o que fixo o xerente de Vigo foi ningunear a situación dicindo que todos os motivos que alegaban os xefes de servizo non eran certos, desacreditando a profesionais recoñecidos polos compañeiros e sobradamente comprometidos co sistema sanitario público que levan 30 anos coma xefes de servizo.

 É bastante triste e penoso que o xerente, que é interino e que vai marchar desta área, teña esta actitude cara ás demandas dos profesionais, non é ningunha boa sinal e polo tanto é probable que se organicen algunhas medidas de presión a maiores. 

- Cales son as medidas que se propoñen para revertir a situación?

- Hai unha cousa que é elemental: a atención primaria existe no sistema, é dicir, hai centros de saúde, puntos de atención continuada, médicos de familia, pediatras, odontólogos, auxiliares e administrativos que traballan nesta estrutura e non obstante non existe unha estrutura de xestión da atención primaria.

Agora todo está xestionado por unha macroestrutura que se chama EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada) que supostamente xestiona conxuntamente hospital e atención primaria. En realidade, supuxo a desaparición das estrtuturas de xestión de primaria, entón a atención primaria xa non xestiona un orzamento propio nin os seus recursos humanos, senón que depende do que decida a EOXI, que o que está a facer é derivar os gastos todos para o hospital.

 Especialmente, na área de Vigo, onde temos un hospital directamente privado, que é o Povisa, e que atende a unha parte importante da poboación e outro, o Álvaro Cunqueiro, que tamén é privado aínda que esteamos de aluguer, o que se leva moitos cartos que son necesarios para a sanidade pública.

Entón, a EOXI o que está e desviando os cartos para as estruturas hospitalarias e para pagar os custes da privada, descapitalizando así a primaria. En segundo lugar é fundamental tamén que xunto con esas estruturas que pedimos para a atención primaria, exista un orzamento propio da primaria de xeito que permita incrementar aos profesionais que temos con contratos estabéis. Non pode ser que se temos necesidades estruturais se estean cubrindo con contratos encadenados.

E por iso os médicos de familia non queren estar nas listas de contratación e se buscan a vida para traballar noutros sitios. E non obstante, cando se convocan oposicións, opositan case 1.000 médicos de familia para 200 prazas, polo tanto médicos de familia dispostos a traballar no Sergas hainos, o que pasa é que hai que ofrecerlles contratos dignos."                          (Laura Vega, Sermos Galiza, 18/12/18)

No hay comentarios: