"A incidencia do coronavirus en residencias propiedade de DomusVi fixo
que a Xunta de Galicia interviñese en dúas delas, a de Cangas e a de
Barreiro en Vigo. A administración galega poñía medios e persoal para dúas residencias que se converteran en focos de contaxio,
co risco de afectar a maiores que aínda non estaban contaxiados e ao
persoal que os atendía.
A intervención levada adiante desde Santiago
incluía tamén levar anciáns non contaxiados a unha residencia en Nigrán.
Mentres tanto, as traballadoras de varios centros de DomusVi denuncian
tanto un “caos” laboral como de atención nos seus lugares de traballo.
CLÁUSULAS DE CONFIDENCIALIDADE
As traballadoras de DomusVi veñen queixándose desde hai tempo das
condicións en que traballan ademais do pouco persoal para a atención a
maiores. Isto levou a unha serie de mobilizacións e de presentación
tanto de queixas como denuncias. Mentres, en paralelo, familiares de
persoas usuarias tamén denunciaban o trato que recibían persoas
ingresadas nestas residencias.
Todo acabou de complicarse cando comezaron a aparecer os primeiros casos de coronavirus. Así, “cando se fixeron os primeiros tests na residencia de Aldán, en Cangas, deron 120 poisitivos na residencia” di Sonia Jalda, portavoz de TReGa, (Traballadoras das Residencias de Galicia). “Prohibiran falar fóra do centro sobre quen estaba enfermo e quen non, iso en todas as residencias”.
A prohibición xa había tempo que se aplicaba segundo explican fontes de TReGa. “Sempre se fixo o da cláusula de confidencialidade para as traballadoras, así teñen todo atado” di
Sonia Jalda. Non obstante, a confidencialidade segundo denuncian tamén
desde TReGa, non se aplica a todos os sectores da empresa. “A mutua
aseguradora pasa os informes clínicos aos xefes e así que teñen toda a
información sobre ti, mais a ti non che din todo”.
Con todo, as traballadoras denuncian que “nas residencias onde hai contaxios é un caos, en Aldán e Barreiro, antes da intervención (da Xunta) quixeron separar os contaxiados dos que non estaban para zonas concretas”. Con
anterioridade aos resultados dos tests de coronavirus non se tomaran
medidas, agora “os residentes están confinados nos seus cuartos, antes
non había medidas de protección”.
CONDICIÓNS LABORAIS
“Na residencia onde estou intentan extremar as condicións de hixiene
mais seguen sen material axeitado” sinala Maribel Barreiro. “Noutras
residencias, como en Ribadumia, fixeron asinar ás traballadoras un
documento onde constaba que recibían as máscaras cirúrxicas e que as
tiñan que reciclar durante dez días” di Barreiro. Esas máscaras
son de papel o mesmo que as batas verdes para cubrir o corpo. “Algunhas
das traballadoras levan as súas propias máscaras de tea”. O que parece
non faltar é o xel hodrolóxico xunto a que os residentes están pechados
nos seus cuartos.
Na residencia de Aldán “hai agora mesmo 18 positivos entre o persoal”
di Sonia Jalda. A falta de EPIs (Equipos de Protección Indiviuais) deixa
moi expostas ás persoas que traballan nestas residencias. Ante a falta
deste material “a semana pasada o concello doara á residencia de Aldán luvas e gafas, e a dirección puxo todo ese material baixo chave” di
Maribel Barreiro. “Non sabemos por que, non temos nin idea, o caso é
que o domingo 29 de marzo todas se plantaron esixindo o material de
protección”. E a isto sumarlle a falta de persoal abondo para atender
aos residentes.
“Estanse incumprindo as normas de protocolo de circuítos limpos para traballar, as
bolsas de roupa sicia están tiradas nos corredores, ademais de que
había xente que entraba en vestiarios coa funda sen cambiar, o vestiario
é unha zona de limpo” sinala Barreiro. “Cando a Xunta interveu as
residencias, houbo xente do SERGAS que renunciou dicindo que non traballaban con esas condicións”.
AMEAZAS DA DIRECCIÓN
Cando comezaron a ser públicas as mobilizacións e concentracións de
traballadoras e sobre todo, cando comezaron a aparecer nos medios, desde a empresa respóndese con ameazas “de despido por ir a concentracións, queren que a xente sexa da súa corda antes que persoal competente” di Sonia Jalda.
“DomusVi non prima o bo ambiente de traballo entre o persoal, sempre
estás en tensión, non sabes se tes a COVID-19, así que tentas extremar
as medidas de hixiene mais sen medios non sabes se o tes ou se o teñen
eles e ao mellor ti o levas para a casa” di Maribel Barreiro. Os niveis
de estrés son moi elevados. “Traballar con medo non che deixa facer
nada, como profesional sabes traballar, non me asusta o que teño diante,
o que non me gusta é non ter o material necesario e unha dirección que
ameaza”.
As ameazas subiron en intensidade cando, segundo as propias traballadoras, se presentou en varias residencias o director da Zona Norte de DomusVi, Pedro Fernández Miguélez, irmán da CEO da empresa, Josefina Fernández Miguélez. “Ameazou
ás traballadoras dicíndolles que había máis información fóra das
residencias que dentro e cando isto acabe, tomarían medidas e rodarían
cabezas. Isto foino dicir o martes 31 de marzo pola mañá”
describe Sonia Jalda. “Dixo que buscarían quen fai filtracións á prensa e
logo comezarían os despidos” sinala Maribel Barreiro. Finalmente, ante a
pregunta de por que a Xunta decide intervir cando o coronavirus xa tiña
infectado un número importante de residentes, as respostas son que
“DomusVi non quería que se lle escapase das mans, por iso foi persoal do
SERGAS”.
As traballadoras de DomusVi son un colectivo que demanda máis atención
en seguridade laboral, máis material sanitario e de protección. Tamén
demandan melloras salariais e laborais para non ter que quedar dúas
persoas en quenda de noite para atender ao mellor, a 150 persoas. De
momento, e aínda coas ameazas e as actuacións cando menos estrañas da
empresa, as empregadas seguirán demandando o que cren que é necesario." (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 04/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario