14/2/19

Persoal de Urxencias do Clínico de Santiago pide amparo á xustiza ante un novo "colapso"

"Este luns ao mediodía chegou a haber 19 pacientes; sobre as catro da tarde eran 13 as persoas clasificadas para entrar nos cubículos pola súa situación e que estaban agardando nos corredores”, explica Nercellas, que enviou --como no día no que trasladou á Fiscalía o caso das mortes-- un correo advertindo á xerencia do Sergas e a dirección da área sanitaria do problema e da necesidade de abrir espazos para a atención. 

Ante a falta de resposta, decidiu pedir amparo á xustiza porque “non se pode explorar unha persoa enclaustrada no corredor”. “Adoitan dicir que minto e iso non é certo”, explica ante o rexeitamento de Sanidade ás súas denuncias.

A petición de amparo chega cando a folga semella achegarse ao seu final logo de catorce semanas. A asemblea de traballadores celebrada este luns debateu a última proposta da xerencia e a comisión de centro acordou presentar unha última contraoferta na que se acepta a dotación de profesionais pero reclamando dous médicos máis dos dous que propoñía a dirección. Tamén se solicitará un maior detalle e concreción no que ten que ver coa apertura de diversas zonas en caso de aumento da demanda asistencia, así como da dotación de medios e persoal de enfermería, auxiliares e médicos nelas.

Será o mércores cando a xerencia e os traballadores debatan esta última proposta para poñer fin á folga convocada pola comisión do centro. Podería ser o final deste paro, aínda que polo momento o que seguirá será o convocado para os médicos polo sindicato O’Mega.

O cadro de persoal deste colectivo está formado por 40 profesionais e coa folga reivindicaron 47 para facer as quendas, aínda que con posibilidade de rebaixar o número para chegar a un acordo. Ademais, prevén que se contraten máis traballadores fixos xa que hai oito máis non fixos que o Sergas contrata para cubrir ausencias.

Os médicos aceptarían agora catro profesionais máis pero sempre que lles concreten a presenza real e o número de interinidades para que os postos sexan estables, ademais de non traspasar a “liña vermella”: “Teñen que protexer a saúde laboral”.                  (Miguel Pardo, Praza Pública, 12/02/19)

No hay comentarios: