"A chegada do actual alcalde da Coruña a María Pita mudou o tradicional
mapa de reparto de actas na Galiza. Xulio Ferreiro á fronte da Marea
Atlántica obtivo 10 actas e o bastón de mando da cidade. En poucos días
Ferreiro afronta o reto da reelección nun concello onde todo apunta a
que o vindeiro goberno será plural e asentado en pactos entre distintas
forzas. Ferreiro coñece ben a cidade. Naceu no barrio dos Mallos,
estudou no Instituto Rafael Puga Ramón e actualmente vive na Gaiteira. É
profesor titular de Dereito e maxistrado suplente da Audiencia
Provincial de Lugo, ademais de socio e seareiro do Dépor. Responde por
correo electrónico o cuestionario para Sermos Galiza.
Que valoración fai do seu mandato?
Foron catro anos positivos para A Coruña, nos que se iniciou un
cambio de modelo de cidade moi necesario. A Coruña ten hoxe unhas
prioridades sociais claras, unhas políticas que buscan a cohesión social
de maneira transversal, desde un urbanismo integrador, que aposta pola
accesibilidade universal e se reparte nos barrios, até a aposta por unha
economía sostíbel e innovadora.
A Coruña é hoxe unha cidade que ten como preocupación as persoas e a
creación dun contexto máis amábel e vivíbel. Temos un modelo de
mobilidade máis sostíbel e diverso, máis europeo, que prioriza o
transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé, e temos claras
as prioridades para naturalizar a cidade e aportar o noso gran de area,
o noso esforzo, no combate global contra o cambio climático.
Creo que hoxe A Coruña é unha cidade puxante, na que pasan cousas e
tamén un lugar que hoxe é máis xusto e que o será aínda máis nos
vindeiros anos, cando a Marea Atlántica afonde neste cambio de modelo.
De todas as medidas que impulsou, cal salientaría e por que?
Dicir que é moi difícil escoller unha non é un tópico neste caso.
Estou moi orgulloso de moitas cousas que fixemos e todas son
importantes, cada unha no seu ámbito. Estou orgulloso de vivir na
primeira cidade do Estado que crea unha renda social municipal, tamén de
ser o primeiro goberno que en 30 anos loitou e conseguiu baixar o prezo
do bus urbano e que sexa gratis para menores de 13 anos, da extensión
do carril bici, do Plan de Vertido Cero na nosa ría e de ter plantando
máis de 1.500 árbores, ou das canles de participación cidadá abertas
nestes catro anos, entre outras.
Todas estas foron medidas moi positivas para a cidade, que se notan
no día a día. Pero tamén hai outras, como evitar a bancarrota á que nos
levaba a chapuza do Conde de Fenosa, e que suporía deixar de prestar
algúns servizos públicos esenciais, vender patrimonio público e subir os
tributos locais, ou a batalla que estamos a dar para que o porto da
cidade sexa terreo público, aberto ao uso e ás necesidades dos coruñeses
e das coruñesas. Cousas que supuxeron un traballo inxente para este
goberno e que son máis difíciles de palpar no día a día da veciñanza.
Que dificultades enfrontou estes catro anos o seu concello?
Atopamos un concello con graves necesidades de persoal. As políticas
de restrición que impuxo o goberno do Estado crearon moitísimos
problemas para manter e estender os servizos municipais e iso foi un
freo para moitos proxectos e unha sobrecarga para o cadro de persoal
actual.
Padecemos, ademais, unha oposición moi pouco construtiva, que puxo
trabas á aprobación de tres dos catro orzamentos do mandato, e un
contexto político que levou ao bloqueo por parte da Xunta e do Estado de
actuacións esenciais para A Coruña, como a reforma de Alfonso Molina, a
estación intermodal ou a conexión ferroviaria ao porto exterior, por
exemplo, que repercuten directamente na cidadanía.
Como valora o papel da oposición?
O non polo non. Creo que lles faltou valentía, e algo de imaxinación
política. Foi moi complicado chegar a acordos co PSOE, que se empeñou en
poñerse á altura do PP local e co que por momentos foi difícil a
interlocución, con tantos cambios na portavocía e viraxes nas súas
posicións.
O PP coruñés fixo o que despois fixo o novo PP de Pablo Casado: unha
oposición disparatada, agresiva, sen límites nin respecto ningún. Unha
oposición ao goberno e á cidade, que se prolonga en cada administración
na que goberna, e que non dubida en acusar de maneira falaz ou
xudicializar a vida política, a pesar de que sabe que alí tampouco atopa
a razón. Supoño que é a estratexia de quen carece de modelo e de
proxecto para a cidade. Pero xa está vendo que nin así teñen resultados.
Cal é a principal necesidade do seu concello?
Temos que seguir avanzando no modelo de cidade posto a andar neste
mandato, en contraposición co modelo de negocio que propoñen outros. A
necesidade é poñer as persoas no centro, o que significa que imos seguir
poñendo en marcha medidas que teñan fondo social.
Temos dez retos que van marcar toda a acción do goberno e que van no
sentido dos grandes desafíos globais: a vocación de liderado, a
mobilidade sostíbel, a loita contra o cambio climático, a innovación, a
igualdade de xénero, a xustiza social, os coidados, a cooperación, o
dereito á cidade e o poder da proximidade, que é a capacidade para sacar
adiante un proxecto de convivencia, máis alá das competencias concretas
que ten unha administración pública como a local, e o reto de resolver
os problemas que outras administracións son incapaces de ver, ou ben non
queren atender. Para todos eles propoñemos medidas claras e eficaces.
En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato?
Hai moitos proxectos clave que a nosa cidade precisa e que non poden
concretarse sen a colaboración do resto das administracións. Por iso
anunciei na presentación do programa de goberno que cando rematen as
eleccións as sentaremos nunha Mesa Permanente de Cooperación e tamén que
reuniremos os principais actores sociais e económicos da cidade nun
Consello da Cidade. Tamén iniciaremos os procesos para dar cumprimento a
medidas sociais clave como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3
anos."
(Entrevista a XULIO FERREIRO, CANDIDATO Á ALCALDÍA DA CORUÑA. MAREA ATLÁNTICA, Sermos Galiza, 10/05/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario