18/2/19

Arqueiros profesionais abaterán os xabarís na contorna de Lugo


  Xabarís no barrio da Piringalla | Javier Serén

"O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, informou este martes da aprobación do “primeiro protocolo” implantado na comunidade autónoma para tentar controlar a poboación de xabarís no entorno periurbano. O acordo, ratificado no transcurso da comisión na que participan a administración galega e o Concello de Lugo, inclúe a realización de esperas nocturnas con arqueiros profesionais.

A preguntas dos xornalistas, Balseiro gabou a redacción e posta en marcha do protocolo, deseñado en colaboración con todas as entidades presentes na comisión: a Xunta, o Concello, FFCCSE, sindicatos agrarios, cazadores e expertos do eido universitario. Ademais da colocación de gaiolas trampa nos lugares de paso dos xabarís, arqueiros profesionais emboscarán pola noite os exemplares que traspasen a zona periurbana, onde as armas de fogo están prohibidas.

O delegado territorial precisou que a ubicación das esperas nocturas será manexado coa “máxima discreción”. De difundirse a localización, a presencia de curiosos en combinación do fino olfato do xabaril podería desbaratar o plan.

Balseiro confía en seguir contando “coa colaboración do Concello de Lugo” malia que neste intre “só se completou o 30 por cento dos desbroces” indicados polos técnicos da Xunta, polo que os xabarís seguen a contar con lugares nos que encamar na contorna da cidade. “É un problema que afecta a todas as administración e é precisa a colaboración de todos. É un problema excepcional, por iso aprobamos un protocolo excepcional, o primeiro en Galicia”.                (Xornal de Lugo, 12/02/19)

"Aumento de accidentes con cinco puntos chave.

 Dende 2017 aumentou un 30 por cento o número de accidentes relacionados con fauna cinexética nas estradas de Lugo, contabilizando 187 só en 2018. O estudo sinala que as estradas máis afectadas son a N-640 cara a Meira, á altura de Teixeiro, con 21 accidentes nun tramo de 2 km; a estrada da Fonsagrada LU-530, con 13 accidentes nun tramo de 4 km.; a A-6 á entrada de Lugo pola Fonsagrada, con 10 accidentes en 3 km.; a A-54 a Santiago, con 8 accidentes en 3 km,: e a N-VI, na contorna do Pazo de Deportes, con 4 accidentes en menos de 1 km.

O Concello identifica as zonas de Lugo con máis accidentes polo xabaril.

O Concello de Lugo presentou un estudo de treitos de concentración de accidentes relacionados co xabaril, co que agardan forzar á Xunta de Galicia a reaccionar e adoptar un plan de xestión. A alcaldesa Lara Méndez explicou que a necesidade do estudo quedara determinada polo goberno autonómico, mais a “deixación de funcións” obrigou a que fose o consistorio o que realizara por conta propia o informe.

Durante a comparecencia, a rexedora cominou o executivo galego a tomar “con carácter de urxencia medidas para controlar as poboacións” do xabaril. No Concello entenden que, logo de presentar o estudo dos accidentes –en poder dos técnicos da Xunta–, a administración autonómica “xa non ten escusa” para non adoptar medidas sobre este problema con “prexuízos económicos gravísimos”.

Así, Méndez recriminou a inexistencia dunha “planificación real” sobre a especie, así como o feito de que a Xunta deixara caer a responsabilidade sobre os concellos “sen abordar a situación”. “O único que fixo foi enviarnos catro mapas que recollen os terreos cinexéticos”, nos que constan 3.019 hectáreas de zona de exclusión da caza, e 2.085 de chan rústico e 1.700 de propiedade privada nos que o goberno local non pode actuar salvo con risco de incendio.

Este martes, as dúas administracións manterán unha reunión de traballo. Sobre o estudo, que permite inferir “onde están os xabarís, os sitios de pasada e onde dormen”, a alcaldía esixirá que a Xunta determine as zonas de actuación e active a coordinación entre os distintos departamentos. Tamén está sobre a mesa pedir unha campaña de comunicación para trasladar á poboación como actuar e os riscos que presenta o xabaril, con énfase na saúde pública."            (Óscar Benárdez, Xornal de Lugo, 11/02/19)

"A Xunta instalará gaiolas en Lugo para atrapar xabarís nas zonas de paso.

 A instalación das gaiolas realizarase nos días vindeiros, priorizando aquelas zonas de paso de xabarís nas que a lexislación impide usar armas de fogo. No espazo urbano está prohibida así mesmo a persecución con cans. Os especialistas da Xunta xa entregaran ao Concello de Lugo un mapa que sinala as goridas do porco bravo na contorna da cidade.

En base a ese documento, o executivo local confirmou o inicio dos traballos de roza en leiras de titularidade pública. Aliás, dende a alcaldía lembran que a disuasión é competencia da Xunta de Galicia, e sitúan a “planificación do monte” na orixe do problema."      (Xornal de Lugo, 21/01/19)

No hay comentarios: