"A Igrexa Ortodoxa en Galicia podería ter un número de seguidores arredor dos 800 ou 900, se se fai caso aos datos que ofrece o IGE
sobre inmigrantes procedentes de países onde esta fe é maioritaria.
Mais a enquisa só rexistra a Rusia, Ucrania, Rumanía e Bulgaria como
lugares de procedencia de potenciais comunidades ortodoxas.
Tamén
habería que ter en conta galegos e galegas que se converteran a esta fe,
outras nacionalidades, como os gregos, e coñecer o número real de
practicantes que asisten ás eucaristías. En Galicia existen tres parroquias, a máis recente delas é a de Lugo que atende sobre todo a comunidade romanesa. Despois están as de Coruña e Vigo.
PUNTOS DE DIFERENCIA
A eucaristía ou misa ortodoxa non ten grandes diferenzas con respecto á
católica romana. “As partes principais son as mesmas, veñen dos
primeiros ritos cristianos, o caso é que todo está cantado e a misa é máis longa, unha hora e media”. Quen explica isto é Radu Iacob, sacerdote da parroquia ortodoxa de Lugo.
As igrexas ortodoxas son igrexas nacionais, non hai unha cabeza universal como
no caso do catolicismo co Papa ou bispo de Roma. “Cada país ten o seu
patriarca, por tanto o idioma da misa é o do país normalmente”. Tamén
hai igrexas ortodoxas en linguas como o árabe, sobre todo situadas en
Oriente Medio.
Os curas ortodoxos poden estar casados, mais deben
estar casados antes de seren ordenados sacerdotes. No caso contrario non
poden casar durante o seu sacerdocio. En tal caso, é unha elección
libre de cada un. Un dato curioso é que no século XVIII un grupo de sacerdotes ortodoxos gregos creou un cisma e aceptaron ao Papa de Roma como o seu pontífice. Aínda así, conservaron as tradicións da igrexa ortodoxa, mesmo o dereito a estaren casados. É dicir, hai curas católicos casados, aínda que non se saiba moito.
En Rumanía considéranse crentes ortodoxos o 80% da poboación sinala
Radu. “Mais cando é participar nas celebracións nas igrexas son menos,
andarán sobre o 5%”. Sendo igrexas nacionais, o estado axuda á igrexa
ortodoxa? “Non coñezo agora mesmo a relación entre o estado e a igrexa
ortodoxa, si que é certo que o estado axuda a todas as igrexas recoñecidas”.
Os salarios dos sacerdotes dependen das achegas do estado, logo os
sacerdotes poden aumentar o salario se a parroquia ten fondos para
pagarlles ata un determinado límite.
VOCACIÓN E ESTUDOS
Os estudos para ser sacerdote son catro anos no caso de Romanía. Logo
están os anos na facultade de teoloxía, que serían outros catro. No caso
de Radu Iacob, os seus estudos no seminario “eran horas sobre liturxia,
pastoral, tamén algunhas horas laicas, como lingua romanés, matemáticas
e outras, só que agora os cambios no currículo aumentaron as horas de
materias laicas”.
“Coa miña familia ía de peregrinaxe desde moi pequeno visitanto
mosteiros, a partir de aí foime gustando a vida espiritual” di Radu. Esa
vida espiritual foi o que animou a este romanés a seguir o camiño do
sacerdocio. “Eu decidín seguir este camiño un ano antes de ingresar no seminario, para a miña familia foi unha noticia que non lles costou asumir”.
O número de vocacións tamén está diminuíndo no caso desta Igrexa.
“Cando eu entrei había dous sacerdotes para cada praza, mesmo había
casos de cinco ou máis candidatos por parroquias, polo que sei que agora
mesmo o número está baixando” di Radu. Cousa curiosa é que non se
poden ordenar sacerdotes se non teñen unha parroquia.
CELIBATO VOLUNTARIO
Actualmente Radu ten muller e tres fillos. Coñeceu á súa muller cando
xa vivía en España nunha igrexa ortodoxa romanesa. As familias xa se
coñecían e logo casaron. O bispo que dirixía a diócese onde estaba Radu
faloulle de ordenarse. “A miña muller e eu pensámolo durante unha semana
e finalmente ela deume o seu apoio”. O papel da muller é moi importante para o sacerdote,
“algúns din que é o 50% do traballo parroquial é cousa da muller” di
Radu. "Ás veces hai xente que se sorprende de ver un cura con sotana
acompañado dunha muller e nenos".
O salario dun sacerdote non é abondo para vivir. “Estou nunha parroquia misioneira, o meu non é un salario como en Romanía, recibimos unha axuda mensual desde o meu país,
mais non é abondo para vivir”. Para complementar os ingresos Radu ten
traballado sobre todo na hostalaría e en empresas de turismo.
Actualmente a parroquia que leva Radu abrangue as provincias de Lugo e
Ourense. Segundo este sacerdote en Galicia había 9.000 romaneses
rexistrados, no caso da súa parroquia descoñece o número real de persoas
que poderían estar dentro da súa demarcación. “A media de persoas que acoden á misa anda sobre as 30 ou corenta persoas”.
Ás veces acoden persoas doutros países “recibimos a un búlgaro e hai
pouco batizamos a filla dunha parella xeorxiana, sei que hai máis, como
rusos ou ucranios, é posible que non veñan ao pensaren que só oficio en
romanés”. Radu engade que tamén fai celebracións en español para as persoas doutras nacionalidades.
En caso de que unha persoa queira converterse á fe da igrexa ortodoxa,
se a persoa é católica romana, non é batizada, porque o rito católico é
recoñecido como válido, porque está feito baixo a Trinidade, o mesmo
sucede con algunhas igrexas reformadas. “O que si facemos é a
confirmación”.
Os ortodoxos son unha comunidade moi pequena en Galicia ademais de
estar fragmentada segundo as nacionalidades de procedencia. Estímase que
a comunidade máis numerosa é a romanesa. Como o celibato é algo
voluntario, ás veces á xente de países católicos onde non houbo presenza
ortodoxa anteriormente, lle choca ver un sacerdote con sotana
acompañado dunha muller e nenos ata que explican a súa condición
sacerdotal." (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 27/01/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario