24/5/19

“Éxito” do paro en PSA Citroën contra a sobrecarga de traballo, malia os “esquiroles”

"Os sindicatos e os traballadores cualifican de “éxito” os paros de dúas horas convocados nas tres quendas (mañá, tarde e noite) en PSA Citroën este xoves, e que continuarán o próximo mércores, agás cambios na postura da dirección.

Os paros detiveron a planta “por completo”, segundo os sindicatos, que anunciaron a convocatoria dunha nova folga para o próximo día 22 na que se interromperán as xornadas durante catro horas.
En concreto, os sindicatos convocaron os paros de 12,00 a 14,00 horas para a quenda de mañá, de 14,00 a 16,00 horas no grupo de tarde e de 22,00 a 00,00 horas na xornada nocturna.

O seguimento para o primeiro dos paros deste xoves foi fixado polos sindicatos entre un 80 e un 90 por cento e nun 15 por cento pola empresa.

O delegado de Comisións Obreiras no comité de empresa, Santiago García, asegurou que, durante os mesmos, “a planta parouse por completo”, así como que, se se produce unha mobilización similar nas demais quendas, poderían deixar de producirse uns 600 automóbiles en toda a xornada

Ademais, PSA recoñeceu que houbo “perturbacións importantes na actividade (da fábrica)”.
Convocados por UGT, CC.OO. e CIG, e co apoio a última hora da CUT, os paros responden á “negativa” da empresa de dar resposta ás súas demandas, que xa esixiran durante un peche na fábrica que levaron a cabo os delegados destes sindicatos a semana pasada.

Os paros están xustificados, segundo os representantes dos traballadores, pola “sobrecarga de traballo” na liña de montaxe M2 e a “lamentable situación de saúde laboral” dos empregados.

“Hai máis carga de traballo, menos persoal e salarios máis baixos”, denunciaban ás portas da factoría, en declaracións a Xornal de Vigo, este xoves, varios empregados que secundaron o paro da quenda da mañá.

Tamén critican a política de empresa que establece “quendas de trece horas” para traballadores eventuais contratados para as fins de semana, e aos que, din, “tamén chaman a traballar entre semana coa ameaza de que se non acoden non os renovan”.

Pola súa banda, a empresa lembrou que está convocada unha reunión da mesa de diálogo para o próximo día 24 de maio e acusou aos sindicatos de manter unha postura de confrontación “inxustificada”. Así, lamentou que se aposte por “alimentar o conflito” en lugar de “buscar acordos a través dun diálogo construtivo” co “dano” que iso leva para “a imaxe da fábrica”. 

“IMPORTANTE SEGUIMENTO”, MALIA O “BOICOT”

Os traballadores falan dun “importante seguimento” dos paros, malia que algúns denuncian a mobilización de “esquiroles” para suplir na cadea de montaxe aos que secundan a folga parcial. E algúns sinalan directamente ao sindicato amarelo SIT (Sindicato Independiente de Trabajadores).
Con todo, este intento de “boicot” –como o cualifican fontes consultadas por este xornal– non conseguiu frear un paro considerado “histórico” por algúns dos traballadores que o secundaron.

“Hai moito tempo que non viamos unha mobilización e unha unión así dos traballadores”, din varios veteranos da cadea de montaxe, que denuncian que “hai xente que entra para cubrir eses postos que deixamos”.                       (Xornal de Vigo, 16/05/19)

No hay comentarios: